Lectores Galegos en Bos Aires



Perfil
lectoresenbosaires@gmail.com
 O que lemos
 Buscador
 Blogomillo
 Esas lecturas pasadas
 Anteriores
 Destacados

"Leremos autores nunca traballados aquí"
Na mesma sala Alfonsina Storni do Café Tortoni onde traballaron o ano pasado, comezou a nova edición do Ciclo de Literatura Galega que ao longo deste 2008 percorrerá ?Dez misterios en clave galega?, segundo o título que escolleron as organizadoras para falar do policial e da novela negra en Galiza. Manuel Forcadela, Carlos Reigosa, Xurxo Borrazás, Aníbal Malvar, Xabier López, Santiago Jaureguizar, Miguel Anxo Fernández e Domingo Villar son os autores a ler.



(Bos Aires, 15 de marzo) ? Coa participación dalgo menos de 40 persoas comezou o segundo ano do Ciclo de Literatura Galega que se desenvolve dende 2007 no Café Tortoni de Bos Aires e que para as tertulias do 2008 convida a achegarse ao policial e a novela negra en Galiza. ?Dez misterios en clave galega? é o título que escolleron as organizadoras do grupo Lectores Galegos en Bos Aires e o camiño de lecturas promete misterios, crimes e detectives escritos por Manuel Forcadela, Carlos Reigosa, Xurxo Borrazás, Aníbal Malvar, Xabier López, Santiago Jaureguizar, Miguel Anxo Fernández e Domingo Villar.

"O primeiro ciclo de Lectores galegos en Bos Aires permitiunos analizar a construción que a narrativa dos últimos anos fai sobre o pasado recente e, por extensión, indagar as nosas propias representacións sobre a Guerra Civil e o franquismo", lembrou a licenciada en Letras Andrea Cobas Carral. Con todo, engadiu que dalgunha maneira deixaran fora olladas da Galiza actual que tamén queren explorar.

"É por iso que pensamos que, por unha banda, o traballo con novelas policiais e negras fará visibles fronte ao lector escenarios e problemáticas en parte ausentes nos textos lidos durante o ciclo pasado e, por outro, permitirá presentar un conxunto de textos e autores actuais nunca traballados formalmente en Bos Aires", argumentou Cobas Carral, que está completando o seu doutoramento cunha bolsa do Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas (Conicet) e é profesora na Universidade de Bos Aires (UBA).

O ciclo deste ano percorrerá un corpus de dez novelas entre as que se contan A procura do falso Grial , de Manuel Forcadela; Crime en Compostela , de Carlos Reigosa; Criminal , de Xurxo Borrazás e Á de mosca , de Aníbal Malvar, para a primeira parte do ano.

A vida que nos mata , de Xabier López; As horas sucias , de Santiago Jaureguizar; Un home que xaceu aquí , tamén de Malvar; Luar no inferno , de Miguel Anxo Fernández; e Ollos de auga , de Domingo Villar, completan a proposta.

"Se o obxectivo do ciclo anterior foi analizar exhaustivamente a representación literaria dun tema histórico, o propósito para este ano é, en cambio, afondar no estudo dun xénero literario específico. Para isto pensamos ler os textos literarios conxuntamente co abundante material teórico sobre o policial e sobre outras linguaxes da modernidade nos que o xénero maniféstase", rematou Cobas Carral que coordina o ciclo coa xornalista e profesora na UBA Débora Campos.

Tamén como o ano pasado, a primeira xuntanza tivo como lectura a un autor arxentino: desta vez, o xenial Jorge Luis Borges e o seu conto ?La muerte y la brújula? que deixou asomarse ás características do policial clásico dende a maxistral parodia que o autor constrúe nesa historia.

Máis información: lectoresenbosaires@gmail.com
Palabras engadidas (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-03-2008 00:06
# Ligazón permanente a este artigo
Dez misterios en clave galega
Palabras engadidas (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-03-2008 03:29
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0