Lectores Galegos en Bos Aires



Perfil
lectoresenbosaires@gmail.com
 O que lemos
 Buscador
 Blogomillo
 Esas lecturas pasadas
 Anteriores
 Destacados

Un sorteo para este sábado de tertulia
Como sabedes, a tertulia deste sábado vai ter unha hora máis de duración xa que o conto de Víctor F. Freixanes y a novela de Xosé Luis Méndez Ferrín convidan a un traballo extenso. Por iso, comezaremos ás 15. Para alentar e agradecer o esforzo de todos vós, faremos un pequeno sorteo de exemplares da revista GRIAL na que o voso compromiso coa literatura galega foi protagonista dunha crónica da autoría de Andrea Cobas Carral.

Non esquezades traer un chisquiño de sorte!!

Palabras engadidas (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-08-2007 01:49
# Ligazón permanente a este artigo
Anxos custodios




Sempre é unha honra engadir novos autores ao noso traballo, pero no caso de Víctor F. Freixanes o que facemos é, ademáis, achegarvos a un amigo destas tertulias que protagonizades. Cun dos seus contos, enviado especialmente por él para vós, coñeceremos a un escritor, xornalista, editor, académico fundamental da Galiza de hoxendía.



Sobre o autor
Pódese dicir de Victor F. Freixanes que é escritor, editor, xornalista e académico. E non se falta á verdade. Pero, sen dúbidas, foi o bo e xeneroso Isaac Díaz Pardo quen enunciou a definición que mellor o perfila: chamouno ?arma danzas?. Ben o sabemos nosotras que o tivemos na outra beira do Atlántico alentando e regalando suxestións e coñecemento para este proxecto.

Profesor titular da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Víctor F. Freixanes (25 de agosto de 1951) é doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela, universidade na que tamén se licenciou en Filosofía e Letras en 1973 e realizou estudios de Xeografía e Historia. Sen embargo, as súas inquietudes levárono a comezar a estudiar Xornalismo na Complutense de Madrid, cidade na que tamén traballaría como correspondente de Galicia e Portugal para o xornal Informaciones.

Xornalista, investigador, docente, empresario,... as actividades que desenvolve Freixanes son amplas e moi diversas. Durante case nove anos estivo exercendo como profesor no ensino medio, onde chega a catedrático numerario de Bacharelato no INB Santo Tomé de Freixeiro, en Vigo. A partir de que se lle concede a Excedencia Voluntaria, pasará a exercer labores de docencia na Universidade de Santiago de Compostela, primeiro como profesor asociado e logo como titular da Facultade de Cc. Da Información da USC (1992), facultade na que tamén dirixe cursos de doutoramento.

Xornalista en Radio Galicia - Cadena Ser, Cope- Vigo e colaborador nos xornais El Correo Gallego, La Voz de Galicia ou Faro de Vigo, Víctor F. Freixanes é membro do Consello da Cultura Galega desde 1983, primeiro como responsable da Área de Lingüística do CCG, sección na que xestionou a edición de numerosas publicacións (Galicia sen libros. Informe sobre a realidade editorial galega, O galego na Universidade, O idioma galego na Igrexa, etc. ) e máis tarde como membro da Comisión Técnica de Comunicación do Consello da Cultura Galega. Desde xullo de 2002 forma parte do Pleno do CCG como personalidade electa.

Membro do xurado do Premio de Novela Gonzalo Torrente Ballester, do xurado do premio Xulio Camba e secretario do Premio de Xornalismo de Opinión Roberto Blanco Torres, entre outros cargos, a obra literaria de Freixanes tamén é ampla e distinguida e de entra ela destaca a narrativa. A caza das cascudas, 1980 (premio de narrativa curta Modesto R. Figueiredo, O triángulo inscrito na circunferencia , 1982 (Premio Blanco Amor, premio da Crítica Galega, premio da Crítica Española en lingua galega), O enxoval da noiva, 1988 (premio da Crítica Galega e da Crítica Española en lingua galega ou a Cidade dos césares, 1993 (premio Torrente Ballester), son algunhas delas, aínda que tamén é autor de numerosos ensaios e estudios de carácter literario e de investigación sendo a obra colectiva Galicia, unha luz no atlántico, un dos seus últimos traballos como coordinador da publicación.

Ademais da súa faceta como traductor ou como director de cursos e seminarios, cabe destacalo como empresario de comunicación, ámbito no que desenvolveu relevantes cargos: Director Xeral de Edicións Xerais de Galicia (entre 1989 e 1993), director da División de Edicións do Grupo Anaya (1994- 1998), Director Xeral de Alianza Editorial, S.A (1994- 1998) e, desde xullo de 2002, Director Xeral da Editorial Galaxia, en substitución de Carlos Casares.

Un artigo

Emigrantes


Firma: VÍCTOR F. FREIXANES


SEGUNDO ou profesor Xosé Antonio Fraiz, que utilizou para ou seu traballo datos procedentes principalmente do INE, na actualidade podemos contabilizar arredor de 1.200.000 galegos espallados polo mundo: galegos fóra de Galicia, medio millón dous cales residen nas nacións de Latinoamérica (arredor de 250.000 na Arxentina), case outro medio millón noutras cidades españolas (nas comunidades de Madrid e Cataluña, sobre todo) e uns 250.000 noutros países, a maioría non continente europeo, pero tamén en Asia, Australia e África. Outros estudos elevan a cifra a 3.000.000, e nalgunha ocasión a Consellería de Emigración dá Administración anterior mesmo arriscou a cantidade de case 10.000.000 de galegos, contando a primeira, segunda e terceira xeración, que dun xeito ou doutro se recoñecían como tales.

Só na cidade de Bos Aires hai, a día de hoxe, unhas 90.000 persoas censadas como naturais de Galicia, con dobre nacionalidade (arxentina e española), que poden exercer ou seu dereito a voto. Nos anos 50 e 60 esa cifra chegaba a case medio millón. Sempre se dixo que a cidade de Bos Aires era a cidade do mundo onde máis galegos residían, por riba de calquera dás cidades de Galicia. A segunda, por certo, era ata hai ben pouco Madrid. En Sídney, en Nairobi, en Moscova, en Copenhague, en Westminster-California, na Ushuaia (Terra de Fogo) hai centros ou sociedades galegas organizadas. Non sei de ningunha na China (polo de agora). Na Suíza hai dezanove. En Venezuela, vintedúas. Non Brasil, dezasete. E só na devandita cidade de Bos Aires (sen contar ou resto dá Arxentina), trinta e seis.

¿Que facer con todo ese capital humano? ¿Realmente é unha riqueza (como sosteñen algúns) ou simplemente unha memoria histórica, que estiña e cerra ciclo? Esta segunda posición non é tan doada de manter: seguimos exportando man de obra, barata e cualificada, uns para Canarias, por exemplo, e outros para centros de alta tecnoloxía ou de forte esixencia empresarial en Madrid, Barcelona e na Unión Europea. Unha dás características deste novo tempo é a elevada saída de individuos con formación universitaria que teñen que procurar ou futuro fóra do país. Non lle chamamos emigración, na oferta libre dá sociedade global, pero na práctica como tal se manifesta, na medida en que a grande maioría deses mozos e mozas quixeran desenvolver a súa actividade aquí, na sociedade na que se recoñecen e que investiu recursos na súa formación, e non poden facelo. A cuestión resulta máis preocupante nun país con taxas demográficas tan baixas coma as nosas.

¿Que facer con ese capital?, repito. Está aí, é ou resultado de circunstancias históricas, de acordo, mais deberiamos sabelo encarreirar, activar, aproveitar, na tan necesaria rede global de intereses que caracterizan a sociedade mundializada. Outros non teñen semellante púo: punto de apoio para introducir unha dás posibles pancas dá transformación e ou cambio. Sei que hai quen non cre nisto. Sei que hai quen pensa que a Galicia exterior non é máis ca un xigantesco hospital de caridade. Eu non ou creo, sinceramente. Falamos dá segunda e terceira xeración sobre todo: fillos e netos daqueles que un día marcharon, moitos deles ben situados e integrados nas súas respectivas comunidades. Ou pai de Manolito logrou mandar vos seus fillos á universidade. Están aí. Non son un produto de ficción. Deberiamos falar disto.

Mércores, 26 de Julio de 2006

Entrevista

Entrevista | Víctor F. Freixanes

«A modernidade pasa pola construción da identidade»

O director xeral da editorial Galaxia repasou no Simposio Pondaliano a evolución da cultura galega desde 1846.

Víctor Freixanes falou onte na Casa dos Veciños de O Couto, en Ponteceso, de rexurdimentos, deses momentos álxidos da historia cultural galega que serviron para configurar a identidade dun pobo.
-¿Por que escolle o ano 1846 como data de inicio deste repaso?
-A revolución de 1846 e os Mártires de Carral son, segundo un libro de Xosé Ramón Barreiro que imos reeditar, o primeiro galeguismo, a primeira conciencia política do galeguismo, a primeira vez que o país asume a súa propia forza para construír a súa propia historia.

-¿E como se gradúa esa evolución ata os nosos días?
-O que conto é a crónica do Rexurdimento ou dos distintos rexurdimentos ata hoxe a través das empresas culturais. Houbo un momento, entre os anos 1863 e 1880, con Eduardo Pondal, Rosalía ou Curros, centrado na Biblioteca Galega de 1875, a primeira empresa editorial vinculada á cultura galega. Logo viñeron as Irmandades da Fala e a primeira reivindicación dun uso normal do galego en 1916. Máis adiante, nos anos 20, a editorial Nós de Ánxel Casal, que sumou 350 títulos. O franquismo machucou todo iso. Despois chegaron as editoras do exilio, Galaxia en 1950 e o despegar cultural desde 1979.

-E a historia cultural segue, ¿por que camiños e con que retos?
-Hoxe os desafíos están nas novas tecnoloxías e na globalización, hai que ser capaces de competir.

-¿Como perfila o futuro desenvolvemento da cultura?
-A modernidade pasa pola construción da identidade. Se o país despega economicamente, a cultura vai soa. O problema é a demografía e que nos están a baleirar de recursos e industrias. A cultura galega resiste como gato bandullo arriba, aguanta heroicamente a pesar dos propios complexos. Se non os superamos, seremos uns señores de segunda.


Fontes e mais materiais
http://gl.wikipedia.org
http://bvg.udc.es/
http://www.lavozdegalicia.es
Palabras engadidas (0) - Categoría: Contos - Publicado o 24-08-2007 01:38
# Ligazón permanente a este artigo
No ventre do silencio
Xosé Luis Méndez Ferrín é un autor coñecido para nós logo da lectura que fixemos dalgúns dos seus contos publicados no libro Arraianos. Con todo, nesta novela mergullaremos plenamente no seu virtuosismo, na súa destreza para edificar inquietante mundos e personaxes, e nunha cidade calada e complexa que é a Compostela dos anos 50. Vinde, que merece a pena!

Ficha do libro
Titulo: No ventre do silencio
Autor: X.L. Méndez Ferrín
Ano de Publicación: 1999
Editorial: Xerais
Sinopse:

Sobre o libro
Ao xeito dunha nova Casa da Troia, a coñecida novela de Pérez Lugín, No ventre do silencio recupera a historia dunha xeración de universitarios composteláns, no remate dos anos 50. Desta intención do autor dan fé as citas coas que se inicia a novela: ?Cada xeración deberá fabricar a súa cidade? (Antonio Sant´Elia) , ?Permitín á cidade entrar na miña mente? (John Barnie). O núcleo da trama xira ao redor das peripecias dos catro ?Troianos Redivivos? (Lobariñas, de Vilanova de Cerveira e Lisardo Leira Pazó de Ferrol, que vivián na pensión da rúa Troia 12, 3º; Príncipe de Ourense e Alberte Comesaña de Vigo, aos que se une o estudiante santiagués Luis Alvite, o Brétemas) e dos acontecementos acaecidos na Universidade Compostelana durante dous cursos académicos, que coinciden co levantamento nacionalista de Hungría en 1956. No ventre do silencio, reconstrúe a memoria dunha época dominada polo escurantismo, o cheiro a incenso e o fanatismo político. Parodia e superación do xénero da estudiantina, é tamén unha novela de iniciación, de aprendizaxe nun tempo de silencio. Alén de mostrar os distintos estamentos sociais: universidade, igrexa, rancia aristocracia, clase media ilustrada, estrato popular ?leiteiras, costureiras, criados, prostitutas- ou a canalla fascista, No ventre do silencio refire a conformación dun novo pensamento nacionalista incardinado na tradición europea de J.P. Sartre, e afastado da orientación que ata daquela monopolizaba o galeguismo. No ventre do silencio é unha novela sen concesións, rebordante de imaxes, sons e aromas. A extraordinaria riqueza das descricións, a evocación da atmosfera da época, a creación lucidísima de imaxes, as homenaxes literarias do autor (Dámaso Alonso, Torrente Ballester, M. Proust), a extensa galería de personaxes, o manexo de diversas técnicas narrativas, o dominio dunha linguaxe prodixiosa, fan de No ventre do silencio un dos cumes da narrativa contemporánea. Unha novela coral que pecha o século.
4ª Edición - Premio Eixo Atlántico de Novela, 1998 - Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega, 2000 - Premio da Crítica Española, 2000

Pódese ler un breve ensaio sobre a novela titulado ?Compostela y la resistencia universitaria: de No ventre do silencio a Memoria do diaño? da autora Ana Acuña na páxina http://www.ucm.es/BUCM/revistas/fll/0212999x/articulos/RFRM0202220269A.PDF

Sobre o autor
Xosé Luis Méndez Ferrín (Ourense, 1938) é a figura cimeira da cultura galega contemporánea. O seu labor abrangue os ámbitos da narrativa, da crítica, da investigación, do pensamento e da acción política e social. Doutor en Filoloxía, catedrático de Literatura e director da revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro. A súa obra narrativa iniciouse con Percival e outras historias (1958), ao que logo seguiron O crepúsculo e as formigas (1961); Arrabaldo do norte (1964); Retorno a Tagen Ata (1971); Elipsis e outras sombras (1974); Antón e os inocentes (1976); Crónica de nós (1980); Amor de Artur (1982); Bretaña, Esmeraldina (1987, 2007, Premio da Crítica Galicia); Arraianos (1991, Premio da Crítica Galicia, Premio da Crítica Española e Premio Losada Diéguez); e No ventre do silencio (1999, Premio Eixo Atlántico, Premio da Crítica Española). A súa produción poética está composta por títulos como Voce na néboa (1957), Antoloxía Popular (1972), asinada co heterónimo de Heriberto Bens; Sirventés pola destrucción de Occitania (1975); Con pólvora e magnolias (1977, Premio da Crítica); Poesía enteira de Heriberto Bens (1980); O fin dun canto (1982); Erótica (1992); Estirpe (1994, Premio Losada Diéguez); O outro (2002); Era na selva de Esm (2004) e Contra Maquieiro (2005). Xosé L. Méndez Ferrín foi seleccionado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, a petición da Academia Sueca, como candidato da literatura galega ó premio Nobel. A obra narrativa de Méndez Ferrín, operando como un macrotexto, ten contribuído de xeito decisivo a fixar unha memoria colectiva do real e do imaxinario que xa é parte indisociable da cultura galega.

Características da narrativa de Ferrín
Os eixos do mundo narrativo de Méndez Ferrín son o misterio e a violencia, o simbolismo e a ambiguidade, o lirismo e a nostalxia; elementos que literaturizados mediante unha sintaxe fortemente expresiva xeran unha obra de indubidable singularidade nas nosas letras. A súa perspectiva xira arredor de tres planos:
- En primeiro lugar, as incursións na realidade fantástica dun mundo centrado na innovadora recreación dos personaxes e ambientes da materia de Bretaña e das lendas célticas. Mundo que, ás veces, aparece penetrado polo presente histórico mediante a referencia a obxectos da técnica do noso tempo. Nesta perspectiva, o lado escuro da vida aparece atenuado polo soño, o amor e a esperanza. Na terminoloxía psicanalítica de Freud estaríamos ante o imperio do Superego, que representa as instancias ideais no campo da personalidade humana.
- Noutras ocasións, Ferrín explora o absurdo e a angustia da vida humana, a violencia individual e institucional, sempre tratada de forma literaria, esteticamente. Nesta visión, personaxes e sucesos aparecen movidos por forza internas, profundas, cun poder fatal que impón ao ser humano un destino tráxico. Conforme este enfoque, as instancias escuras da vida triunfan sobre a persoa, converténdoa nun simple instrumento da súa violencia destructiva. No campo freudiano estariamos ante o predominio do Id, isto é, a loita cega, inconsciente, cara á reducción da tensión biolóxica.
- Nun terceiro plano, síntese dos anteriores, hai que situar a persoal mitoloxía de Ferrín. O escritor ourensán crea a partir de 1971 un mundo mítico, que ten a Tagen Ata -metáfora de Galicia- por protagonista. Este país habitado por azerratas está sometido a Terra Ancha -trasunto de Castela- e loita por conseguir a súa independencia. A través de relatos diferentes, Ferrín vai tecendo un mundo soñado que reflecte diferentes momentos da historia de Tagen Ata: a prehistoria épico-fantástica, o presente aferrollado, no que coexisten a renuncia e o compromiso, o sufrimento e os soños e un futuro libre e fecundo.
A intuición globalizadora e o singular enfoque do que bota man Ferrín contribúen en grande medida a dotar aos seus relatos duna sorprendente plurisignificación, que fai xurdir novos sensos con cada lectura. Este enfoque, ambiguo e esvaído -no que a frecuente retrospección crea unha pátina de nostalxia- modula a súa prosa. E esta, de grande vigor expresivo o mesmo que a súa poesía, ten un inconfundible alento épico resolto en lirismo.

Olladas sobre o enorme Ferrín

Méndez Ferrín, nacido en plena guerra civil, é un meniño criado na sórdida posguerra que indefectiblemente deixará nel unha pegada imborrable, marcándoo para sempre; unha cicatriz que está aí, que aínda doe e que lle lembrará sempre a violencia, a fame e maila morte. Naquel Ourense tinxido de azul das camisas falanxistas e do negro das sotanas omnipresentes, no que as xentes esquecían as súas penas nos cines e nas tascas, soñando quizais coas mozas das revistas musicais ou cos heroes de José Mallorquí, o neno medra lendo tebeos -?chistes? lles chamará Ferrín- co Capitán Maravillas, con Judy Garland, a encantadora meniña de O mago de Oz, con Corazón, con Los caballeros de la Tabla Redonda da magnífica colección Araluce, máis tamén Rosalía, Curros e Saco y Arce teñen un lugar nas mentes do pícaro. Pero o neno foi con frecuencia daquel lugar de sensabores e certezas para ingresar no mundo da maxia e da fantasía que representaban Vilanova dos Infantes e Casardomato, lugares farturentos en vellas tradicións onde aínda hoxe se sente o latexar da Historia e onde o pasado segue a estar presente. Toda unha galería de historias de ?faución?, das gavillas, da francesada, do mundo dos pazos, o mundo oteriano, transmitidas oralmente por uns tíos avós seus, entrarán no maxín do neno alimentando a súa propensión fantasiosa. Ourense e Vilanova primeiro, Compostela, Madrid e Vigo despois, compartindo espacio coas novas fundacións literarias da Raia e Tagen Ata, cobrarán nova vida nas páxinas ferrinianas, converténdose en referencias ineludibles de toda a súa obra.

Rigoroso na creación psicolóxica dos seus personaxes, na coidada ambientación e na composición das súas estructuras novelescas, Ferrín vaise caracterizar sobre todo pola súa mestría expresiva e polo peculiar tratamento que fai do tempo e das súas metáforas. Pero a grande marca de fábrica que distingue os bos creadores é a imperturbabilidade do seu mundo e do seu propio estilo, os grandes autores non cambian, mellor dito, os seus cambios aparecen no comezo coma inadvertidos. Na obra de Méndez Ferrín sucede o mesmo. O seu mundo, que oscila entre o mítico e o cotián, ancorado en ambientes bastante sórdidos e en paixóns que devalan entre o lírico e mailo tráxico, é un mundo fronteirizo, arraiano a fin de contas. E o seu estilo, a súa mellor baza dende o comezo, foise facendo máis denso e poético cos anos, conformando unha prosa de enorme carga metafórica que sempre se fai sucesivamente épica e lírica, tinxida de visceralidade e de poesía.

Consciente de que o texto literario é producto doutros textos literarios anteriores, servirase moitas veces dalgúns textos pretéritos. Toda a súa obra, pois, está salferida das súas preferidas voces galegas e foráneas e é probable que non entendan a Ferrín aqueles que descoñezan a música do diálogo dos textos dos grandes autores clásicos e dos grandes mestres galegos. Ferrín é un creador permeable e imita, mais non duna maneira cega: sabe sempre o que quere e en función disto elixe e xerarquiza tódalas súas influencias. Son innegables, xa que logo, os ecos de lecturas anteriores pero sería inxusto non ver na súa obra a portentosa forza do seu arranque, e de cegos non recoñece-lo maxistral dominio da lingua, a incuestionable presencia duna voz e unha poderosa imaxinación que callou en excelentes páxinas. Soubo sempre gardar un equilibrio entre correntes, figuras, escolas e modos de concibi-lo saber e mailo facer, construíndo unha obra que supón unha apertura incondicional ó novo sen prexuízo da veneración do grande legado clásico, sorprendendo e convencendo no producto final.

A obra de Ferrín, por outra banda, eríxese nun sistema de referencias internas obrigadas, podendo concibirse toda ela como un macrotexto que liga coa anterior e anuda coa futura. Deste xeito, motivos, argumentos, espacios e personaxes retornan ensarillados e transmutados en novos temas, novos mundos e novos personaxes dentro do labirinto fascinante, multiforme, disforme ás veces , aparentemente desordenado e mesmo caótico no que se insire a obra literaria ferriniana. A obra deste narrador, que mantén excelentes relacións coa poesía, vén ser, pois, un único relato acompañado de poemas que o ourensán está a compoñer dende o inicio da súa carreira literaria; un único libro que paseniñamente vai escribindo Méndez Ferrín nun país de ?densidade verde e fume morno?.

Con inquebrantable e discreta puntualidade, Méndez Ferrín segue mantendo contacto cos seus lectores.



Entrevista

Xosé Luís Méndez Ferrín

"A situación da literatura galega é boa"

Méndez Ferrín, candidato galego ó Premio Nóbel, membro recente da Real Academia Galega, director de "A Trabe de Ouro", gañador do último certame "Eixo Atlántico" entre outros moitos premios. Está considerado de xeito case unánime coma o maior escritor galego vivo. Admirado por uns e criticado por outros, polémico e radical, Ferrín é na actualidade unha referencia indispensable na nosa cultura. Falamos con el sobre literatura.

Por Xermán Hermida
Trancripción:Xosé Soto Andión
Arquivo Sonoro-Consello da Cultura Galega


-¿Como ve vostede a situación da literatura galega actual?

A situación da literatura galega actual é boa, está no seu mellor intre. Existen correntes diferenciadas e hai discursos hostís uns cos outros, máis ou menos explícitos nos seus planteamentos. O que lle falla é un acompañamento crítico suficiente, non existe esa mesma pluralidade de discursos críticos como existe nos textos. Tamén lle faltan algúns xéneros literarios que están practicamente ausentes en toda a historia da literatura galega, como é a biografía. Un sistema literario coma o galego que funciona como tal desde hai cen anos ou máis sempre tivo esta eiva, xunto co discurso crítico plural, que anque ten grandes aparicións críticas individuais precisaría que se abrisen máis escolas

- ¿Cre que é necesaria unha literatura de cordel e de masas para acadar esa normalización?

Non, a literatura de masas é sempre un subproducto que se orixina cando existe unha boa saúde. De todas maneiras eu observo que hai un retroceso diso que ti chamas literatura de cordel, da literatura popular. Hoxe eu non vexo nos quioscos os "tebeos". O "tebeo" converteuse nunha momia. Antes chamábanse chistes, contos, agora é cómic, están nun nivel de cultura media alta ou alta. Tamén desapareceu a novela de quiosco e está sendo substituída por productos de máis calidade como é Pérez-Reverte na literatura española, o que xa non hai é a colección de Marcial Lafuente Estefanía. Hai polo tanto un retroceso dese subproducto. Por outra banda, teño a sensación de que a masa que se alimenta dese subproducto está máis volcada na televisión. É unha opinión.

- ¿Como profesor, cre vostede que se está difundindo axeitadamente a literatura galega entre a xente nova?

Si, máis ou menos como se difunde a literatura en castelán, desde logo sen ningún tipo de discriminación positiva cara á literatura galega, que sería preciso facer. Desde o momento en que se introduce no ensino convértese nunha literatura normal ou de apariencia normal. Agora ben, eu penso que necesita determinados apoios e máis política de galeguización con discriminación positiva para a literatura galega.

- ¿A selección de autores para o Ensino Secundario parécelle axeitada?

Todo é discutible, existe un canon común que hai aceptalo. É indiscutible que Rosalía, Curros e Pondal son os fundadores e a partir de aí pódense discutir moitas cousas; pero eses están asentados con xustiza, non polo discurso crítico nin teórico senón polas masas e polos lectores. Despois, no que se refire ó ensino en xeral, o que se difunde nas aulas é o que lles gusta ós profesores ou o que eles pensan que lles vai gustar ós rapaces, o que tamén é arriscado. Con respecto ó curso de literatura galega de COU, que agora desaparece, podía ser esa a selección que se fixera, pero tamén podía ser outra. A min nunca me preguntaron, porque tampouco son profesor de literatura galega, pero vexo que é discutible nos medios académicos.

- Vostede comezou na literatura por militancia, ¿continúa nela por militancia?

Si, pero entendendo esta dunha forma non coma agora, coa militancia neste ou naquel partido ou en clave política, é unha militancia en sentido profundo. A literatura é de todo o mundo e pode ser un ben, pode ser unha mercadoría, pero tamén pode ser unha ferramenta de intervención. Porque a ver quen me di a min que a literatura relixiosa de San Juan de la Cruz de propaganda mística non é unha literatura de intervención. O que pasa que hai determinadas ideoloxías ou intereses que resultan antipáticos á xente, entón non é que estean contra a literatura de intervención senón que están contra a literatura de intervención de determinadas ideas e doutras non.

- ¿Que é a literatura para vostede?

Algo perfectamente inútil tanto para intervir como para non intervir. A literatura e en xeral a función poética da linguaxe é algo inútil e necesario como a ciencia pura e primixenia. Einstein non ideou a relatividade para algo terreal nin pensando nos mercados senón por saciar unha curiosidade humana, porque o ser humano ten curiosidade e crea a ciencia e coa ciencia fai filosofía e tamén ten necesidade de manifestarse nun nivel de linguaxe ambigua como fai o poema.

- ¿Cales considera que son as súas maiores influencias no eido literario?

A verdade é que son tantas..., probablemente todos os libros que lin con interese deixáronme algún tipo de pegada. Somos da literatura que vimos anteriormente e só lemos sobre esa literatura. É unha rede moi vasta, e eu non pode dicir que teña máis influencia dun autor en concreto ca doutro.

- ¿Cre vostede que non se inventa nada novo?

Non, non pode haber ningún pintor hoxe no século XXI que faga un cadro máis interesante que a Gioconda nin ningún poeta galego que escriba un poema mellor cá cantiga de San Simón de Mendiño. Non hai progreso nesa materia, hai continuum.

- Un dos problemas que se lle apoñen á súa obra é a súa dificultade, ¿cre vostede realmente que é difícil?

A min escribir tamén me custa bastante traballo e ó mellor pode ser que lle resulte difícil ós lectores, de todas maneiras eu recibo cartas e outro tipo de comunicacións, de nenos, de xente nova e de xente que non está no mundo da literatura e algo difícil seguramente é. Pero ¿que é o difícil?, o difícil é aquelo que non nos interesa, eu estou convencido de que hai lectores doutro tipo de literatura galega ós que non lles interesa nada a literatura miña, porque a min cando non me interesa un autor éme difícil de ler.

- Quizais a xente intenta buscarlles múltiples lecturas ás súas obras, pois en novelas como Arnoia, Arnoia, que é unha novela de iniciación e de aventuras parece que algúns lle buscan segundas lecturas que ó mellor non hai. ¿As súas obras están escritas para seren lidas en múltiples niveis ou non?

Na medida en que teñan algún valor si, pero non as miñas senón as de todo o mundo. Ti les un gran relato contemporáneo coma "A Metamorfose" de Kafka e alí pódese elucubrar, é algo que sae así, é a forma que eu penso que debe ter a literatura. A literatura debe de ser ambigua, cando é unívoca, cando o autor marca unha única lección no lector está sendo totalitario, un dictador, e en pago leva o non ser nunca un bo autor.

- ¿Segue viva Tagen Ata coma universo literario?

De momento non, de momento está levitando por aí noutros lugares, o cal non quere dicir que non poida baixar.

- ¿Como xurdiu?

Xurdiu na cadea da Coruña, ocorréuseme crear un universo autónomo. Había algúns precedentes, sobre todo as novelas Hölderlin. Eu quería facer un mundo que non fose Galicia e que non fose ningunha época, vagamente principios do século XX e saíu así. Para o que me serviu Tagen Ata foi para incorporar personaxes e situacións que eu escribira antes.

- Outra cuestión que se ten comentado moito e da que se fala nas Facultades de Filoloxía é a cuestión dos topónimos e antropónimos, ¿son inventados ou non?

Uns son inventados e responden a un pulo que é o de crear un mundo realmente autónomo, polo tanto cunha onomástica absolutamente autónoma e eso é o que ocorre en Retorno a Tagen Ata. Despois pasaron os anos e apareceu na miña vida Tolkien e admireino por ese desexo de creación na súa obra dun mundo autónomo e ademais onomástica e lingüísticamente no que se refire ós nomes propios. Causoume moita alegría chegar a esa grandeza.

- Vostede é considerado unanimemente un dos mellores escritores galegos de tódolos tempos, sen embargo no está tanto no candeeiro coma outros, ¿cre que está vostede marxinado no sistema literario?

Non, non me sinto en absoluto marxinado nin nunca me sentín. O que ocorre é que hai autores dos que se fala menos en relación con outros. Non creo que haxa culpables porque ninguén está encargado de darlle bombo a un e de esquencer a outro, ninguén ten esa obriga nin ese posto de traballo. Son as persoas, os lectores, os medios de comunicación, os bibliotecarios, os profesores, é unha rede de axentes moi complexa, que son os que configuran unha época literaria. Hai tamén autores inxustamente silenciados, que non é o meu caso, pero si é o caso por exemplo de Camilo Gonsar ou da poeta xenial María Marei. Pero cando teñen valor ábrense o seu camiño e aparecen, non hai quen poida loitar contra a verdade. Pero insisto eu non creo que sexa este o meu caso.

- ¿Que significa para vostede entrar na Real Academia Galega?

Para min unha satisfacción, supón que eu expoña uns puntos de vista que levo publicamente defendido dende hai moitos anos. A Academia ten que ser un instrumento de normalización e normativización da lingua, de traballo efectivo a prol dela.

- Igualmente foi vostede nomeado para o Nóbel, ¿cre que ten posibilidades?

Non, ningunha posibilidade. O premio Nóbel é eurocéntrico, pero non da Europa dos pequenos países senón da dos grandes países. Por primeira vez levouno un chinés, que nós non os coñecemos, e eso é un condicionamento real. Cando se lle dá un premio Nóbel a un autor do terceiro mundo é porque escribe en inglés necesariamente, non pode escribir en vietnamita nin nunha lingua africana. Non me parece doado que reciba o premio Nóbel un basco, un catalán ou un galego. Non é posible de momento, se cadra de aquí a moitos anos sí, pero oxalá me equivoque e me dean o premio a min ou a calquera galego, co cal teriamos outras plataformas no mundo e abriríanse moitas portas que hoxe practicamente están pechadas.

- Unhas das críticas que se lle veu facendo foi a súa posición lingüística, pois nas súas obras innova constantemente a nivel léxico.

A Normativa oficial son Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Pero en galego non se di marrao, seguramente se di porco, pero eso non o corrixe ningunha norma, nin da Academia nin do Instituto da Lingua nin de ninguén.

- Sen embargo hai algúns cambios a nivel preposicional, etc.

Si, sobre todo nos diálogos da narración ou no poema. Eu atéñome a unhas normas, normas que en literatura se poden transgredir, non se poden transgredir nas actas dun consello nin dunha instancia dirixida ó Presidente da Xunta ou do Parlamento, nin no que é a lingua oficial.

- Fronte á literatura que é para experimentar.

Si, se non pobre dela.

- Outro proxecto no que vostede participa é a revista "A Trabe de Ouro". ¿Como xorde?

Pois nunha conversa entre uns cantos amigos que formabamos parte do clube cultural Adiante no seo da Confederación Xeral de Traballadores Galegos e ocorréusenos facer unha revista de cultura con presupostos de esquerda, nacionalista. Atopamos un editor que nos serviu de mecenas, que foi Sotelo Blanco, quen nos ofreceu a súa editorial e o seu aparato de producción e distribución. O resto é traballo militante, ninguén cobra nada, cada un paga a gasolina do seu peto, teléfono do seu peto, internet, todo. Ata agora non ten subvencións, compra o Ministerio de Cultura uns cantos exemplares para distribuir na rede de bibliotecas do Estado, pero a Xunta de Galicia non compra ningún porque non lle gusta.

- ¿Que futuro lle ve á revista?

Na revista conseguimos unha rede mundial de colaboradores, sobre todo europea, no eido do pensamento europeo, con autores filosóficos que teñen publicado primicias en "A Trabe de Ouro". E nesa liña mantémonos ben rodeados e ben apoiados e de aí para diante seguiremos funcionando. Eu penso que o proxecto callou, non é que solidificase porque eso sería malo, é coma un queixo, pero haino que seguir mantendo así.

- Unha das cousas que se ten dito de "A Trabe de Ouro" é que a pesar de ser unha publicación de esquerdas é considerada por moitos como demasiado elitista, ¿non cre que iso é unha contradicción?

É como dicir que é elitista "O Capital" de Marx, que o é forzosamente porque está dirixido a quen coñece o tema. Entón "O Capital" de Marx non é que non o entendan, é que non o saben ler, son analfabetos.

-¿Como ve vostede o futuro da lingua galega?

Véxoo con preocupación, o galego segue retrocedendo. Problemas existen en tódalas institucións, pero precísase dunha nova política e esa nova política ten que ser de inmersión e de discriminación positiva e de apoio total á evolución do galego e abolición do principio de bilingüismo harmónico que sostén a actual política lingüística.

- ¿Cre vostede que o galego pode sobrevivir sen que desapareza o español?

O español non ten por qué desaparecer, como é unha lingua útil está moi forte.

-¿Cales son os seus próximos proxectos?
Pois non teño.


Fontes e mais materiais
http://gl.wikipedia.org
http://bvg.udc.es/
http://www.lavozdegalicia.es
http://www.culturagalega.org/lg3/novidade.php?Cod_prdccn=376
http://zaldiero.armiarma.com/irudiak/arg/122-MendezFerrin.jpg
http://www.ucm.es/BUCM/revistas/fll/0212999x/articulos
/RFRM0202220269A.PDF
http://www.culturagalega.org/especiais/poetasenarradores
/narradores/narradores_8.htm
http://www.uvigo.es/pdi/honoris/dhc9899/mendez/pdf
/discurso_madrina.pdf
http://vello.vieiros.com/chat/chat.php?txt=chat_ferrin
http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pIdNoticia=27504
Palabras engadidas (0) - Categoría: Novelas - Publicado o 13-08-2007 16:48
# Ligazón permanente a este artigo
Un cambio no Cronograma para o resto do ano
Unha pequena complicación e unha sorpresa de último momento, nos levan a adiantar unha semana a xuntanza do mes de setembro. Pero é por boa causa.

Cando organizamos as lecturas para este ano, que como sabedes teñen en foco as representacións da Guerra Civil e do Franquismo no que chamamos a nova literatura galega, fixemos unha lista de libros que nos parecía importante percorrer. Deles non todos estaban disponibles en Bos Aires e moito sentimos daquela que entre os que faltaban estivera a novela O bosque das Antas de Francisco X. Fernández Naval xa que era sinalada con frecuencia como unha das máis representativas neste tema.

Cos meses e grazas á visita que o autor fixo con ocasión da Feira do Libro, puidemos coñecelo e el mesmo nos trouxo un exemplar do libro para que o podamos traballar. Por iso, facemos agora este cambio que nos permitirá descubrir unha novela que -pensamos- non debía falta nas nosas reflexións. Deste xeito, no mes de setembro, o libro a debatir será este. Quixeramos non ter que escoller e poder deixar tamén a novela Expediente Artieda porque traía unha história mítica que moito percorreu Galiza e España toda nos anos do Franquismo, pero dende logo non podemos nin queremos abusar do voso tempo nin moito menos do esforzo que cada un de vós fai mes a mes.

Por iso, para todo quen queira ler Expediente Artieda poñémola a vosa disposición.

Así, o cronograma do ciclo para o que resta do ano é o seguinte :

* 25 de agosto, de 15 a 18 horas - comentario da novela No ventre do silencio de Xosé Luis Méndez Ferrín e o conto Anxos custodios de Víctor F. Freixanes.
* 15 de septiembre, de 16 a 18 horas - comentario da novela O bosque das Antas de Francisco X. Fernández Naval.
* 20 de octubre, de 16 a 18 horas - comentario da novela Pensa nao, de Anxo Angueira Viturro.
* 17 de noviembre, de 15 a 18 horas - comentario da novela Home sen nome, de Suso de Toro.
* 15 de diciembre, de 15 a 18 horas - comentario da novela Os libros arden mal, de Manuel Rivas. Remate do ciclo e presentación da proposta de traballo para o ano 2008.
Palabras engadidas (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-08-2007 15:13
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0