Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249 literactúa
O Concello de Carballo fai unha valoración positiva da Praza dos Libros 2010, pola que pasaron arredor de 10.000 persoas e na que houbo uns ingresos por venda de libros que superaron os 17.000 euros
Ao longo dos catro días de feira vendéronse nas sete librarías participantes arredor de 1.500 libros, dos cales uns 700 estaban editados en galego e uns 800 en castelán
Máis de 1.500 persoas participaron nas distintas actividades programadas
Os libros máis vendidos en galego foron Covalladas, de Xurxo Borrazás, e A intervención, de Teresa Moure, e en castelán El tiempo entre costuras, de María Dueñas, e Novedades, souvenirs, artículos de coña, de Rober Bodegas
[Carballo, 30 agosto de 2010]
O Concello de Carballo, desde a Concellaría de Cultura e Normalización Lingüística, fai unha valoración positiva da Praza dos Libros, que tivo lugar desde o xoves 26 ao domingo 29 de agosto no Xardín Municipal da capital bergantiñá, e na que se mantiveron tanto os niveis de venda como os niveis de participación da edición de 2009 que, pola súa vez, incrementara o volume de vendas con respecto á edición de 2008.
Ao longo dos catro días de feira pasaron pola Praza dos Libros arredor de 10.000 persoas e unhas 1.500 persoas participaron nas case 20 actividades programadas, entre presentacións de libros, actos de sinatura por parte dos/as autores/as, actividades de animación, concertos, monicreques, maxia, etc.
Con respecto ao nivel de vendas, houbo uns ingresos por adquisición de libros que superaron os 17.000 euros. Esta cifra é a mesma que en 2009, e supera os 15.000 euros de ingresos da edición de 2008. Deste xeito, a media de ingresos de cada unha das sete librarías participantes foi de case 2.500 euros.
Deste xeito, vendéronse na Praza dos Libros arredor de 1.500 libros, dos cales arredor do 45% foron libros en galego e arredor do 55% libros en castelán. Os máis vendidos na lingua propia de Galicia foron Covalladas. Prosa vertical, do autor carballés Xurxo Borrazás, e A intervención, de Teresa Moure, ambos os dous libros presentados na feira. Os libros máis vendidos en castelán foron El tiempo entre costuras, de María Dueñas, e Novedades, souvenirs, artículos de coña, do carballés Rober Bodegas, que estivo asinando exemplares.
Os momentos de maior asistencia foron o xoves pola mañá, o venres pola tarde e, sobre todo, o domingo pola mañá, cando a Praza dos Libros coincidiu co Feirón de Verán e cando se desenvolveu con moito éxito unha vez máis a iniciativa ?Un libro, un pan?, coa que cada persoa que comprou un libro foi agasallada cun dos 450 pans de Carballo que se repartiron.
Estas cifras son consideradas positivas tanto polo Concello como polas librarías participantes e consolidan a boa acollida da Praza dos Libros como unha referencia anual para a difusión do libro e da lectura.
O SNL de Carballo, e en colaboración con once medios de comunicación, convoca o VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores, co obxectivo principal de promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega. O prazo de presentación de artigos remata o 3 de maio
VI PREMIO A ARTIGOS XORNALÍSTICOS NORMALIZADORES
CONCELLO DE CARBALLO 2010
1. Obxectivos
O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración con varios medios de comunicación escritos, convoca o VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2010 cos seguintes obxectivos:
-Promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega.
-Crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego.
-Promover o uso do galego na prensa escrita.
2. Participantes
Poderán participar neste concurso de xeito individual todas aquelas persoas que o desexen, sen límites de idade, nacionalidade, profesión, etc. Cada participante poderá facelo cun único artigo.
3. Características dos artigos
Os artigos serán inéditos, deberán estar escritos en galego e deberán contar cos trazos máis significativos do estilo xornalístico: carácter divulgativo e/ou de opinión, estilo breve e directo, linguaxe xornalística, capacidade de incidencia, etc.
Neles deberase tratar algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, co argumentario en defensa do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a dinamización da lingua, coa política lingüística, etc.
Os artigos presentados deberán ter entre 2.000 e 3.500 caracteres con espazos incluídos (entre 350 e 600 palabras, aproximadamente).
4. Forma de presentación
Os artigos presentaranse nun sobre grande pechado, deberán estar asinados cun pseudónimo e neles non poderá figurar o nome nin ningunha outra referencia ao autor ou á autora.
Dentro do sobre grande incluirase tamén un sobre pequeno pechado que levará escrito por fóra o título do artigo e o pseudónimo da súa autora ou autor. No seu interior figurará o nome e apelidos do/a autor/a, o enderezo completo, o número de teléfono, o enderezo electrónico, os datos profesionais ou un breve currículo e o título do artigo e o pseudónimo utilizado.
Os artigos deberán presentarse por cuadriplicado no Rexistro de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística do Concello de Carballo (Pazo da Cultura) ou por correo certificado en sobre pechado no que se deberá incluír toda a documentación requirida. No remite debe sinalarse o pseudónimo empregado e na parte dianteira do sobre:
VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2010
Rexistro de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística
Pazo da Cultura, 1.º andar
Rúa do Pan s/n
15100 Carballo
Horario do rexistro: de 10.00 h a 13.30 h
5. Prazo de presentación
O último día para entregar os artigos será o 3 de maio de 2010, tanto no rexistro como en calquera oficina de correos.
6. Premio
Outorgarase un único premio de 1.200 euros e a publicación do artigo en todos os medios colaboradores.
7. Xurado
O xurado estará composto por tres persoas de recoñecida capacidade no ámbito ao que se refire a convocatoria e por un secretario ou secretaria, con voz e sen voto, en representación do Concello de Carballo.
8. Selección, avaliación e entrega do premio
Para a selección do traballo premiado, o xurado terá en conta:
-A capacidade de incidencia no público.
-A orixinalidade e atracción dos contidos e argumentos, así como do seu tratamento.
-O encadramento nun tema, ámbito ou sector concreto.
-A linguaxe xornalística e o estilo breve e directo.
-A clareza expositiva e a calidade lingüística.
Ao xurado correspóndelle avaliar e deliberar sobre os traballos presentados e poderá declarar deserto o premio, así como conceder libremente algún accésit, aínda que sen dotación económica.
A decisión do xurado farase pública no prazo máximo de 25 días despois do remate do prazo de entrega de artigos. A entrega do premio terá lugar nun acto público nunha data que se anunciará coa suficiente antelación. O/a autor/a premiado/a comprométese a asistir a este acto.
A data de publicación do artigo premiado nos medios colaboradores será anunciada canda a do acto público de entrega de premios.
9. Base final
O artigo premiado quedará en propiedade do Concello de Carballo, quen terá todos os dereitos sobre el.
Para a súa publicación, o artigo poderá ser revisado lingüisticamente.
Transcorrido un mes desde a entrega do premio, os artigos non premiados que non sexan recollidos serán destruídos.
A participación supón a total e plena aceptación destas bases, sobre as que diante de calquera dúbida prevalecerá unicamente a opinión do xurado.
Medios que colaboran con este Premio e que publicarán os artigos gañadores -A Nosa Terra
-A Peneira
-Diario de Bergantiños
-Radio Líder / El Periódico de Bergantiños
-Galicia Hoxe
-La Opinión de A Coruña
-La Voz de Galicia
-Longa Lingua
-Tempos Novos
-Vieiros
-Xornal de Galicia
+info
Servizo de Normalización Lingüística Concello de Carballo
Tfno.: 981 704 304
normalizador@carballo.org
www.carballo.org
Capítulo 13 da serie de internet Para mariñeiros nós. Nesta ocasión os protagonistas da serie, o capitán Cobiñas e Pinto, atópanse en Carballo, que celebra a Praza dos Libros, cos mellores escritores galegos, con quen manteñen un duelo de regueifas épico.
Este episodio contou coa colaboración especial dos escritores Paco Souto, Gustavo Pernas Cora, Suso de Toro e Manuel Rivas.
Xa está dispoñíbel neste blog unha reportaxe fotográfica da Praza dos Libros 09 que tivo lugar en Carballo entre o xoves 27 e o domingo 30 de agosto de 2009.
O artigo premiado no V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009, "A nena que berra", de María Pilar García Negro, publícase nos dez medios de comunicación escrita colaboradores co certame: A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, edición Carballo de La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia.
No caso dos medios diarios está no número do domingo 31 de maio, e no caso dos medios non diarios, no número inmediatamente posterior a esa data.
Na rede xa se pode ler o artigo nalgúns medios dixitais:
- O V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009, dotado con 1.200 euros e a publicación nos dez medios de comunicación colaboradores, foi para o artigo «A nena que berra», da profesora da Universidade da Coruña, sociolingüista, ensaísta e escritora María Pilar García Negro.
-Ao certame presentáronse 45 traballos, chegados de todas as partes de Galiza e incluso algún de fóra do país.
-A autora galardoada recollerá o premio o venres 29 de maio ás 21.00 h no Pazo da Cultura de Carballo, no transcurso do espectáculo poético multimedia Yolanda Castaño.
O xurado do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse o mércores 27 de maio para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 45 traballos de todas as partes do país e incluso de fóra, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.200 euros e a publicación do artigo en A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia, ao artigo titulado «A nena que berra», de María Pilar García Negro.
Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á imaxe moi plástica e moi visual que retracta e describe a situación actual de conflito lingüístico entre galego e castelán; á introdución de conceptos interesantes, modernos, novidosos e moi valiosos para a descrición sociolingüística, como «lingua inevitábel» ou «xustiza ecolingüística»; á súa calidade e ligazóns lingüística e argumentativa, cun fío discursivo que dirixe todo o artigo cunha tese que se defende durante todo o texto e que o pecha; e por considerar moi valiosos e útiles os argumentos defendidos.
María Pilar García Negro (Lugo, 1953) reside na Coruña. É doutora en Filoloxía e profesora titular da Universidade da Coruña. Como estudosa é experta en literatura e mais en sociolingüística galega. Neste último campo foi autora da primeira tese sobre lexislación lingüística galega, e publicou numerosos artigos e libros básicos na sociolingüística galega como O galego e as leis. Aproximación sociolingüística (1991), Sempre en galego (1993), O ensino da língua: Por un cámbio de rumo (1995) ou Direitos lingüísticos e control político (2000). No ámbito político foi, entre outras cousas, deputada polo BNG no Parlamento galego entre 1989 e 2003. No ámbito social foi presidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña e cofundadora do Comité español do Bureau Européen pour les langues moins répandues e delegada deste en Galiza entre 1985 e 1990. Na actualidade é directora da Fundación Bautista Álvarez.
O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo «GZ Power», do autor lugués Marcos Abalde Covelo. O accésit concédeselle pola capacidade de empatía que o artigo ten co público lector, pola súa fluidez, pola defensa dunha lingua moi viva, útil e válida para todos os contextos sociais, e pola introdución de optimismo discursivo e de toques de humor. Por estas razóns, o xurado recomendarlles aos medios de comunicación colaboradores a publicación destoutro artigo.
O xurado do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, redactora da revista Tempos Novos; Goretti Sanmartín Rei, sociolingüista e directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña; e Nel Vidal Barral, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo e presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).
Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.
Nas catro edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa ou Xesús Fraga.
Os medios de comunicación escrita que colaboran e que publicarán o artigo gañador son: A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia.
Acto de entrega do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009
ESPECTÁCULO POÉTICO MULTIMEDIA DE YOLANDA CASTAÑO
O acto de entrega do premio, ao que asistirá a propia autora premiada, María Pilar García Negro, terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo e consistirá nun espectáculo poético multimedia de Yolanda Castaño, un novo formato moderno e innovador para a poesía galega da man das novas tecnoloxías e unha moderna posta en escena achegada á música e ao audiovisual.
DÍA: venres 29 de maio
HORA: 21.00 h
LUGAR: Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo (Rúa do Pan s/n)
O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración con dez medios de comunicación escrita, convoca por quinto ano consecutivo o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o uso do galego na prensa escrita.
Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, co argumentario en defensa do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con accións de impulso ao uso social do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a dinamización da lingua, coa política lingüística, etc. Os artigos deberán ter entre 2.500 e 3.500 caracteres con espazos incluídos (entre 400 e 550 palabras, aproximadamente). O prazo de admisión estará aberto até o 8 de maio.
Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.200 euros, ademais da publicación nos dez medios colaboradores coa iniciativa: A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia.
Nas catro edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa e Xesús Fraga.
Xa foron publicados nos oito medio colaboradores os dous artigos gañadores do III Premio a artigos xornalísticos normalizadores. Concello de Carballo 2007.
O artigo que recibiu o primeiro premio, "Obreiras, tolos, escolares, poetas... A lingua galega nas cidades", de Miguel Mosquera Fociños, pódelo ler na rede en:
-Vieiros
O xoves 1 de febreiro, o programa As Quimbambas da Radio Galega fixo unha reportaxe sobre o comezo de Literactúa. Nel participaron Diego Ameixeiras, o primeiro autor proposto neste proxecto, e Belén Lendoiro, concelleira de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística de Carballo.
Aquí están os case vinte minutos de entrevista.
Por outra banda, o carballés Quico Balay publica hoxe, 2 de febreiro, en La Voz de Galicia unha interesante crónica do acto titulada Retrato dun mozo "oitocentoseurista". Uns grolos con Diego Ameixeiras. Pódese ler aquí.
Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0