lingua


OFF
A CTNL denuncia que o Concello de Vimianzo elimina o seu Servizo de Normalización Lingüística e rexeita as subvencións concedidas
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) denuncia que o Concello de Vimianzo eliminou inxustificadamente o seu Servizo de Normalización Lingüística, despediu do seu posto de traballo ao técnico responsábel e decidiu non pedir ningunha subvención para o mantemento deste servizo.

Segundo denuncia a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), o Concello de Vimianzo decidiu eliminar de xeito inxustificado o seu Servizo de Normalización Lingüística, para o que despediu ao técnico responsábel e rexeitou a axuda económica de 12.000 euros anuais que a Deputación da Coruña lle concedía para o mantemento deste servizo durante o período 2009-2011 (36.000 euros en total).

O acordo foi tomado na Xunta de Goberno Local do pasado 20 de outubro, na que o Concello decidiu «non solicitar a subvención para o programa de cooperación cos concellos da Coruña para a creación ou mantemento de servizos de normalización, anualidades 2009-2011» e «comunicarlle ao interesado, que vén prestando os servizos de normalizador, a supresión da devandita praza».

As razóns que alega o Concello son que a Deputación, para a concesión da subvención, pon como requisito que se debe contar cun titulado superior (grupo A ou equiparado), e que a subvención concedida non cubre a totalidade dos custos.

Desde a CTNL informaron ao alcalde de Vimianzo, o socialista Alejandro Rodríguez, que, en primeiro lugar, o persoal responsábel do SNL debe ter uns coñecementos e capacidades correspondentes a unha licenciatura e, polo tanto, a súa categoría profesional debe ser acorde coa súa formación (non facelo así sería ilegal) e, en segundo lugar, ningunha subvención pode cubrir a totalidade dos custos do proxecto subvencionado. Tamén o informaron de que ademais dos 36.000 euros que lle concedía a Deputación da Coruña, anualmente a Xunta de Galicia convoca unha liña de subvencións compatíbeis con calquera outra para financiar os servizos de normalización, que o Concello de Vimianzo rexeita solicitar.

Coa desaparición do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vimianzo tamén desaparece a acción normalizadora e a intensa actividade que até o de agora se desenvolvía dende esa administración. Algunhas das accións desenvolvidas por este servizo que fora creado en 2005 poden consultarse aínda no sitio web que o propio servizo mantiña: www.vimianzo.es/lingua.

Ante esta situación, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) dirixiuse ao alcalde de Vimianzo para solicitar que o Concello reconsidere a súa decisión e que non suprima ese servizo, que non rexeite os 36.000 euros que a Deputación lle concede ao seu municipio, que se dote de persoal técnico estábel para a normalización da lingua galega e lle dedique ao Servizo de Normalización Lingüística os recursos económicos e materiais necesarios para o desenvolvemento do seu traballo.

Ademais, a CTNL tamén denunciará esta situación ante todos os grupos políticos con representación municipal (BNG, PP, PSOE e Grupo Mixto), e informará á Deputación da Coruña, á Dirección Xeral de Administración Local e á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

+ Info
Comentarios (1) - Categoría: [Varios] - Publicado o 25-11-2008 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
RESUMO DAS ACTIVIDADES DO SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO CONCELLO DE VIMIANZO PERÍODO: NOVEMBRO DE 2007 A OUTUBRO DE 2008
RESUMO DAS ACTIVIDADES DO SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO CONCELLO DE VIMIANZO
PERÍODO: NOVEMBRO DE 2007 A OUTUBRO DE 2008

1.Posición do SNL dentro do organigrama do Concello

O SNL do Concello de Vimianzo depende da Concellaría de Benestar Social, Promoción da Igualdade, Cultura, Deporte, Xuventude e Ensino.

2.Funcións do SNL

As funcións do SNL veñen detalladas nas Bases reguladoras da convocatoria para a concesión de subvencións aos concellos da provincia da Coruña para a normalización da lingua galega (BOP do 22 de outubro de 2004), xa que a Deputación da Coruña, ao abeiro desta orde, é a administración que achega a maior cantidade de diñeiro para o financiamento do servizo. Estas funcións, tal e como se recolle nas ditas bases son:
a) Velar porque sexa aplicada a Lei de normalización lingüística de Galicia, no ámbito de actuación do concello correspondente, así como a Lei do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais. As accións máis importantes serán: confección en galego das actas, edictos, convocatorias de sesións, ordes do día, ditames das comisións informativas, mocións e traducións de todos os impresos oficiais en lingua galega.
b) Ofrecerlle ao público asesoramento lingüístico para a corrección de textos galegos e para a súa tradución, se fose posible.
c) Impulsar a normalización do galego nos diferentes ámbitos da vida pública.

A Consellaría de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia na súa Orde do 12 de xuño de 2008, pola que se regula a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a normalización da lingua galega (DOG de 24 de xuño)tamén establece unha serie de funcións:
a) Aspecto lingüístico:
-Tradución para o galego de textos e documentos da entidade local (confección de actas, edictos, convocatorias de sesións, ordes do día, ditames das comisións informativas, mocións...).
-Corrección documental.
-Deseño de documentación formal.
-Contribuír na elaboración dun modelo de regulamento do uso do galego nas entidades locais, así como promover a súa posta en práctica.
-Resolución de dúbidas lingüísticas.
-Promoción e organización de cursos de capacitación lingüística para o persoal municipal segundo as carencias detectadas.
-Participación activa na execución do Plan xeral de normalización da lingua galega (os servizos lingüísticos poden ser uns axentes normalizadores neste ámbito de actuación da administración local e póñense a disposición das autoridades competentes nesta materia para colaboraren en calquera proxecto de implementación do status que se poña en marcha en todas as súas fases: estudo previo, deseño, implementación, avaliación), así como na execución das medidas previstas para este sector no devandito plan.
b) Aspecto sociolingüístico:
-Elaboración de propostas de dinamización lingüística, sobre todo, para os ámbitos de intervención que figuren no Plan xeral de normalización lingüística e sexan de maior interese para a entidade.
-Regulación dos usos e perfís lingüísticos da entidade local.
-Difusión á cidadanía dos seus dereitos lingüísticos.
-Elaboración e seguimento da posta en práctica do Plan municipal de normalización lingüística.
-Coordinación das actuacións con outros servizos lingüísticos ou entidades que persigan os mesmos fins normalizadores.
-Difusión, sensibilización e información das ferramentas lingüísticas existentes.
-Promover que na regulamentación municipal figuren unhas cláusulas que establezan que:
-Todos os departamentos e organismos dependentes das deputacións e concellos (oficinas de atención ao público, instalacións deportivas, televisións e radio municipais, servizos de augas, etc.) teñan a lingua galega como idioma xeral de referencia oral e escrito.
-Os actos xurídicos documentados e as relacións xurídicas e notariais da Administración local que se refiran a actividades de ámbito galego redactaranse en lingua galega.
-As intervencións xudiciais da Administración realizaranse en lingua galega.
-Todos os traballos topográficos e cartográficos que fagan ou encarguen as administracións locais teñen que levar incorporada a recolla da microtoponimia, consonte o sistema deseñado pola Comisión de Toponimia, e o material toponímico recollido deberá ser remitido ao SITGA, para a súa organización e posta a disposición da sociedade na Rede.
-Todos os contratos e axudas públicas, de calquera tipo, deberán producir un aumento efectivo do galego na entidade receptora. O SNL avaliará o seu cumprimento.
-Toda aquela prestación froito dun contrato subscrito por unha entidade local ofrecerase, como mínimo, en lingua galega.
-A facturación que emitan os provedores da Administración local virá redactada, como mínimo,en lingua galega.

3. Tarefas do SNL

Tendo como referencia as funcións sinaladas anteriormente o SNL do Concello de Vimianzo desenvolvía as seguintes tarefas:

Tarefas xerais internas
- Asesorar á administración en todo o relacionado coa política lingüística.
- Facer un seguimento do cumprimento da lexislación en materia lingüística por parte da institución e, polo tanto, velar para que se lle garantan os dereitos lingüísticos á cidadanía.
-Colaborar coa administración para determinar os perfís lingüísticos necesarios en cada un dos postos de traballo e colaborar nas probas e procesos selectivos para que se avalíen convenientemente os coñecementos lingüísticos por parte dos/as aspirantes.

Dinamización
-Planificar, xestionar, executar e avaliar accións a prol da lingua galega seguindo as directrices de política lingüística do organismo.
-Fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social..
-Propoñer programas dinamizadores e actividades concretas que conciencien á sociedade respecto ao uso da lingua galega.
-Propiciar e xestionar liñas de información e axuda dirixidas á rede asociativa, empresarial e educativa para fomentar o uso do galego.
-Promover e coordinar grupos de persoas interesadas no proceso de normalización lingüística para que funcionen como axentes normalizadores na sociedade.

Formación
-Planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos.
-Difundir materiais que contribúan á tarefa normalizadora: dereitos lingüísticos, lexislación, recursos lingüísticos, etc.
-Colaborar no deseño de programas de formación non lingüística para garantir a presenza do galego e de contidos favorábeis á mellora de actitudes lingüísticas.

Asesoramento
-Mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración.
-Normalizar a imaxe lingüística e fixar criterios lingüísticos para a organización.
-Resolver dúbidas lingüísticas.

4.Actividades desenvolvidas

DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA

1.Valorando a terceira idade
Data: todo o ano
Destinatarios: maiores de 65 anos do Concello de Vimianzo
Organizada en colaboración co Departamento de Servizos Sociais do Concello de Vimianzo

2.Concurso de felicitacións de Nadal: “Felicita o Nadal en galego”
Data: novembro-decembro de 2007
Participantes: alumnado de infantil, primaria e ESO dos centros de ensino do municipio ou de aqueles municipios limítrofes nos que haxa matriculados alumnos procedentes do Concello de Vimianzo
Organizada en colaboración cos EDNL dos centros de ensino participantes

3.Carta para Papá Noel
Data: decembro de 2007
Destinatarios: alumnado de infantil e primaria dos centros de ensino do municipio

4.Charla acerca do Servizo de Normalización Lingüística no IES Terra de Soneira
Data: febreiro de 2008
Destinatarios: alumnado de ESO do IES Terra de Soneira
Organizada en colaboración co EDNL do IES Terra de Soneira

5.Ceiba de libros na Zona de Cruzamento de Bookcrossing do Castelo de Vimianzo
Data: 29 de febreiro de 2008
Destinatarios: cidadanía do Concello e visitantes do castelo de Vimianzo
Organizada en colaboración cos EDNL do CEIP San Vicenzo de Vimianzo e do IES Terra de Soneira

6.Concurso de recollida de tradición oral para conmemorar o Día das Letras Galegas
Data: abril-maio de 2008
Destinatarios: alumnado de primaria, ESO e Bacharelato dos centros de ensino do Concello de Vimianzo ou de aqueles municipios limítrofes nos que haxa matriculados alumnos procedentes do Concello de Vimianzo
Organizada en colaboración cos EDNL dos centros de ensino participantes

7.Concurso “Murais pola Lingua”
Data: xuño de 2008
Destinatarios: mozas e mozos de entre 12 e 17 anos

8.Contador
Data: 22 de xuño de 2008
Destinatarios: toda a cidadanía do Concello
Organizada en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística

9.Proxección do filme “Pradolongo”
Data: 13 de xullo de 2008
Destinatarios: toda a cidadanía do Concello
Organizada en colaboración coa produtora Vía Láctea Filmes

10.Publicación que recolle a tradición oral do municipio
Data: outubro de 2008

11.Blog do Servizo de Normalización Lingüística
Data: todo o ano
Número de visitantes: 4638 (3/11/08)
Número de páxinas vistas: 7337 (3/11/08)



FORMACIÓN

1.Organización de cursos preparatorios para as probas de CELGA 4
Datas: outubro de 2007 e agosto de 2008
Destinatarios: cidadanía do municipio maior de 16 anos
Persoas matriculadas: 70 persoas
Organizados en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística

2.Inscricións nas probas de CELGA
Datas: novembro de 200 e setembro de 2008
Destinatarios: cidadanía do municipio maior de 16 anos
Matrículas xestionadas: 56

3.Obradoiro de atención ao público para comerciantes
Data: febreiro de 2008
Destinatarios: empregados de comercio do Concello de Vimianzo
Participantes: 19

4.Difusión dos cursos de Linguaxe administrativa galega convocados pola Xunta de Galicia e pola Deputación da Coruña
Destinatarios: cadro de persoal do Concello de Vimianzo

5.Difusión dos cursos relacionados coa lingua galega no Plan de Formación 2008 da Deputación da Coruña
Destinatarios: cadro de persoal do Concello de Vimianzo

5.Recursos económicos
O Servizo de Normalización lingüística do Concello de Vimianzo estivo durante este período financiado pola Deputación da Coruña, ao abeiro da Convocatoria de subvencións aos concellos da provincia da Coruña para a normalización da lingua galega e pola Dirección Xeral de Administración Local da Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia ao abeiro da Orde do 12 de xuño de 2008, pola que se regula a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a normalización da lingua galega (DOG de 24 de xuño)da seguinte maneira:
Deputación da Coruña: 12.000€ destinados ao salario do técnico de normalización lingüística
Xunta de Galicia: 4.220€ destinados ao financiamento de campañas
Comentarios (1) - Categoría: [Varios] - Publicado o 05-11-2008 11:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

CONTACTO
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 FOTOBLOGOTECA



hit counter

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
© by Abertal