Lectores Galegos en Bos Aires



Perfil
lectoresenbosaires@gmail.com
 O que lemos
 Buscador
 Blogomillo
 Esas lecturas pasadas
 Anteriores
 Destacados

Home sen nome
De novo Suso de Toro, de novo este autor virtuoso á hora de facernos inquietar, á hora -como el mesmo di- de meter o dedo na ferida. Traballaremos a súa última novela e teremos ocasión de reflexionar sobre a rara repercusión que tivo en España: moi vendida, moi lida e pouco comentada. Qué pantasmas espertou o autor que ninguén quere ollar cara a eles? Qué pasado truxo para desacougo dos españois todos?



Ficha do libro
Titulo: Home sen nome
Autor: Suso de Toro
Ano de Publicación: 2006
Editorial: Xerais
Sinopse:
Nano, encamado no cuarto dun hospital, acompaña durante dous días a un vello terminal, só, entubado e consumido fisicamente. O vello, un home sen nome, un enigma invadido polas lembranzas, entre o delirio e o soño provocados pola medicación, enunciará o monólogo da súa arrepiante biografía centenaria. Unha vida desacougante, condicionada pola perda prematura da nai, a presenza da sombra do seu irmán xemelgo, o seu paso polo Berlín onde emerxía o nazismo co que axiña simpatizou, o seu protagonismo nas sacas da feroz represión do 36 en Compostela ou a súa participación como voluntario na División Azul. A visita de Celia, unha xove guionista, obrigará ao vello sen nome a confesar lucidamente, sen rastro de arrepentimento nin remorso, a súa participación en múltiples fusilamentos, torturas e violacións e as súas razóns para facelos?Empregando formas achegadas ao drama, Suso de Toro ofrece a súa obra literaria máis ambiciosa: un relato de ficción intenso e emotivo onde pairan como teón de fondo os acontecementos da represión en Galicia durante os días do alzamento e os anos da posguerra. Unha reflexión perturbadora sobre a memoria que deita a mirada dun dos verdugos. Unha novela que procura as palabras necesarias que expresen e absolvan tanta dor afogada.
[Presentación editorial]


Sobre o libro
Obra de oficio

[11/06/2006 20:33] por Manuel Rodríguez Alonso

Suso de Toro, un dos poucos dos nosos escritores a tempo completo, acaba de publicar esta novela que obedece en gran medida na súa escrita, lanzamento e ata tema e técnica a unha axeitada estratexia de márketing para converter este relato nun éxito (seica antes de pórse á venda xa tiña comprometidos 5 000 exemplares). Contra o que pensan os apocalípticos, non é ningunha mágoa para unha obra literaria ser elaborada para converterse nun best-séller. O éxito de vendas non garante a mestría dunha obra, pero tampouco presupón unha calidade baixa. De Toro consegue nesta novela unir o éxito comercial cunha novela de indubidable calidade, aínda que non chegue a ser unha obra mestra.

A novela, moi oportunamente, no ano da memoria da Guerra Civil, ten como argumento as "fazañas" e psicoloxía dun falanxista que participou nunha manchea de "paseos", que asasinou republicanos e que, como un Caín bíblico, un demo ou un anxo maldito, gozaba matando persoas. O procedemento elixido para presentar a historia son os diálogos co xa coñecido Nano doutros relatos do autor, con outros personaxes ou mesmo os monólogos do vello falanxista que vai reconstruíndo a súa vida, os seus sentimentos, o pracer ante a morte e a dor alleas mentres agoniza durante dous días nun cuarto de hospital, que comparte con Nano. O procedemento técnico empregado por De Toro lémbranos clásicos como La muerte de Artemio Cruz de Carlos Fuentes ou mesmo outros títulos que non é este lugar para citar.
A técnica elixida, xa que logo, é unha técnica moderna, pero que non resulta rechamante, pois un lector con certa formación, como é o lector en quen pensa De Toro, atoparase a gusto con esta estrutura narrativa, que resulta moderna, pero que non lle parece estraña, pois mesmo a viu en exemplos abondos durante os seus estudos de bacharelato. De Toro, nos exemplos de "paseados", demórase naqueles casos en que o lector pode sentirse compracido cando le cousas que xa coñece pola súa formación. De aí a atención que presta, por exemplo, ao asasinato de Anxel Casal ou á historia das "Tres Marías" compostelás.
O protagonista, o asasino falanxista, é simplemente "O Vello", non ten nome. É coma se a característica de asasino o desposuíse da condición humana, que se manifesta nun antropónimo individual. Sente dende cativo a atracción irresistible pola morte e polo padecemento do outro. Por momentos parece a encarnación do mal ou do demo, mesmo na súa lonxevidade, que parece inmortalidade dun anxo malo. O satanismo é unha característica sobranceira d´O Vello. Pero non descoida De Toro presentarnos o contorno humano e social que fixo posible a actuación destes asasinos: unha Igrexa que bendicía a represión, unhas clases medias ou altas que calaban porque pensaban que deste xeito non perderían os seus bens económicos e privilexios, asustadas pola nova política da República ou, simplemente, os que calaban por medo e covardía. A lección de De Toro é que tamén a liberdade hai que gañala e loitar por ela.
Non pensemos, despois do dito, que o protagonista é un simple asasino ou psicópata. O Vello ten unha mente privilexiada que lle permite analizar as causas da sublevación militar, os apoios que recibe ou mesmo o comportamento dos intelectuais ou curas que non matan, pero que cos seus discursos, textos ou homilías desculpan a quen mata ou animan a matar. Mesmo se citan nomes de intelectuais coñecidos, que defenderon a sublevación e a barbarie franquista coa súa pluma.
O oficio de novelista do autor vese en que fai que cada personaxe fale cun rexistro que lle acae. Cumpriría estudar, por exemplo, a linguaxe do fascismo que aparece reproducida acertadamente en moitas páxinas. Non menos interesantes son os rexistros lingüísticos adecuados que empregan outros personaxes da novela como Celina, Nano, Vanesa...
Con todo, ás veces a novela cae nun tempo lento que non lle convén. Os diálogos e mesmo os monólogos poderían ser máis breves e menos repetitivos de conceptos filosófico-éticos, que moitas veces resultan pouco novidosos e cansan. Tampouco está ben resolto o desenlace, que resulta tópico e inverosímil de máis, mesmo ten algo de reencontro de pais-fillos perdidos de programa televisivo. É dicir, eu coido que o texto quedaría mellor cunhas cantas follas menos e con outro desenlace. Do mesmo xeito non achega nada novo na interpretación da Guerra Civil e da posguerra, que se move dentro do que hoxe se considera politicamente correcto e en consonancia coa interpretación que destes feitos realizan grupos culturais españois como Prisa. Mais esta novela é un produto de indubidable calidade e que compracerá a un público lector amplo con cuxa fidelidade conta o autor. E isto está moi ben nunha literatura minoritaria e minorizada coma a nosa.


Sobre o autor
Suso de Toro (Santiago, 1956), licenciado en Arte Moderna e Contemporánea. Escritor, Premio Nacional de Narrativa 2003. Como narrador publicou: Caixón desastre (1983, 1991), relatos, Premio Galicia da Universidade de Santiago; Polaroid (1986), relatos, Premio da Crítica Galicia; Land Rover (1988), novela; Ambulancia (1990), novela; Tic-Tac (1993, 2003), novela, Premio da Crítica Española 1994; A sombra cazadora (1994), novela; Conta saldada (1996), novela; Calzados Lola (1997), Premio Blanco Amor 1997; Círculo (1998), relatos; Non volvas (2000), novela, Premio da Crítica Española; Trece badaladas (2002), novela, que foi adaptada libremente ao cine por Xavier Villaverde co título homónimo (2003) e Premio Nacional de Narrativa 2003; Morgún (Lobo Máxico) (2003), novela e Home sen nome (2006), novela. Escribiu os libros de xornalismo e ensaio: F.M. (1991), Unha memoria da esquerda nacionalista (Camilo Nogueira e outras voces) (1991), Eterno retorno (1996), Parado na tormenta (1996), O país da brétema (2000), A carreira do salmón (2001), Nunca máis Galiza á intemperie (2003), Españois todos (2004), Ten que doer (2004), Outra idea de España (2005) e Madeira de Zapatero. Retrato dun Presidente (2007). Publicou ademais a obra de teatro Unha rosa é unha rosa (1997) e Servicio de urxencias (2002), guións de televisión., sendo protagonista do libro, preparado por Antonio Pedrós-Gascón, Conversas con Suso de Toro (Xerais 2005). A súa obra está publicada por XERAIS en case a súa totalidade.

Entrevista

Suso de Toro, de visita na Arxentina e no Uruguai

"En Madrid desgústalles que unha novela ambiciosa veña da literatura galega"

En entrevista con Débora Campos, di que a súa última novela afogouna a crítica "porque os españois só queren obras compracentes ideoloxicamente".


Na visita que o sobranceiro autor galego Suso de Toro fixo á cidade de Bos Aires houbo de todo: un asistente á conferencia na Universidade de Belgrano (UB) que lle preguntou indignado porque se lle daba por chamar ás súas novelas Land Rover e Polaroid con nomes de marcas comerciais; unha muller que quixo saber que facer cun neto que non quería xogar ao fútbol cos compañeiros (o autor, minutos antes, dixera que era escritor porque se lle daba mal o xogo coa pelota dende rapaz); preguntas incómodas dos rapaces do colexio Santiago Apóstolo ("Por que sempre escribe cousas tan terríbeis?"); e unha emoción que lle quebrou a voz dúas veces durante unha presentación na Federación de Sociedades Galegas.

Convidado pola Secretaría Xeral de Emigración da Xunta, Suso de Toro chegou o mércores á capital arxentina e pola noite dese mesmo día foi o protagonista dunha conferencia no Teatro Castelao do Centro Galego de Bos Aires. Ao día seguinte ofreceu un percorrido pola súa carreira literaria diante dunhas 80 persoas integrantes do Instituto de Estudos Galegos da UB. E, no remate da visita, falou de galeguismo e galeguistas, de Galiza e da Arxentina, de política e de emigrantes, de libros e de literatura na Federación de Sociedades Galegas.

Ademais, fixo tempo para unha entrevista para o Diario Cultural da Radio Galega e Vieiros na que asegurou que a súa última novela, Home sen nome, foi afogada pola crítica e que tivo con ela un problema de recepción porque os españois so queren obras compracentes ideoloxicamente. Dixo que comeza un tempo de revisión do sistema electoral e da participación dos galegos da diáspora e asegurou que, así como están as cousas, é un atentado contra a democracia. Finalmente, falou da construción das identidades nos tempos que corren e desexou "ter novas xeracións de persoas que -dende calquera parte do mundo- queren ter un lazo con Galiza por lealdade á súa historia persoal, pero tamén por orgullo e alegría".

V.: Home sen nome é unha novela inquietante para os que vivimos en países cunha historia de violencia contra os cidadáns. Estaban os lectores españois en xeral e galegos en particular preparados para unha novela protagonizada por un verdugo falanxista?

S. d T.: Non. Tiven un problema de recepción clarísimo con esta novela. En primeiro lugar, coa crítica española, que a puxo ben (con excepción dun crítico dun diario que tiña unha campaña contra min e que se negou a facer o comentario da novela) pero co que tiven un problema: das catro cabeceiras so dúas aceitaron concorrer á presentación. É dicir, cousas que non me ocorrían dende hai anos. Entón, en Madrid topei con quen a ignorou, tamén houbo algunha cabeceira que se negou a asistir á presentación pero que logo dedicoume unha páxina enteira a toda cor e cunha foto miña enorme e debaixo unha recensión demoledora da novela e do autor.

E topei con recensións que foron moi favorábeis, nas que expresamente se recoñecía a enorme ambición literaria da novela, nas que dicían que estaba a altura do desafío, e nas que a continuación podíalles máis unha cousa preexistente na que expresaban toda unha serie de pegas estéticas, anímicas, políticas... A que atribúo isto? Pois a dúas cousas: a primeira é que amólalles verdadeiramente, desgústalles que unha novelística de moita ambición veña da literatura galega, é dicir, que non hai escritores españois neste momento que fagan desafíos literarios desa envergadura. Iso é evidente, altera a centralidade no mapa literario español. Por un lado, recoñecen a evidencia dun texto moi ambicioso e cargado de intencións literarias, máis a continuación non poden aceptalo e reaccionan. Iso por un lado.

E logo, por outro lado, tiven reproches porque aparece alí Torrente Ballester representado con un papel de fascista moi activo nos días máis terríbeis e, por outro lado, porque o libro nos obriga a ver que alí houbo unha xente que foi asasinada e outra xente que escapou, e os que ficamos alí, os que estamos hoxe alí, somos fillos dos que mataron ou dos que achantaron e non hai máis. E dicir, coa novela o que pretendín foi tocar dous tabús: o primeiro é o nome dos verdugos, eu na novela dou nomes dos asasinos. Por outro lado, ademais, dicir o evidente que é que fronte a compracencia en ser vítima (toda a sociedade española, a xente benpensante de esquerda di que somos todos vítimas) eu o que digo é que alí todo o que sobreviviu tivo que corromperse.

Esa é a verdade das nosas vidas, das nosas familias. Eu tamén o xustifico porque houbo que sobrevivir, máis ao mesmo tempo a novela é moi incómoda porque obriga a dicir: "Si, si, os asasinos están aquí, seguen entre nós e calquera de nós pode ser fillo dun asasino". E en segundo lugar, é que se non es fillo dun asasino, es fillo dunha vítima dos asasinos que achantou, de alguén que se humillou. E iso é moi incómodo. Entón, tiven un problema de recepción coa miña novela. É, probabelmente, a máis ambiciosa literariamente, pero foi afogada. Alí son aceptadas as propostas que no fondo son compracentes ideoloxicamente: "Que vítimas somos, pobres de nós, canto asesino anda por aí". Xa está ben! Ese punto de vista é, no fondo, conservador, porque non obriga a afrontar a realidade do que foi. Somos unha sociedade construída polos vencedores.

V.: Hai libros que son escritos nun tempo para lectores dun tempo por chegar. Pode ser o caso desta novela?

S. d T.: Pois se é así, será á forza. O meu libro era con vontade de intervir, eu sabía que era un libro que tocaba un tabú porque eu tiven moita preocupación cando o escribín. En principio, por documentarme, por pesquisar o nome dos asasinos. E en segundo lugar, polas consecuencias: eu vivo nunha cidade e son conveciño dos fillos e netos dos asasinos que non queren ver os seus nomes e apelidos alí. Entón, era unha decisión moi dura, e eu xa estou afeito, xa tiña demasiados conflitos abertos en moitos aspectos. Foi para min dicir: "Vou meterme tamén nesta lea".

Pero pasa que eu entendo a literatura dun modo moi radical en moitos sensos e tamén dende o punto de vista social: creo na capacidade de intervención da literatura, creo no poder da palabra, e pensei que esta novela -sinceramente- era un acto non só literario senón un acto de forza social, pensei que xeraría un debate. Pero non. Foi afogada. Danse na Galiza sete ou oito premios a libro publicado e nin un foi para ela, para min é moi elocuente de que é unha novela que molesta. No caso da crítica galega é que molesta ao lector porque o obriga a interrogar e a interrogarse a un mesmo. Á parte da perturbación psicolóxica que provoca, as preguntas sobre a identidade, sobre a condición humana e sobre o do que é capaz esa condición humana, é que non é nada compracente coas vítimas. Entón, o que lle vai á xente é retratarse na figura da vítima, pero iso para min é reaccionario.


Suso de Toro

?A linguaxe da literatura do mellor a verdade que a historia ou a socioloxía?

A Nosa Terra - 1228

Suso de Toro (Santiago, 1956) está en pleno proceso de promoción da súa novela Home sen nome (Xerais), que simultaneamente saiu en catalán e castelán. Literariamente ambiciosa, o autor considerouse obrigado a rachar coa desmemoria, ?temos que sair da infantilización coa que fumos tratados. Temos dereito a saber a verdade do que pasou e que os asasinos non sigan sendo donos das nosas vidas?.

Home sen nome ten moitos lugares por onde meterlle o dente. Un dos eixos é a maldade humana?
Hai moitas intencións no libro. Inicialmente non tiven un plan definido senón que algo de entrada humilde foise facendo no curso da escrita máis ambicioso. Ao comezo o protagonista era un anciano, que fora paseador e asesino en serie, falando a piques de morrer. Daquela está a ancianidade e a morte, que sería a materia existencial, e despois a memoria histórica e a fascinación por esa xente que é capaz de facer o mal sen remorsos. Agora mesmo cóstame tomar perspectiva do libro, cando rematei tiña todos os fíos na man e quizais dentro de dous anos poda volver telos. A todo isto sumáronselle temas recorrentes no meu traballo: aparecen a figura do doble, constante en todos os meus libros, as relacións edípicas, a masculinidade e de fondo non sei se o Mal.

O vello é un verdugo que razona e cando o pon a dialogar no Berlín hitleriano dos anos 30 con Lois Tobío ten argumentos detestábeis pero complexos.
Non só razona, senón que o máis perturbador é que leva unha parte de razón. Ese é o paradoxo da razón, que é un instrumento dominador da nosa especie pero a por sí soa non é liberadora. É un home cun discurso moi lúcido e que revela aspectos da vida. É o discurso do nihilismo, con profundas raíces en Europa desde a Ilustración, que desde o ponto de vista histórico, cando mira cara adiante, profetiza e imaxina un futuro utópico, pero contén dentro agachada moita desesperación. A novela hai que entendela como profundamente europea en canto revisión da historia das ideas europeas e iso está sintetizado nese diálogo con Tobío.

A dualidade está presente como simbolismo no irmán bó e o malo, pero ao pé desa ficción está o peso demoledor da narración de feitos reais do 36 en Compostela.
O proceso de realización do libro foi complexo. A idea inicial era puramente literaria pero a preparación dunha biografía para o vello paseador obrigoume a documentarme e a moi escasa documentación levoume a investigar. Dediquei un ano enteiro a ese traballo de falar con historiadores, con testemuñas, de ler moito e de facerme un esquema do que aconteceu, esencialmente na miña cidade. Cheguei a unha reconstrución da que só hai unha parte no libro, porque quería convencerme de que a visión que daba era verdadeira. Todo o que fun atopando era apaixonante, porque nada é tan forte como a vida, e cheguei a pensar que faría unha novela histórica. Pareime e fixen o esforzo de liberarme desa servidume, tentando atrapar a verdade do acontecido e sintetizala. O libro está escrito con medios lexitimamente literarios, o que non é unha crítica do valor da novela histórica. O meu libro, digo, está máis cercano ao mito e á lenda incluindo o que sabía da realidade histórica. Se conseguín esa fusión terao que dicir o lector. Penso que a literatura, cos seus instrumentos e a súa linguaxe, dí mellor a verdade que a historia e a socioloxía.

Os netos queren saber

A potencia do propio monólogo interior do vello pode facer pensar que as outras personaxes eran accesorias, que función cumpren?

O libro debe ser lido á maneira dos dramas barrocos, do Hamlet ou La vida es sueño, que expresaban a idea de que a vida era un escenario e as nosas vidas unha representación. Nese drama hai unha gradación de idades, o vello, Nano, Celia... son distintas xeracións. Quixen contar como o vello é o amo da vida dos outros e como polo medio hai unha xeración, a do Nano, demediada, sonámbula. Despois virían os netos que son os que preguntan polo que lles foi ocultado.

Pódese dicir que xogan en tres niveis simbólicos. En orixe ía escribir unha obra teatral construíndo un conflito entre dous persoaxes en senllas camas de hospital. A función de Nano e Celia é axudarlle ao vello a botar fóra o seu coñecemento, porque cada vello que se vai leva algo que os netos precisamos e marchan sen contalo.

Cando o protagonista presume da súa actividade criminal espétalle a Celia que ela ignora mesmo o que pasou na súa familia, fachendea do seu dominio total aínda cando está agonizando.
Se algo caracteriza a este libro é que non hai narrador e está feito de voces. O vello é o único que é un eu dominador, e a relación que mantén con todos é de poder explícito. No caso de Celia hai momentos de verdadeiro sadomasoquismo, xoga como o gato co ratiño. Aí revélase a súa fortaleza, que é excesiva.

E outra entrevista (en castelán)


Fontes e mais materiais
http://gl.wikipedia.org
http://bvg.udc.es/
http://www.xerais.es
http://www.vieiros.com
http://bretemas.blogspot.com
Palabras engadidas (0) - Categoría: Novelas - Publicado o 13-11-2007 13:45
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0