Lectores Galegos en Bos Aires



Perfil
lectoresenbosaires@gmail.com
 O que lemos
 Buscador
 Blogomillo
 Esas lecturas pasadas
 Anteriores
 Destacados

Crónicas de pizarra e xiz e Agosto do 36
Para analizar o cambio que supuxo o golpe militar do ano 1936 para a escola e os mestres galegos, o sábado 30 de xuño ás 16 proxectaremos na sala Alfonsina Storni do Café Tortoni o documental Crónicas de pizarra e xiz e reflexionaremos sobre o libro Agosto do 36.

Coa visita do seu director e guionista, o cineasta Xan Leira, o sábado 30 de xuño proxectaremos ás 16 na sala Alfonsina Storni do Café Tortoni o documental Crónicas de pizarra e xiz para analizar o cambio que supuxo o golpe militar para a escola e os mestres galegos, o paso da liberdade á represión, o cambio dos principios educativos da II República ao ensino promovido polo novo réxime. Nese contexto non deixaremos de relacionar o traballo de Leira coa novela Agosto do 36 de Xosé Fernández Ferreiro.

A película

Crónicas de pizarra e xiz
Xan Leira, director, produtor e guionista
Cinta coproducida pola TVG

Comentario
Por Eduardo Álvarez*


Entre os obxectivos políticos da República figuraba converter o ensino no eixo fundamental de actuación, porque existía a convicción de que tan só unha sociedade solidamente formada pode garantir o progreso social e a consolidación política dun réxime novo. Ao profesorado correspondíalle a misión de sentar as bases sobre as que debería alzarse este novo edificio e a escola considerouse o mellor instrumento para acadar a transformación profunda da realidade. Proxectouse un ambicioso programa de reformas educativas: creáronse moitas escolas en cinco anos; dignificouse o salario de fame dos mestres; democratizáronse as estruturas educativas; impulsouse a pedagoxía activa e moderna; implantáronse o laicismo escolar e a coeducación?
Todo isto chocou frontalmente contra os intereses do ensino privado, monopolizado pola Igrexa católica, e dos partidos de dereitas, que posteriormente apoiaron a sublevación militar. Xa nos primeiros momentos da Guerra civil, desde a Junta de Defensa Nacional déronse instrucións urxentemente aos reitores das universidades para depurar todo o profesorado que non se identificase plenamente co réxime fascista. Pouco despois, a Comisión de Cultura e Ensinanza emprendeu a depuración sistemática do profesorado dos outros niveis educativos.
Creáronse comisións de ámbito provincial encargadas inicialmente de reprimir as ideoloxías políticas e logo tamén de controlar cuestións de tipo profesional, as crenzas relixiosas e os máis variados aspectos da vida privada. Penalizáronse os actos e as ideas: a militancia en partidos e sindicatos, a participación en mitins e en manifestacións, o emprego da lingua galega...
Deste xeito, os sectores máis dinámicos, anovadores, progresistas e comprometidos do profesorado, así como o dos estudantes universitarios e das escolas normais, isto é, o dos futuros mestres, non puideron exercer a docencia, desde 1939 monopolizada xa durante a longa noite de pedra do Estado franquista pola ?limpeza ideolóxica? de seus adictos defensores.
Daqueles ?bos e xenerosos? mestres, uns pagaron coa súa propia vida, como tan graficamente mostra Castelao na estampa de Galiza mártir; outros sufriron o exilio. Nós, como mestres e mestras, como profesores e profesoras que cremos tamén na capacidade da educación para transformar a sociedade, considerámonos debedores da honra que merecen aqueles docentes represaliados, daqueles que sementaron con entusiasmo as ideas que teñen que agromar en cada xeración do noso alumnado.

* secretario comarcal de CIG-Ensino de A Coruña.

O autor: Xan Leira
Polifacético creador que ten exercido de director, productor, guionista, ademais de profesor, escritor e editor. Comezou no mundo do audiovisual na Arxentina dos oitenta onde iniciou os seus estudios cinematográficos e impartiu diferentes talleres e seminarios sobre cine. Ten feito numerosos traballos documentais entre os que destaca a triloxía sobre a historia de Galicia iniciada na longametraxe ?Castelao e os irmáns da liberdade?. Da súa man naceron a productora Iberoamericana Films S.A no 1989 e a empresa de producción de contidos Acuarela Comunicacións no 2000.

O libro
Agosto do 36

Autor: Xosé Fernández Ferreiro
Publicación: Vigo : Edicións Xerais de Galicia, D.L. 1991

Resumo
En Agosto do 36, Xosé Fernández Ferreiro aborda, con todo o dramatismo que comporta, o tema da guerra civil en Galicia, relatando, a partir dun feito real, o «paseo» do que foi víctima unha parella de mestres rurais nunha aldea da serra de Ourense nos primeiros días do alzamento militar.Coa súa mestría de magnífico narrador, Xosé Fernández Ferreiro conduce con gran axilidade o lector pola trama da novela, e mergúllao nunha atmosfera abafante, de crueza e tensión, na que as paixóns das persoas, con todas as súas vilezas, saen a flote nun contexto en que amor e odio se tocan. A trama váisenos desvelando a partir da concepción polifónica da estructura, que dosifica a intriga e participa desa concepción tan cinematográfica.da narrativa de Ferreiro.Agosto do 36 é unha pequena xoia que continúa vixente e vivísima unha década despois da súa publicación.

O autor
Fernández Ferreiro, Xosé

Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931). Traballou como xornalista en ?Faro de Vigo?, ?La Noche?, ?El Correo Gallego? e ?La Voz de Galicia?. No ano 1985 foi galardoado co Premio Galicia de Xornalismo e en 2003 coa ?Letra E? concedida pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Membro do grupo literario nacionalista Brais Pinto. Comezou a súa andaina literaria publicando os libros de poemas ?Ribeirana do Sil? (1952) e ?A noite? (1959). Como narrador ten publicadas as seguintes novelas: ?A morte de Frank González? (1975; Xerais 1998); ?Morrer en Castrelo do Miño? (1978, Xerais 1995); ?A saga dun afiador? (1980, Xerais 1992); ?A ceo aberto? (1981); ?Corrupción e morte de Brigitte Bardot? (Xerais 1981); ?Reportaxe cósmico? (1983); ?A fraga dos paxaros salvaxes? (Xerais 1985); ?O minotauro? (1989); ?Agosto do 36? (Xerais 1991), Premio Xerais de novela, traducida ao castelán por Alianza Editorial; ?A cidade das chuvias? (Xerais 1994); ?O atentado? (Xerais 1999); ?O último paraíso? (2001), ?Millo verde? (Xerais 2002), e ?Os últimos fuxidos? (Xerais 2004). Publicou, ademais, o libro de relatos ?Co medo nas mans? (Xerais 1996) e ?O conto da boa e da mala pipa? (1996), relato para rapaces.

Entrevista

?Nos anos sesenta todo o mundo quería escribir o seu Ulises?


O próximo día 28 a Asociación de Escritores en Lingua Galega renderalle unha homenaxe a Xosé Fernández Ferreiro en Nogueira de Ramuín, o concello no que naceu en 1931. Ao autor de novelas como A morte de Frank González, Morrer en Castrelo de Miño, Corrupción e morte de Brigitte Bardot, O minotauro, Agosto do 36 ou Millo verde, entre outras, gústalle especialmente que os seus compañeiros vaian ao que é o seu paraíso literario, a aldea que pasou con forza á súa literatura e que marcou de forma singular a súa vida.

Xornalista e escritor, Xosé Fernández Ferreiro considera que un suceso pode ser materia literaria e que en toda ficción hai unha boa dose de realidade. Autor de western, novela negra e de ciencia ficción, Fernández Ferreiro retratou tamén a vida da aldea en boa parte das súas obras. E a aldea era sempre a súa de Nogueira de Ramuín.

¿Gústalle que os seus compañeiros escritores vaian o sábado a Nogueira de Ramuín para conmemoralo?
Non son amigo das homenaxes pero esta gústame e decidín aceptala porque se fai no lugar onde nacín, na miña terra. Vivín alí os dez primeiros anos da miña vida, como un neno da aldea, andando con zocos, indo ás vacas ou chovendo á escola. Levo toda a vida fora aínda que seguín tendo relación con ela. Das cinco partes nas que podo dividir a miña vida que son a aldea, Ourense, Madrid, Santiago e a Coruña, foi a que máis me marcou, alí están as miñas raíces,o meu paraíso perdido. A miña casa agora está a caer e eu quero que se derrube, que sexa o monumento funerario dos Ferreiro. Alí os veciños puxéronme unha placa en barallete o Día das Letras Galegas. Síntome aldeán, labrego, afiador, fillo de emigrantes, aínda que sexa un animal urbano.

¿Que pasou de Nogueira de Ramuín a súa literatura?
Algúns libros meus están desenvolvidos alí totalmente, outros parcialmente e outros mentalmente. Da miña aldea tomo moitos aspectos que meto nas novelas que son reais aínda que só eu sei o que é verdade e o que non. A novela Morrer en Castrelo de Miño situeina en San Estevo de Ribas de Sil porque era o que coñecía ben. Cando falo dunha aldea sempre é a miña porque é da que sei e á que de verdade amo, aínda que faga unha homenaxe a todas. Salvo catro ou cinco novelas o resto están desenvolvidas na aldea e algunhas totalmente como A saga dun afiador ou Agosto do 36.

En A saga dun afiador mesmo busca recuperar o seu vocabulario.
Trátase dunha lingua que xa non sabe ninguén porque xa non hai afiadores. Cando vexo un falo con el e doume conta de que xa ninguén coñece o barallete. Na miña aldea, cando neno, en toda a casa había un afiador e nas conversas diarias empregábanse moitas palabras do barallete. Esa novela naceu coa vontade de ser unha homenaxe aos afiadores.

Pasaron uns anos nos que o ruralismo non estaba ben visto...
Era cando se dicía que a nosa literatura só falaba da aldea, que eramos uns paletos, pero está aínda sen escribir a grande novela rural como aínda falta a grande novela urbana e da emigración. Agora parece que se dá unha volta cara a aldea, precisamente porque está desaparecendo. Novoneyra dicíame que el e máis eu eramos a ponte que unía a aldea e a cidade porque os dous vivimos alí a infancia e iso marca.

¿Coida que era un prexuízo?
Polos anos sesenta cando a Nova Narrativa Galega todo o mundo quería escribir o seu Ulises pero logo volveron ao clásico de sempre, claro, poñendo as cousas ao día porque non se pode escribir hoxe como hai cincuenta anos. Non sei se sabes que eu fun o primeiro que falou de Nova Narrativa Galega, na revista Destino de Barcelona, tomando o nome da Nova Cançó.

¿Ao seu ver era un excesivo experimentalismo?
Era. Tanto é así que Carlos Casares escribiu Cambio en tres e nunca máis quixo reeditala.

Di que lle puxo nome á Nova Narrativa Galega e vénseme á cabeza que tamén vostede bautizou aos Brais Pinto.
Era o nome dun afiador. Cando eses mozos galegos que andabamos por Madrid fundamos o grupo en 1958 había que poñerlle un nome e eu fixen esa proposta. Brais Pinto era un afiador de Nogueira de Ramuín que estivo en Rusia e foi atropelado por un autobús na Praza da Cibeles de Madrid. Brais Pinto era un grupo literario e político nacionalista e ademais era tamén unha editorial que publicaba libros en galego en Madrid, cousa que se facía por primeira vez. Cando levabamos dous libros recibimos unha carta de Ramón Piñeiro na que dicía que Brais Pinto pertencía xa á historia da literatura galega. ¿Existiu ou non? ¿É o verdadeiro nome ou foi inventado por min? Nunca respondo a estas pregunta pero o que realmente importa é que afiador de Nogueira está na historia da literatura galega. Prefiro que siga a lenda. Eramos un grupo moi interesante que queríamos ter unha Galiza nova.

Revista A Nosa Terra, número 1088


Máis información:

http://www.memoriadagaliza.com/acuarela/index_acua.htm
http://www.galizacig.com/index.html
http://www.mundogaliza.com/cultura/cronicas-de-pizarra-e-xiz-4
http://www.galiciadigital.com/pcd/Biblioteca/poesia/seculo_xx/
longa_noite_de_pedra/escritores/invernia/xose-fdez-ferreiro.html
Palabras engadidas (0) - Categoría: Novelas - Publicado o 25-06-2007 19:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0