Lectores Galegos en Bos Aires



Perfil
lectoresenbosaires@gmail.com
 O que lemos
 Buscador
 Blogomillo
 Esas lecturas pasadas
 Anteriores
 Destacados

Cultura bravú e novela negra
O xornalista televisivo Carlos Seoane dirixe na Canle 69 da cidade de Lugo o magazine diario Estamos.com.O equipo do seu programa pretende conseguir en exclusiva as imaxes do secuestro de Manuel Rivas por parte dun grupo neonazi nun encontro de escritores. O rapto resultará equivocado e dará pé á pesquiza do subcomisario Alberte Sanxil. Narratividade trepidante, humor delirante, presencia constante da televisión convertida en espello da sociedade contemporánea e a cidade de Lugo convertida en escenario dunha trama de intrigas, corrupcións e escandalos urbanísticos en As horas sucias.




Entrando directamente no xénero máis escuro da novela Jaureguizar amosa con As horas sucias a súa face máis escabrosa. Un ritmo áxil de narración mestúrase cunhas descricións húmidas e pegañentas que conseguen crear un ambiente as veces claustrofóbico, no que a propia investigación típica do xénero fica nun lugar secundario, agochada pola degradación humana e o ritmo da acción. Na historia que conta As horas sucias a estrela televisiva Carlos Seoane vive as súas horas sucias. Perdida a súa influencia de décadas anteriores, procura sobrevivir nunha televisión local buscando espectáculo con noticias reais ou inventadas. Atópase profesionalmente en saldo e coa súa familia empezando a facer augas, trata de durmir nas noites insomnemente longas mercando colchóns compulsivamente. No eido laboral, planea o secuestro do escritor Manolo Rivas para obter unha suba de audiencia coa exclusiva. [Culturagalega]




Ficha do libro
Título: As horas sucias
Ano de Publicación: 2001
Autor: Santiago Jaureguizar
Editorial: Edicións Xerais de Galicia
ISBN: 84-8302-674-0

O autor
Santiago Jaureguizar (Bilbao, 14 de agosto de 1965) é un xornalista e escritor galego. Aínda que nado en Bilbao, viviu practicamente toda a súa vida en Lugo. Xornalista de profesión, desenvolve o seu labor na sección de Cultura de El Progreso de Lugo, onde mantén unha columna dominical sobre libros. No ano 2005 obtivo o Premio de Xornalismo Reimóndez Portela.
Encadrado no movemento Bravú, foi productor de Rock Bravú de Xavier Valiño (1999). Foi pioneiro na introdución da literatura galega na rede, con proxectos como "Familia feliz" en Vieiros ou a web Ínfimos. Tamén ocupa o posto de "vocalizador" en Elvis Christo Furious Machine, grupo de narrativa trip-hop.
Como escritor de ficción publicou o libro de relatos Fridom spik(1995) e as novelas Todo a cen (1995), Comendo espaguetis diante da televisión (1998) e As horas sucias (2001). Foi Premio Lueiro Rey 2001 con Breve crónica universal da clase obreira e Premio Xerais con Casa Skylab (2003). A súa obra tamén abrangue a narrativa para os mozos e é autor da peza teatral para rapaces Estación Mir (2003). Mantén aberto o blog Cabaret Voltaire.


Para leer máis
Sobre o autor na Wikipedia

Sobre o autor na Biblioteca Virtual Galega

Sobre o autor en Galaxia

Sobre o autor en Xerais

Sobre a novela en Xerais

Un artigo de Santiago Jaureguizar en Vieiros

Sobre a novela no portal do Consello da Cultura Galega

Comentario sobre As horas sucias no portal do Consello da Cultura Galega

O blog de Santiago Jaureguizar
Palabras engadidas (2) - Categoría: Novelas - Publicado o 24-09-2008 17:16
# Ligazón permanente a este artigo
As horas sucias

Palabras engadidas (0) - Categoría: Novelas - Publicado o 22-09-2008 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
Un enigma na Segunda República
Un doble crime cometido no balneario de Mondariz a finais da década dos 20 serve de trama para unha novela áxil, directa e chea de matices protagonizada por un xornalista obeso, cincuentón e descrido. A novela gañadora do García Barros 2003, é un apaixonante thriller, co que Xabier López López mergúllanos no pracer da novela negra con maiúsculas.


A novela gañadora do García Barros 2003, premio organizado polo Concello da Estrada, é un apaixonante thriller, unha novela de trama policial protagonizada por un xomalista e concibida cunha vontade de estilo posta ao servicio da narración. Destaca pola súa capacidade para captar o interese do lector e pola extraordinaria recreación de ambientes e personaxes da época na que se desenvolve: a burguesía industrial, a bohemia literaria e os medios de comunicación durante a Segunda República. O autor tensa maxistralmente a corda do suspense nunha historia trepidante que acaba por fascinar os lectores.
A novela de Xabier López López iníciase no balneario de Mondariz, onde se vai celebrar unha voda da alta sociedade da época. A partir dun dobre asasinato desátase unha cadea de acontecementos que han levar ao xornalista Sebastián Faraldo a intentar clarexar toda unha lea de intereses e paixóns ocultas. O protagonista percorrerá diferentes escenarios: en Madrid, os baixos fondos e os cafés literarios; en Bilbao vai topar co lado escuro da industria siderúrxica; en Pontevedra e Vigo terá que loitar contra a incomprensión e a intolerancia dos poderes públicos e da prensa.
[presentación editorial]



Ficha do libro
Título: A vida que nos mata
Ano de Publicación: 2003
Autor: Xabier López López
Editorial: Galaxia
Número de pax.: 264
ISBN: 84-8288-639-8



O autor
Xabier López López é un escritor galego nado en Bergondo en 1974.
Veciño de Betanzos dende 1993, este licenciado en Dereito pola UDC desenvolveu, paralelamente á súa carreira literaria, diversas actividades relacionadas co asociacionismo e coa actividade política, que o levaron a presidir a Asociación Cultural Eira Vella (1999-2003) ou a desenvolver, coma concelleiro polo BNG, as delegacións de Urbanismo, Vivenda e Casco Histórico no Goberno bipartito de Betanzos durante a lexislatura 2003-2007.
Colaborador asiduo de prensa e escrita e dixital (A Nosa Terra, De Luns a Venres, Grial, GZ nación, entre outras), foi reelixido coma concelleiro nas eleccións municipais de 2007 polas listas do BNG, formación da que é membro do Consello Comarcal da Coruña e Secretario de Medio Ambiente na súa Executiva. Entre os diversos galardóns que recibiu a súa obra, cabe destacar o Premio Risco de Literatura Fantástica pola súa novela O caderno (2001), o Premio Lueiro Rey de novela curta por O mono no espello (2002) ou o premio García Barros pola súa novela A vida que nos mata (2003), obra igualmente distinguida co Premio da Crítica de narrativa galega en 2004.



Para leer máis
Sobre o autor na Wikipedia

Sobre o autor en Galaxia

Un conto de López López

Sobre a novela no portal do Consello da Cultura Galega
Palabras engadidas (0) - Categoría: Novelas - Publicado o 04-09-2008 16:14
# Ligazón permanente a este artigo
A vida que nos mata

Palabras engadidas (0) - Categoría: Novelas - Publicado o 04-09-2008 16:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0