Lectores Galegos en Bos Aires



Perfil
lectoresenbosaires@gmail.com
 O que lemos
 Buscador
 Blogomillo
 Esas lecturas pasadas
 Anteriores
 Destacados

Realismo histórico e crítica social: A esmorga de Eduardo Blanco Amor
Poucos autores dos que levamos traballado nestes tres anos tiveron tanta relación co café Tortoni como Eduardo Blanco Amor de quen hoxe imos comentar A Esmorga. Estades convidados!



Con esta última xuntanza do ano, enlazámonos coas actividades que, ao longo de todo este 2009, se foron organizando para lembrar os 50 anos da saída do prelo da novela A esmorga.


A esmorga é unha novela tremendista escrita por Eduardo Blanco Amor e publicada en 1959. A trama desenvólvese na cidade de Auria (Ourense), e marcou un fito na ruptura das tendencias costumistas e populares da literatura galega. Emprega a técnica do diálogo telefónico e da redución temporal mediante a presenza dun narrador protagonista que é interrogado por outro personaxe, do cal só hai constancia pola presenza no texto duns guións introdutores.

A aventura narrada n' A esmorga ocorreu 90 anos antes da súa narración (...púxenme agora a escribir esta crónica, e coasi corenta anos de tere recollida tan lene documentación e a noventa dos sucesos mesmos [9]). Debido a isto a atmosfera máxica, sen límites, d' A esmorga vén dada por unha visión dos feitos que é provocada pola distancia temporal. Wikipedia.

Podedes botar unha ollada á novela no Google Books, aqui.



EBA, polémico e enfeitizador, naceu en Ourense o 14 de setembro de 1897 e finaou en Vigo o 1 de decembro de 1979.

Blanco Amor, cuxo pai abandonou o fogar cando só tiña tres anos, foi un neno enfermizo que non recibiu unha educación formal, pero que aprendeu pola súa conta lendo xornais. En 1915, á idade de dezasete anos, comezou a traballar como secretario de dirección en El Diario de Orense. Durante esta época frecuentou os faladoiros de Vicente Risco, de quen tamén foi alumno na Escola Normal, figura que tivo unha importancia decisiva na súa futura defensa e promoción da cultura galega. En 1919, moi novo, emigrou a Bos Aires, onde continuou en contacto con intelectuais galegos da emigración, tomando parte activa na Federación de Sociedades Galegas, fundada en 1921, que pretendía aglutinar tódolos inmigrantes galegos e da que chegaría a ser director do seu órgano El Despertar Gallego. No 1924 coñece a Ramón Suárez Picallo, que había ser o seu gran amigo. En 1923 fundou con Ramiro Isla Couto a revista Terra, en lingua galega. Máis adiante participou tamén noutra publicación galeguista chamada Céltiga, da que tamén será director. En 1926 entrou a formar parte do diario arxentino La Nación, onde coñeceu escritores arxentinos como Leopoldo Lugones, Horacio Quiroga, Borges, Sábato e Mallea. Tamén colaborou con publicacións como El Correo de Galicia e a Revista de la Casa de Galicia.


Aínda que xa compuña poesía na súa mocidade, non publicou a súa primeira obra ata 1927, Os Nonnatos. Ao ano seguinte seguiuna o libro de poemas Romances gallegos, encadrado dentro dunha estética modernista cunha forte influencia dos romances casteláns e de Luís Amado Carballo.

En 1928 retornou durante un ano a Galiza como correspondente do diario La Nación. Durante este primeiro regreso coñeceu a Castelao e a varios intelectuais do Partido Galeguista e do grupo Nós, e escribiu Poema en catro tempos, que publicaría posteriormente na Arxentina en 1931. Dende Bos Aires colaborou máis tarde coa revista Nós con varios poemas e tres capítulos da súa novela inconclusa A escaleira de Jacob.

Volveu a instalarse en España como correspondente de La Nación entre 1933 e 1935, e coñeceu en Madrid a Federico García Lorca, co quen tivo unha grande amizade e a quen acompañou á casa familiar de Fuente Vaqueros en varias ocasións. É salientable o feito de que Blanco Amor foi o responsable de convencer a Lorca para que publicase os Seis poemas galegos (1935).

Defendeu dende Arxentina a legalidade republicana cando se produciu o estalido da guerra civil española. Durante os 20 anos seguintes utilizou unicamente o castelán na súa obra literaria, con obras como Los miedos (1936) ou La catedral y el niño (1948). En 1956 volveu ao galego con Cancioneiro, e en 1959 publicou unha novela de extraordinaria importancia para a renovación da narrativa galega: A esmorga. Esta obra desenvólvese en Auria e marca un fito na ruptura das tendencias costumistas e populares da literatura galega, debido á súa técnica innovadora: o único que se pode ler son as contestacións dun reo nun xuízo, que conta as aventuras que o levaron á condena é o modo de, sen facer un texto bilingüe, darlle verosimilitude a un diálogo entre un xuíz, que fala castelán, e un reo que fala galego. Amais de deberse ao afán de verosimilitude , o silencio do xuíz representa a xordeira da xustiza , o seu papel represor e castigador. A novela, ambientada nos baixos fondos ourensáns, céntrase en tres personaxes transgresores e marxinais que van sendo levados a un final tráxico.

En Bos Aires fundou e dirixiu o Teatro Popular Galego, que puxo en escena obras de Lugrís Freire, do propio Blanco Amor e doutros autores. Tamén foi director da revista Galicia, publicada pola Federación de Sociedades Gallegas de Arxentina.

Retornou a Galicia o 16 de xaneiro de 1965, e publicou outra obra que tivo gran repercusión, o libro de relatos Os biosbardos (1962), relatos en primeira persoa con protagonista e narrador infantil distinto en cada conto. A súa última etapa foi moi fecunda, a pesar de ser postergado pola cultura oficial: en 1970 alumeou unha nova edición de A esmorga, e en 1972 apareceu a extensa novela Xente ao lonxe, onde a través dos avatares que lle ocorren a unha familia de clase obreira, retrata a sociedade urbana, moi estratificada, do Ourense de principios de século. Nos seus últimos anos prestou unha grande atención ao xénero teatral, con obras como Farsas para Títeres (1973) e Teatro prá xente (1975).

Finou en Vigo no ano 1979. Foi soterrado na cidade que o viu nacer no cemiterio de San Francisco.

Moitas das súas obras narrativas (A Esmorga, Xente ao lonxe, Os biosbardos) desenvólvense nunha cidade fiticia, Auria, transposición literaria do seu Ourense natal. Os críticos literarios encontraron nas súas ficcións ecos de autores como Valle-Inclán ou Eça de Queirós.


Fonte: Wikipedia


Un artigo de María Rosa Lojo sobre EBA publicado no xornal Página 12 aquí.
Palabras engadidas (0) - Categoría: Novelas - Publicado o 13-02-2010 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Engade palabras
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0