Lectores Galegos en Bos Aires



Perfil
lectoresenbosaires@gmail.com
 O que lemos
 Buscador
 Blogomillo
 Esas lecturas pasadas
 Anteriores
 Destacados

Conferencia pública de Víctor Freixanes sobre o Xornalismo en Galicia
O escritor e académico, director da Editorial Galaxia, vai ofrecer unha ponencia este sábado día 30 na sala Alfonsina Storni do Café Tortoni dentro do tema deste ciclo de literatura galega que vai polo seu quinto ano e que neste 2011 analiza a Galicia na Prensa.



Dentro do ciclo de literatura galega Lectores Galegos en Bos Aires, o escritor e académico, Víctor F. Freixanes, director da Editorial Galaxia, vai ofrecer unha conferenca este sábado día 30 ás 15 na sala Alfonsina Storni do Café Tortoni sobre o Xornalismo en Galicia. A ponencia, aberta, pública e de balde, enlaza co programa deste grupo que vai polo seu quinto ano e que neste 2011 analiza a construcción da idea de Galicia na Prensa.

Freixanes chegou esta semana á capital arxentina para participar dunha serie de actividades vencelladas á presencia galega na 37º edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires, a partir do interese da Editorial Galaxia por espallar neste país austral as letras da terra e toda a súa riqueza.

Estades todos convidados!!!!
Palabras engadidas (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-04-2011 19:22
# Ligazón permanente a este artigo
Comezamos o Ciclo 2011
Co mes de marzo comezamo este novo ciclo de literatura galega, o quinto por certo, que imos dedicar á prensa galega e que presentaremos este sábado, día 19 de marzo, ás 16 na sala Alfonsina Storni do Café Tortoni.

Este ano 2011, convidámosvos a percorrer unha serie de tópicos sobre os que a literatura galega semella volver unha e outra vez, pero agora dende outro espacio: a prensa. Analizaremos e debatiremos a realidade da lingua, da cultura, do territorio, da memoria, ou da identidade sobre a base dun feixe de artigos e entrevistas xornalísticos publicados por autores moi ben coñecidos por nós (Suso de Toro, Manuel Rivas ou Victor Freixanes) ao tempo que teremos ocasión de descubrir a outros.

Neste camiño que vos ofrecemos, teremos algunhas visitas que son, certamente, unha honra: no mes de abril poderemos escoitar unha charla aberta do escritor, editor e académico na Universidade de Santiago de Compostela Victor Freixanes sobre o xornalismo en Galicia, especialmente preparada para o noso ciclo. E no mes de maio, aprenderemos cunha conferencia que a licenciada en Letras, especialista en lingüística e investigadora Mariana D´Agostino vai presentarnos coa maior xenerosidade.

Pero non é o único. Coa axuda da nosa amiga -ben coñecida por todos vós- Mariela Sanchez, estamos tramitando unha visita da académica Dolores Vilavedra, unha verdadeira referencia no sistema literario galego que semella interesada en compartir con nós unha visita.

E ainda temos máis! O ciclo vai contar coa activa participación dalgúns dos seus integrantes. A propia Mariela Sanchez, licenciada en Letras e doutoranda, vainos guiar polo mundo do xornalismo e da literatura no mes de abril; mentre o profesor e escritor Antón Rey vainos axudar a coñecer e reflexionar sobre o mundo da diáspora galega no mes de outubro. Finalmente, no encontro de novembro, e da man da licenciada en Letras, profesora e xornalista Claudia Amigo, imos analizar e debatir cómo é que a prensa galega nos ve e como é que nós mesmos nos pensamos.

Non, non rematamos ainda. Este ano imos lanzar unha experiencia piloto: o Obradoiro de expresión, un espacio de proba e erro para experimentar coa escrita (en galego ou en castelán). O traballo -so dedicado aos participantes do ciclo que queiran facelo- busca axudar, alentar e guiar a producción dunha serie de artigos que van ser material de lectura nunha das tertulias do ano. Quedades convidados!!

Este é o cronograma de encontros e agardamos contar con vós este sábado 19 de marzo ás 16hs

Cronograma del Ciclo de literatura gallega en Buenos Aires para el año 2011

19 de marzo, 16:00 horas: Introducción. Análisis del artículo Galicia contada a un extraterrestre de Manuel Rivas


16 de abril, 16:00 horas: Conferencia sobre Periodismo y Literatura a cargo de la doctoranda Mariela Sánchez.


30 de abril, 15:00 horas: Conferencia abierta sobre Periodismo en Galicia a cargo del escritor, editor y académico gallego Víctor F. Freixanes (de visita en Buenos Aires).

Luego, primer encuentro del Obradoiro de Expresión.


21 de mayo, 15:00 horas: A lingua na prensa ? Parte I Conferencia sobre Bilingüismo, diglosia y lenguas minorizadas. El caso argentino a cargo de la Lic. Mariana D'Agostino.
Historia de la lengua gallega: de 'la doma y castración' al plurilingüism" a cargo de la Lic. Andrea Cobas Carral.


25 de junio, 16:00 horas: A lingua na prensa ? Parte II


13 de agosto, 15:00 horas: A terra na prensa (territorio e historia).

Luego, segundo encuentro del Obradoiro de Expresión.


17 de septiembre, 16:00 horas: A cultura na prensa (territorio e historia).


1 u 8 de octubre, 16:00 horas: ((A Confirmar)) Conferencia de la académica gallega Dolores Vilavedra (de visita en Buenos Aires)


15 de octubre, 16:00 horas: A emigración na prensa ? Parte I (quen somos, como somos e donde estamos) a cargo del profesor Antón Rey.


12 de noviembre, 15:00 horas: A emigración na prensa ? Parte II (como nos ven e como nos vemos nós) a cargo de la licenciada en Letras y periodista Claudia Amigo.

Luego, lectura de los textos producidos en el Obradoiro de Expresión.


10 de diciembre, 15:00 horas: A identidade na prensa. Presentación del Ciclo 2012.


Deixámosvos aquí o artigo de Manuel Rivas co que imos traballar este sábado: http://culturitalia.uibk.ac.at/hispanoteca/Landeskunde-Spanien/Autonom%C3%ADas/Temas%20de%20Autonom%C3%ADas/Galicia%20contada%20a%20un%20extraterrestre.htm

E agardámovos coma sempre con moita ilusión!!
Palabras engadidas (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-03-2011 00:27
# Ligazón permanente a este artigo
Los laberintos del sentido (una lectura de Polaroid de Suso de Toro)
Comezamos por Polaroid, este ciclo dedicado á obra de Suso de Toro, e guiounos na análise un traballo publicado por Andrea. Para quen non puido estar o sábado e para todos que imos rematar o noso traballo na próxima tertulia, aquí vos deixamos o enlace a LOS LABERINTOS DEL SENTIDO (una lectura de Polaroid de Suso de Toro, da licenciada Andrea Cobas Carral.

Palabras engadidas (2) - Categoría: Novelas - Publicado o 30-04-2010 15:36
# Ligazón permanente a este artigo
Suso de Toro retírase da literatura
Na segunda xuntanza deste ciclo que dedicamos á obra de Suso de Toro, enterámonos da súa decisión de deixar o traballo de escritor. Na prensa de hoxe, el explica os motivos desta decisión. Deixámoslle o artigo para que o leades.



SUSO DE TORO Luces
'Mutis' explicado

SUSO DE TORO 30/04/2010


A pasada semana, un pequeno post escrito por Suso de Toro no seu blog provocou un gran rebumbio nos ambientes literarios. De Toro anunciaba que deixaba de ser escritor profesional para voltar ao ensino. Aquí explica polo miúdo os motivos desa decisión.



Do mesmo modo que me publicou este xornal o pasado febreiro un artigo, Qué va a ser del escritor, no que trataba das transformacións que vive en España a literatura, tiña eu por obra ofrecer unhas reflexións máis demoradas e específicas sobre o ser escritor na Galiza e en galego. Calculaba publicalas nun par de meses, mais a vida, sempre esa man solta para darnos labazadas, faime adiantalas e tamén dar unha explicación.

Hai meses decidín reintegrarme á miña praza de profesor de ensino medio. Ó día seguinte a ter asignada praza definitiva, puxen unha nota no meu blog. Xa que o tiña, quixen dicir eu así o que empezaba a ser comentado na profesión e os seus arredores. Pensara facer un cambio de profesión e de vida con tranquilidade, non imaxinaba que iso crease noticia. E paréceme que o máis interesante precisamente non é que alguén pase de dedicarse a escrita a dedicarse ao ensino, senón que iso sexa noticia. Fíxome ver que xa funcionan de modo efectivo os medios de comunicación particulares, que Internet permite que todos sexamos emisores de información. É unha lección importante.

E outra lección tan ou máis importante que desminte en parte a conciencia de fracaso que eu tiña: contra o que pensaba, á sociedade galega xa lle importan os seus escritores. Cando comezo a publicar ficción, a comezos dos anos oitenta, xunto aos libros tiña a pretensión de reformular a literatura galega e a súa relación coa sociedade, que rompese o gueto no que estaba encerrada, irradiase e alcanzase a un público lector non ideoloxizado. Que a retirada dun autor agora provoque preocupación en tantas persoas indica que se conseguiu parcialmente aquel obxectivo.

As persoas que somos lectores sentimos a desaparición dun autor co que mantemos un diálogo, un trato, iso é natural; neste caso expresouse unha preocupación que vai máis aló dos lectores: persoas que non len os libros do autor sentían que o seu país perdía algo (foime unha sorpresa desconcertante e teño que agradecer rendido o que hai aí de recoñecemento dos lectores). O que importa é que é unha novidade, expresa unha conciencia cívica nova. E iso é máis interesante que todo o que eu diga a continuación.

Ese novo civismo non é compartido, mesmo é combatido por abondos medios de comunicación e por poderes políticos, ese incivismo é o noso verdadeiro drama histórico. A sociedade é máis madura que os poderes que a tutelan (que dicir concretamente dun Goberno que chegou custionando a nosa lingua? É incualificábel).

E dito o máis importante só resta explicar os motivos dese mutis que pretendía ser un tránsito particular desde a cena pública a unha profesión máis discreta. Vexo que este mutis non pode ser mudo, debo explicarme. Oxalá as explicacións sirvan tamén para afrontar dilemas que ten que afrontar a nosa cultura.

Unha causa soa abondaría, a crise económica agudizou unha crise das industrias da comunicación, do xornalismo, da edición de libros. Esa crise presentóusenos a todos os que traballamos nese sector económico e profesional, e eu revisei as miñas bases profesionais para ser escritor e concluín que tería que reaxustalas. No meu caso particular vin que calquera reaxuste aumentaríame aínda máis a exposición ao público, coa carga de tensión e ansiedade que iso me supón. Foime disuasorio.

E estas novas circunstancias non teñen volta atrás, a crise multiplicou a velocidade dun proceso de cambio na cultura occidental que xa existía. Na Europa a cultura era xerárquica e compartimentada, establecíase un lugar para a cantarela popular e outro para a ópera ou a música de cámara (malia que na vida houbese influencias mutuas). Ese ordenamento e compartimentación permitiu a existencia dunha arte culta, os sacerdotes desa secta das artes serían os artistas, os autores, cun selecto público propio. Entendo que iso está hoxe en custión. Xa nos anos sesenta houbo intelectuais, como Umberto Eco, que analisaron ben esa tensión agónica entre alta cultura e a cultura dos medios de comunicación. Aquela tensión, debido ao cambios sociais e políticos e, sobre todo, ás novas tecnoloxías como a Rede, hoxe estáse dirimindo: do mesmo modo que desapareceu o cidadán coas súa carga de responsabilidades, dereitos e deberes e foi suplantado polo consumidor nihilista, desapareceu tamén a xerarquía de valores, e a cultural e artística. Xa non aceptamos a autoridade e todos decidimos numericamente que cousa é a arte. Desapareceu a figura do autor coa súa aura de respecto, e nas informacións de cultura mestúranse revoltos un libro de filosofía ou de poesía con calquera outro nacido para best seller á moda ou unha fotografía dunha modelo. Xa non hai categorías e a valoración implícita é que todo ten o mesmo valor relativo, básicamente ningún.

Resumindo, a miña figura de escritor, o autor que vai tecendo unha obra, xa non ten lugar. Neste tempo sen memoria, perpetuo presente, só cabe a novidade e todo é espectáculo. Desde os límites da literatura galega podemos pensar que iso non acontecerá pois é unha literatura de autor: un erro. É un cambio profundo na nosa civilización e -cómo non había ser así- aféctanos igualmente.

(O peor é que tampouco un non se atreve a reivindicar a figura do autor, hai algo en nós de exquisito de máis e somos unha figura decadente).

Tamén me podería deixar de análises e bastaría con falar do último libro do autor para comprender o mutis. Sete palabras é unha despedida todo el, e en léndoo coido que o lector comprende que xa foi escrito en tránsito cara a outro lugar. Nalgún lugar do texto, cito de memoria, dise algo así: "E como se xa estiveses morto ou como se fose un libro póstumo". Tras un strip tease artístico só cabe baixar o pano ou facer mutis. Un sente que literariamente xa dixo o que tiña a dicir, máis nada.

Por que ocorren cun escritor cousas así? Paréceme que se debe a que as persoas que atravesan a fronteira dos 50 anos gañan unha nova perspectiva sobre a súa propia vida e sobre o vivir. Unha consecuencia é que perden a ilusión polas angueiras ás que se teñen dedicado até ese momento. Un desprendemento ou unha cousa semellante vívese respecto do que o rodea a un.

Esa crise de vida o escritor vívea dun xeito especial, pois traballa no seu mundo íntimo mais faino en relación cos demais, primeiramente coa comunidade que o arrodea. É oficio solitario, porén depende dunha comunidade humana. Así ten sido até hoxe, por iso tanta xente considera un libro ou un escritor como seus aínda que non lean. Rosalía de Castro ou El Quijote son casos. Pola súa parte, o escritor interioriza o seu país, víveo dentro súa mental e emocionalmente até un punto no que chega a sentir afogamento: de aí unha necesidade de fuxir ou romper que leva a escritores a pór terra ou océano de por medio, sequera unha tempada. Ou a quitarse do escenario como se poida.

Naturalmente trátase do éxito dun fracaso e do fracaso dun éxito. Ser escritor profesional para min foi un ensaio persoal e da literatura galega: ese desexo de escritores anteriores era posíbel naquel contexto histórico? A democracia na España estabase a consolidar e transformar a sociedade, dunha banda. Da outra, o autogoberno, logo da promulgación do Estatuto de Autonomía, parecía abrir a posibilidade de normalizar a lingua, crear unha cultura descolonizada e autocentrada. Nin os medios de comunicación nin o poder político galego axudaron, a atención e o respecto que se lle dea hoxe aquí á nosa cultura é mérito exclusivo da cidadanía. E a España democrática reconfigurouse sobre o mesmo nacionalismo españolista, o integrismo identitario: os españois son os que falan castelán.

A consecuencia é que un escritor mexicano ou peruano é considerado como propio, porén quen escriba en galego é outra cousa, categoría a parte. Dannos un trato extraño: non nos recoñecen nacionalidade española, tampouco a galega, e trátannos como a estranxeiros. A xenofobia explícita e implícita dos media madrileños é un escándalo: hoxe o éxito de Andrés Dobarro sería absolutamente imposíbel.

Chegado aquí pode ter aparecido o comentario, "e que nos importa o que diga España de nós, que somos galegos?!". Non entro a discutir iso no plano ideolóxico e político, só constato que para que un escritor poida vivir da súa obra ten que estar traducido a outras linguas. O castelán é a primeira lingua á que desexo que se traduza a miña obra. Agora ben, a realidade das relacións de poder fai que o que sería un desexo limpo constitúa unha obriga: dada a nosa debilidade política, para chegar a outras linguas do mundo hai que pasar obrigadamente polo ámbito castelán español, unha verdadeira alfándega que empece a difusión de autores e libros.

E cando se nos critica aos escritores galegos por permitir que se editen os nosos libros en castelán o que se pretende é ternos encerrados. Porque, débenmo crer, temos que ler e ouvir esas críticas: "Ten moita présa por ser traducido", "cada vez deixa menos meses entre a edición en galego e en castelán", "o que quere é triunfar en Madrid"... Persoas que seguramente non len os libros de un e que mesmo os combaten síntense con autoridade moral e dominio sobre un. A miseria interiorizada pola nosa cultura crea unha policía política que persegue a nosa pureza. Vivir da literatura, un pecado. O castelán, vaites co pecado mortal! Ser escritor galego é apandar cunha carga ética e moral en por si, sabiámolo e asumímolo. Aínda comprobamos logo que a sociedade, sobre todo en momentos de crise, agardaba dos seus escritores que cumprisen un papel alén de escribir versos e historias. Agora ben, non hai por que aturar a carcereiros voluntarios. En fin, que todo cansa.


Sobre todas estas cousa teño escrito e está recollido en libros, fun pasando a palabras a experiencia como escritor, a carón dos libros de ficción fun ofrecendo as reflexións: F.M., Parado na tormenta, A carreira do salmón, Ten que doer, Outra Galiza... Quen teña lido algún deses libros non levaría sorpresa polas miñas conclusións.

Moitas causas para explicar canseira, tamén por que habemos negalo, a conciencia de que a relación particular do autor coa literatura galega nunca cambiará. Pasan as décadas e son, e han ser, as mesmas que estableceron mutuamente cando empezou a publicar. Un autor só ten a palabra, a que publica, logo son as persoas que len quen deciden se existe ou non. Fun autor afortunado, os meus libros tiveron e teñen o alento dos lectores, non lles podo estar máis agradecido. Porén este autor vén desde o comezo custionando o establecemento cultural e literario, e o establecemento lóxicamente opúxolle e oponlle resistencia ao autor.

O autor coñécese e sabe que non pode cambiar a súa natureza nin o seu destino, sabe que os observadores da literatura que se comprometan cos seus libros sempre serán persoas que vivan fóra ou nalgunha marxe, ora desde Barcelona ora desde Nova York. Sabe que está no seu que o maior coñecedor da súa obra sexa un estudoso aragonés que exerza de profesor na universidade estatal de Colorado. Como está na propia natureza o terse significado en temas sociais e posicións políticas, co lóxico coste (quen mide ese coste?). A un cánsalle ser un.

Sobran razóns para sentirse fatigado, aínda que a principal é a vida mesma e non outra. E por iso deixo de ser escritor profesional e gardei nunha caixa os traballos literarios encetados. Non paso pena ningunha pola literatura en xeral nin pola galega en particular. A vida institucional da cultura galega é aborrecida e resesa como hai 30 anos, mais fóra de aí hai hoxe moita xente de distintas xerazóns a escribir de xeitos distintos: nunca a literatura galega foi tan diversa. E, sobre todo, hai unha creatividade que se expresa de moitos outros modos, e se non, ollen na Rede.

No que a min respecta, para o próximo curso revisarei e reducirei a miña presenza pública todo o que poda. Malia que, se o director destas páxinas mo permite, mirarei de conservar algún espazo para seguir tratando de escritores, libros e esas outras cousas miúdas.
Palabras engadidas (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2010 15:22
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0