Lectores Galegos en Bos Aires



Perfil
lectoresenbosaires@gmail.com
 O que lemos
 Buscador
 Blogomillo
 Esas lecturas pasadas
 Anteriores
 Destacados

A vangarda galega: poemas e textos programáticos de Manoel Antonio.
De catro a catro foi o único libro que Manuel Antonio publicou na súa curta vida e é o primeiro poemario integramente vangardista, en concreto creacionista, da literatura galega. esta tarde, limos varios poemas do libro e tamén outros textos.

Quitado da Wikipedia, aquí.

Manuel Antonio Pérez Sánchez, nado en Rianxo o 12 de xullo de 1900 e finado en Asados, Rianxo o 28 de xaneiro de 1930, foi un poeta galego.
Índice


Manuel Antonio naceu no seo dunha familia conservadora. Aos dous anos foi vivir a Padrón por causa da tuberculose que padecía seu pai, e da que morrería cando Manuel Antonio só tiña catro anos. Viviu primeiro na casa da avoa materna e despois cun tío que exercía, daquela, como sochantre da catedral de Iria Flavia.

As primeiras ensinanzas recibiunas neste ambiente dominado polo conservadorismo e a relixiosidade, contra o que xa dende ben novo combatería o seu espírito inquedo. Con só once anos escribiulle unha carta á súa nai na que lle comunicaba a decisión de non seguir a carreira eclesiástica, e matriculouse en 1913 nun instituto de Santiago de Compostela para estudar o bacharelato. Alí viviu a partir do 1914 durante os meses que duraba o curso escolar. Santiago quedou na súa memoria como o lugar máxico onde comeza, xunto algúns compañeiros, a militancia no galeguismo e no republicanismo. Nas súas estadías en Rianxo relacionouse con Rafael Dieste, un rapaz do seu tempo co que houbo de compartir o interese pola literatura e o nacionalismo, e mais co seu curmán Roxelio, que o animou a participar na vida literaria e política dende os anos mozos.

Como amosa nas súas cartas, o bacharelato non lle interesaba. Porén, as cuestións políticas e literarias atraíano cada vez máis, adoptando sempre unha actitude radical e rebelde que se opuña frontalmente ao ambiente no que pasou a infancia, vivindo e participando con intensidade o momento social e político, xa que Manuel Antonio non se limitou nunca a ser un simple espectador. A súa primeira rebeldía é contra o conservadorismo carlista e, por extensión, a xermanofilia. Cando en 1918, durante a primeira guerra mundial, os alemáns atacaron barcos franceses, Manuel Antonio e mailo seu curmán Roxelio pedíronlle ao embaixador francés na Coruña que os alistase na Lexión Estranxeira. Diante da imposibilidade de facelo na embaixada, decidiu ir el mesmo a Francia, pero detivérono na fronteira e botou uns días no cárcere. Posteriormente tentou, tamén sen éxito, participar na Revolución Rusa de outubro e mais nas guerrillas sandinistas, en Nicaragua.

Tamén no ano 1918, con só dezasete anos, envíou os seus primeiros poemas a revistas e xornais, e chegou a manter unha polémica co director da revista Suevia sobre a calidade das súas composicións. Pouco a pouco comezou a concienciarse na loita anticaciquil que ian espallando os movementos agraristas e fixo dos seus poemas unha arma de loita, mesmo en contra da ideoloxía da súa familia; por iso, algunha vez solicitaba que ao pé do poema só constasen as iniciais. En 1919 envía un soneto a La Redención, "O sol d'a liberdade". O seu director rexeitouno porque os versos empregados non eran hendecasílabos, como marcaban os canons clásicos; non obstante, aconselloulle que seguise escribindo textos en prosa (sic) de contido civil e animouno no seu interese polo movemento agrarista. A partir dese momento as súas preocupacións vanse centrar na loita anticaciquil, no nacionalismo e mais na súa produción literaria, que, agás algúns poucos poemas iniciáticos, está escrita integramente en galego.

En 1919, Rafael Dieste e Manuel Antonio escribíronlle a Castelao para que actuase como intermediario entre eles e Vicente Risco, recoñecido como o guieiro teórico dos membros do grupo Nós e máis daqueles mozos que tiñan inquedanzas nacionalistas e literarias, pois era, sen dúbida ningunha, a persoa máis informada das novidades artísticas que estaban a aparecer en Europa. Foi ser tamén o ourensán quen lle enviase noticia a Manuel Antonio dos movementos de vangarda en Europa e en España; pero Vicente Risco, pouco convencido do interese destas correntes para a literatura galega, malia escribir o primeiro poema futurista na nosa lingua no ano 1920, recoméndalle a Manuel Antonio que repare nalgúns aspectos que son, ao seu ver, importantes para a nova literatura galega, como o folclore (aspecto sobre o que Manuel Antonio había de manter máis tarde longas discusións epistolares con Castelao, tentando ver cal sería a maneira máis axeitada de incluír os elementos populares na creación artística sen caer no ruralismo); o saudosismo portugués (este sentimento, extrapolable á mentalidade galega, tiña como máximo representante a Teixeira de Pascoais, autor moi relacionado cos intelectuais e mais cos artistas de vangarda galegos, entre eles, Álvaro Cebreiro; os haiku xaponeses (composicións de tres versos nas que se capta o instante e que procuran provocar emocións no lector por medio da xustaposición de imaxes) e, sobre todo, recomendoulle a procura dun estilo de seu, sinxelo, non marcado por escolas literarias.

A súa información literaria e política procedía, ademais das informacións dos mestres, dun amplo abano de lecturas. Recibía case todas as publicacións literarias e galeguistas do momento (A Nosa Terra, Nós, Céltiga, La Centuria, Alfar... ) e intercambia recomendacións e libros cos seus amigos, combinando os clásicos cos autores máis modernos. Especial importancia, desde o punto de vista das influencias, amosa a lectura do libro de Jean Epstein, La poésie d´aujourd´hui, un nouvel état d´intelligence (1921), que se manifesta singularmente no proceso de supresión da secuencia espazo-temporal que o poeta leva adiante nas páxinas de De catro a catro.

No ano 1919, seguindo os consellos do seu curmán Roxelio, comezou os seus estudos de náutica en Vigo, unha cidade que describe parodicamente ("Eu en Vigo estou nun deserto: un deserto poboado de pantallas cinematográficas") e na que non se daba. Porén, vai ser nesta cidade onde terá ocasión de participar na II Asemblea Nacionalista (celebrada en 1921) e de coñecer persoalmente os membros máis sobranceiros do galeguismo, entre eles, Risco, co que mantivera só trato epistolar. Dela saiu un Manuel Antonio fortemente convencido polo ideario nacionalista e moi combativo, o que lle provocou discusións cos seus amigos de infancia (Roxelio e mais Rafael Dieste) por non adoptaren un compromiso tan radical coma o seu co galeguismo. Comezou a cartearse con Victoriano Taibo, esteticamente continuador da liña tradicional de Cabanillas, pero que soubo recoñecer e admirar o facer poético do rianxeiro e a súa novidade, como demostra unha carta na que lle pide información sobre a poesía moderna.


A partir de 1921 Manuel Antonio comezou unha intensa actividade literaria. Colaborou en revistas (entre elas Alfar, da Coruña, na que participan importantes vangardistas da literatura española) e xornais, e mesmo formou parte do consello de redacción dunha delas, Ronsel, de Lugo. En 1922 publicou, xunto o debutante Álvaro Cebreiro, o manifesto ¡Máis alá!, que eles mesmos se encargaron de espallar por Galicia e o estranxeiro. Este manifesto, o único que aparece na literatura galega da época, foi un auténtico revulsivo para o sector máis conservador do galeguismo, coma o que daquela leva as rédeas das Irmandades da Fala, que viu nel un ataque político concibido por Antón Villar Ponte, pero non desatou unha polémica da intensidade que esperaban os autores.

No 1923 rematou os estudos de náutica e aínda se matriculou en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, levado pola atracción que sobre el exerceu sempre Compostela, mais nunca chegaría a rematar estes estudos.

Á espera de facer as prácticas de piloto, seguía a actualidade literaria a través da prensa (lía case todas as revistas publicadas en Galicia e mais algunhas estranxeiras) e do intercambio de lecturas cos seus amigos, pois non formou parte activa dos parladoiros literarios, máis propios da cidade ca dunha vila mariñeira coma Rianxo, onde non tiña xa con quen compartir as inquedanzas artísticas (dille a Dieste nunha carta que Rianxo segue a disputarlle a Roma o nome de Cidade Eterna). A soidade vital foise acentuando cada vez máis. Xa non enviaba tan a miúdo poemas á prensa e a súa produción literaria foise construíndo con máis vagar, máis coidada e persoal. Intensificouse o individualismo na obra e na súa vida, e cultivaba a súa particular imaxe externa, arredada dos convencionalismos burgueses, máis achegada ao mariñeiro que ao literato de cenáculo.

Entre 1926 e 1927 fixo as prácticas de piloto da mariña mercante a bordo do paquebote Constantino Candeira, do que é capitán Augusto Lustres Rivas, a quen lle dedica De catro a catro, o poemario concibido durante as travesías nese barco. Na publicación do libro participaron Dieste, xestionando as cuestións editoriais, e mais Maside, que o ilustraría. Nos anos 1928 e 1929 fixo tres viaxes a América a bordo do buque holandés Gelria e en 1929 desembarcou en Cádiz por mor do agravamento da tuberculose que padecía, e da que só sabían uns poucos amigos. O 28 de xaneiro do 1930 faleceu na aldea de Asados (Rianxo).

Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 1979.


Más información sobre De catro a catro aquí.

E pódese ler o libro en Google Book aquí.
Palabras engadidas (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 13-02-2010 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
O Rexurdimento: Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal.
Se falamos de Rexurdimento, non podían quedar fora dous sobranceiros homes: Manuel Curroz Enríquez e Eduardo Pondal. Unha tarde de lecturas e de reflexión.



Non podiamos marchar do Rexurdimento sen falar de Manuel Curroz Enríquez e Eduardo Pondal.


Curros Enríquez nace en Celanova en 1851, na casa número 14 da rúa de San Roque. Era fillo do escribán Xosé María de Curros Vázquez (de Santiso-Melide) e de Petra Enríquez (de Vilanova dos Infantes). A pesar de que certos biógrafos indican que seu pai era un carlista, que sometía o seu fillo a malleiras frecuentes, o certo é que as modernas investigacións determinaron que, ben polo contrario, Xosé María de Curros defendeu sempre as ideas liberais. No tocante ás relacións pai-fillo, se ben que semella que, efectivamente, foron difíciles, convén desterrar definitivamente aquela imaxe duns maltratos que non se axustan á realidade. Asistiu á escola de don Manuel Rebollo e cando estivo preparado tivo que axudarlle a seu pai como escribente. En 1866 marchou cara a Madrid, á casa do seu irmán Ricardo, onde fixo o bacharelato e comezou a estudar Dereito, que non rematou.

A revolución de Setembro en 1868 fai que asuma os ideais democráticos. Ingresa de escribente no Concello de Madrid e visita os círculos literarios coa intención de facer alí carreira literaria, desa época é a lenda en castelán, El Maestre de Santiago. Dende 1871 vivía con Modesta Luisa Polonia Vázquez Rodríguez (natural de Pobra de Sanabria), coa que ten un fillo en 1873 e coa que casará en 1877. En 1873 comezou a súa carreira xornalística ao ingresar na Gaceta de Madrid e ao ano seguinte entra en El Imparcial, para o que cubriu, entre decembro de 1875 e febreiro de 1876, a terceira guerra carlista escribindo as Cartas del norte. Sucediulle na tarefa outro correspondente, Fauró, tras ser ferido de bala por un axudante do brigadier Mariné con quen compartía habitación segundo relata no tomo III o recompilador das súas obras completas para a Casa editorial Perlado, Páez y C.ª, Sucesores de Hernando (Madrid, 1910).

En 1877 gaña un certame poético en Ourense co poema "A Virxe do Cristal". Esta vitoria determinouno como poeta galego. Curros establécese en Ourense e traballa na Intervención da Administración Económica.

Podedes ler algo aquí.

De orixe fidalga, Eduardo Pondal quedou orfo de nai ao ano de nacer, estudou dende 1844 gramática latina na escola que tiña un parente crego en Vilela de Nemiña. En 1848 instalouse en Santiago de Compostela para cursar o Bacharelato en Filosofía e, a seguir, a carreira de Medicina. De estudante frecuentou o Liceo de Santo Agostiño, onde había tertulias literarias, e revelouse como poeta, co seu íntimo amigo Aurelio Aguirre, nunha ocasión que se fixo célebre: o banquete de Conxo, do que falan todos os historiadores da literatura galega. Foi un banquete organizado en 1856 polos estudantes liberais en homenaxe "ao terceiro estado", no que fraternizaron obreiros e estudantes. Os brindes de Aguirre e de Pondal tiveron un sentido político moi avanzado, e por eles procesounos a Audiencia da Coruña.

Ao rematar a carreira en 1860 exerce como médico da Armada Española en Ferrol. En 1861 fixo oposicións en Madrid ao corpo de Sanidade Militar, mais, tras conseguir un posto na fábrica militar de Trubia (Asturias), deixou a praza e abandonou de maneira definitiva a profesión médica. O 2 de xullo de 1861 celebráronse na Coruña os primeiros Xogos Florais de Galicia, no que Pondal participou con A campaña d'Anllóns, o seu primeiro poema en galego que se publicou ao ano seguinte no Álbum de la Caridad.

Pondal apenas exerceu a súa carreira. Retirouse axiña á súa casa paterna e alí viviu, con frecuentes viaxes a Santiago de Compostela e á Coruña, onde concorría á libraría de Carré, chamada a "Cova Céltica", na que mantiñan un parladoiro Andrés Martínez Salazar, Manuel Murguía, Florencio Vaamonde, Evaristo Martelo Paumán, Manuel Lugrís Freire e outros. Alí accedeu a través de Murguía aos poemas ossiánicos de James Macpherson. Pondal asumirá entón o papel de "bardo" da nación galega, exercendo como guía e intérprete da rota a seguir.

No ano 1877 saíu do prelo Rumores de los pinos, un conxunto de vinte e un poemas en galego e español que servirá de base a Queixumes dos pinos (1886). Esta obra recupera da versión bilingüe as composicións en galego, inclúe aínda algúns dos poemas en español agora traducidos e coñecerá diversas ampliacións nas edicións seguintes. "Os pinos", xurdido das sucesivas reelaboracións de "Rumores de los pinos", conformará o himno galego, ao que Pascual Veiga lle porá música.

A saudade de Pondal, poeta da liberdade, que ansiaba levantar un pobo, oriéntase cara a un pasado que el imaxinaba libre e independente, e que o seu impulso lírico quer reconquistar. A poesía de Pondal proponse renovar a historia. Como do pasado céltico non quedan máis que vagos vestixios, Pondal esfórzase en adiviñalo, guiándose polos poemas de Ossian, por algunhas citas de Leabhar Ghabhála e polas investigacións de Murguía, e crea un mito fragmentario, distante da historia, indeterminado, arredor de dous arquetipos: o Heroi e o Bardo. Pero trátase dun pasado de gran beleza e dunha forza de suxestión extraordinaria.

Pondal, poeta oficial do movemento rexionalista, encamiñará a súa obra á recuperación da lingua e da cultura galegas e á decidida defensa da liberdade do noso pobo. A súa escrita, fundamentalmente épica, irá en procura de mitos autóctonos que chamen á colectividade galega para comprometela co seu futuro. O bergantiñán vai cantar as xestas dos heroicos celtas galegos. Mais Pondal é tamén un excelente cultivador da poesía lírica, recreando unha paisaxe agreste inspirada nas terras de Bergantiños. Xunto coa natureza, a muller configurarase como unha das chaves da súa produción lírica.

No plano lingüístico, Pondal procurou a dignificación do idioma fuxindo do estilo populista da época e incorporando diversos cultismos aristocratizantes no léxico e na sintaxe. O trazo máis acusado da súa personalidade literaria foi, sen dúbida, a clara consciencia da dimensión artística da súa obra, o que o levou a revisar constantemente as súas creacións, mesmo as xa publicadas. Neste sentido, non resulta estraño que de Os Eoas, un extenso poema épico baseado na descuberta do continente americano -do cal o autor só publicase un primeiro esbozo en 1858- non chegase a ver finalmente a luz en vida do propio poeta (de feito, só foi publicado, finalmente, no 2005).Trátase, non obstante, da obra que o propio Pondal e os seus correlixionarios consideraban como decisiva na súa carreira e aínda para a consolidación da propia literatura galega. Facendo nela a Colón galego -de acordo coas teses de García de la Riega, Constantino Horta...-, Pondal pretendía universalizar Galicia e, ao tempo, o idioma galego no canto dunha xesta que superase a proba dos séculos.

Eduardo Pondal faleceu na Coruña no hotel "La Luguesa" en 1917 e repousa desde entón no cemiterio de Santo Amaro.


Un traballo sobre Pondal en Google Books.


Fonte: Wikipedia
Palabras engadidas (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 13-02-2010 18:29
# Ligazón permanente a este artigo
O Rexurdimento: Rosalía de Castro
A nosa amiga e licenciada en Letras Mariela Sanchez, participante deste ciclo dende o comezo, achegounos unha ollada de Rosalí de Castro tanto no que refire á súa obra coma tamén no contexto no que esas pezar xurden. Graciñas Mariela!!!!




Mariela Sanchez
Con Rosalía de Castro é que abrimos as dúas xuntanzas que imos dedicar ao Rexurdimento. Deixámosvos aquí un apuntamento sobre este período collido de Letras de Galicia

«El 'Rexurdimento'
Aunque resiste durante el siglo XV, los siglos XVI y XVII se conocen como Séculos Escuros debido al silenciamiento casi total que experimentan nuestras letras. El soneto "Respice finem" (1612), de Pedro Vázquez de Neira, es el primer texto impreso en nuestro idioma, además de una isla en el medio del océano.



Los esfuerzos de recuperación literaria realizados durante los siglos XVII y XVIII fueron un importante punto de apoyo para los protagonistas del resurgir definitivo de nuestras letras. En la segunda mitad del siglo XIX, en medio de una creciente efervescencia intelectual y política, Rosalía de Castro publica Cantares gallegos (1863) y marca el inicio del primer Rexurdimento. Esta etapa tiene su annus mirabilis en 1880, durante el que ven la luz Follas novas, de Rosalía, Aires da miña terra, de Curros Enríquez, y Saudades gallegas, de Valentín Lamas Carvajal.



Lamas Carvajal había fundado en Ourense, en 1876, la primera cabecera de prensa publicada íntegramente en nuestro idioma. Dirigido a las clases populares, entre las que pronto encuentra un gran éxito, el semanario O tío Marcos da Portela alcanzó una tirada de 4.000 ejemplares. En él publicaron poemas y relatos muchos de los escritores principales del momento, lo que vino a paliar en cierto grado la ausencia de otros soportes editoriales.»


Aquí, podedes ler algunhas das poesías que limos esta tarde. E todo sobre Rosalía nesta páxina e tamén nesta.
Palabras engadidas (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 13-02-2010 18:20
# Ligazón permanente a este artigo
A Ilustración galega: Benito Feijoó e Martín Sarmiento
Neste encontro gozamos coa lucidez e coa escrita intelixente de Benito Feijoo e Martín Sarmiento. Letras ainda hoxe contemporáneas no tocante a algúns elementos da realidade socio-económica da terra.



O noso traballo sigue e neste encontro gozamos coa lucidez e coa escrita intelixente de Benito Feijoo e Martín Sarmiento. Letras ainda hoxe contemporáneas no tocante a algúns elementos da realidade socio-económica da terra.

Sobre o Pai Sarmiento, soubemos que foi "un home adiantado ó seu tempo e loitador pola súa terra. Céntrase na análise da lingua galega, a máis desprestixiada da nación naqueles tempos en que o centralismo afogaba as manifestacións populares localistas. De gran importancia foron as súas viaxes a Galicia, o de 1745 (que durou 8 meses) e o de 1754. Trátanse de verdadeiras expedicións científicas programadas e pensadas polo miudo no que descubre unha Galicia e un pobo cunha grande riqueza natural, cultural e patrimonial".

Frei Benito Xerónimo Feijoo é considerado seguidor das ideas de Frei Martiño Sarmiento, ingresou coma el nun mosteiro benedictino uns meses antes de que cumprise os 14 anos. Cursou os estudos nas cidades de Salamanca e Oviedo. Dende 1709, e durante máis de medio século, residiu en Asturias, no colexio bieito de San Vicente de Oviedo. Feijoo morreu en Oviedo o 26 de setembro de 1764.

Fonte: Wikipedia galega
Palabras engadidas (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 13-02-2010 17:46
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0