Lectores Galegos en Bos Aires



Perfil
lectoresenbosaires@gmail.com
 O que lemos
 Buscador
 Blogomillo
 Esas lecturas pasadas
 Anteriores
 Destacados

A profesora viguesa María Camiño Noia Campos abre o ciclo dedicado a Suso de Toro
O Ciclo de Literatura Galega que se desenvolve no Café Tortoni da cidade de Bos Aires achega este ano aos lectores e lectoras arxentinos parte da obra dun dos autores contemporáneos mais importantes de Galicia e de España: Suso de Toro. E para inaugurar o percorrido, a catedrática da Universidade de Vigo María Camiño Noia Campos vai trazar un panorama pola figura do autor e o seu traballo.



A catedrática da Universidade de Vigo María Camiño Noia Campos abrirá o cuarto ano do Ciclo de Literatura Galega que se desenvolve no Café Tortoni da cidade de Bos Aires que, por vez primeira, estará dedicado á obra dun só escritor: Suso de Toro. Este ano 2010, os participantes destas tertulias bonaerenses terán ocasión de achegarse á narrativa do coruñés, un dos autores máis importantes de Galicia e tamén do Estado Español. E será a profesora viguesa quen deixe inaugurado o percorrido cunha ponencia sobre a figura do escritor e a relevancia do seu traballo no panorama das letras galegas.

Catedrática de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Vigo, María Camiño Noia Campos fixo os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela, onde presentou a primeira tese de licenciatura feita en lingua galega sobre a "Nova narrativa galega" (1968). A súa tese de doutoramento tratou sobre o bilingüismo dos galegos en idade escolar, e a investigación foi premiada pola Deputación de Pontevedra.

Ademais do seu fondo traballo académico, María Camiño Noia foi unha activa protagonista na normalización lingüística de Galicia: Profesora en numerosos cursos de perfeccionamento do profesorado en lingua galega, pioneira na elaboración de material didáctico con obras como Lingua (1985) -primeiro manual de lingua galega para estudos preuniversitarios- ou o Dicionario de sinónimos da lingua galega (1997) que coordinou para a editorial Galaxia con Xosé Mª Gómez Clemente e Pedro Benavente. En 1978 con Xulián Maure e Germán Sánchez fundou Edicións Xerais de Galicia, da que foi a primeira secretaria do seu consello de administración. Foi directora do Colexio Universitario de Vigo e, sendo decana da Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, organizou nese centro os estudos de Tradución e Interpretación. En 1995, con outros membros da Asociación de Tradutores Galegos, fundou Viceversa. Revista Galega de Tradución, da que foi directora durante varios anos.

O seu traballo a prol da lingua galega chegou á diáspora tamén. No ano 1989 inaugurou a Cátedra de Estudos Galegos na cidade de New York cun curso sobre a Nova Narrativa Galega e nos últimos anos dictou distintos cursos de postgrado na Universidade de Buenos Aires (UBA) sobre literatura galega e o patrimonio oral galego.

Na súa primeira visita ao ciclo Lectores Galegos en Bos Aires, María Camiño Noia Campos achegará aos participantes arxentinos á obra e á figura do escritor coruñés Suso de Toro, cuia obra será analizada ao longo do ano. Sobre este programa, o cuarto das tertulias que comezaron no ano 2007, a licenciada en Letras e doutoranda polo Conicet Andrea Cobas Carral, profesora na UBA e coordinadora do ciclo, explicou: "Pola súa relevancia no campo cultural galego, pola calidade literaria dos seus textos, pola sensibilidade que manifesta para representar as zonas máis problemáticas da sociedade galega, cremos que a obra de Suso de Toro conforma un corpus inmellorable para a análise das configuracións do campo literario de Galiza, da evolución no tratamento de certos temas clásicos e das vinculacións da narrativa galega con outras tradicións literarias e culturais".

Ademáis, a escolla de Suso de Toro deuse naturalmente entre os integrantes do ciclo. "En programas anteriores, tivemos ocasión de analizar as novelas Polaroid e Home sen nome que impresionaron fondamente a todos os participantes. Isto sementou en nós a idea de organizar un ciclo completo sobre el", explica a xornalista e profesora na UBA Débora Campos, unha das coordinadoras do grupo.

Suso de Toro é o autor detrás de Xesús Miguel de Toro Santos, o home que naceu en Santiago de Compostela o 10 de xaneiro de 1956. Licenciado en Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela traballou como profesor, guionista para televisión e colaborador na prensa e na radio, actividade que ainda desenvolve no xornal El País. Publicou en galego máis de vinte libros de narrativa, teatro e ensaio. A súa obra, ademais de ser traducida a varias linguas, foi obxecto de estudo en diversas universidades europeas.

Considerado unha das voces máis renovadoras da literatura galega, sacudiu o panorama das letras galegas no ano 1986 coa publicación de Polaroid, unha novela que recibiu o Premio da Crítica de Galicia. Logo chegaron as novelas Land Rover (1988), Ambulancia (1990), Tic-Tac (1993), Premio da Crítica Española en 1994; A sombra cazadora (1994); Conta saldada (1996), Calzados Lola (1997), Premio Blanco Amor daquel ano, e Non volvas (2000), Premio da Crítica Española. O último galardón que recibiu foi o Premio Nacional de Literatura 2003 por Trece badaladas, novela que foi adaptada ao cine por Xavier Villaverde.

Palabras engadidas (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-03-2010 15:01
# Ligazón permanente a este artigo
Cronograma para o ano 2010
O Ciclo de Literatura Galega que se desenvolve no Café Tortoni da cidade de Bos Aires achega este ano aos lectores e lectoras arxentinos parte da obra dun dos autores contemporáneos mais importantes de Galicia e de España: Suso de Toro. E para inaugurar o percorrido, a catedrática da Universidade de Vigo María Camiño Noia Campos vai trazar un panorama pola figura do autor e o seu traballo.

O cronograma completo de xuntanzas é o seguinte:

27 de marzo, 15:00 hs
Introducción a cargo da catedrática viguesa María Camiño Noia Campos.

24 de abril, 15:00 hs
Análisis da novela Polaroid.

29 de maio, 16:00 hs
Debate sobre a novela Tic-Tac.

26 de xuño, 16:00 hs
Comentario sobre a novela Calzados Lola.

14 de agosto, 16:00 hs
Análise da novela Círculo.

11 de setembro, 16:00 hs
Lectura e reflexión sobre os ensaios que componen o volúme O país da brétema.

16 de outubro, 16:00 hs
Análise sobre a novela Non volvas.

13 de novembro, 16:00 hs
Debate sobre a novela que levou o premio Nacional de Literatura de España Trece badaladas.

11 de decembro, 15:00 hs
Comentario sobre a novela Sete palabras.
E presentación do Ciclo 2010


Estades convidados!!
Palabras engadidas (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-03-2010 00:18
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0