Lectores Galegos en Bos Aires



Perfil
lectoresenbosaires@gmail.com
 O que lemos
 Buscador
 Blogomillo
 Esas lecturas pasadas
 Anteriores
 Destacados

Los laberintos del sentido (una lectura de Polaroid de Suso de Toro)
Comezamos por Polaroid, este ciclo dedicado á obra de Suso de Toro, e guiounos na análise un traballo publicado por Andrea. Para quen non puido estar o sábado e para todos que imos rematar o noso traballo na próxima tertulia, aquí vos deixamos o enlace a LOS LABERINTOS DEL SENTIDO (una lectura de Polaroid de Suso de Toro, da licenciada Andrea Cobas Carral.

Palabras engadidas (2) - Categoría: Novelas - Publicado o 30-04-2010 15:36
# Ligazón permanente a este artigo
Realismo histórico e crítica social: A esmorga de Eduardo Blanco Amor
Poucos autores dos que levamos traballado nestes tres anos tiveron tanta relación co café Tortoni como Eduardo Blanco Amor de quen hoxe imos comentar A Esmorga. Estades convidados!



Con esta última xuntanza do ano, enlazámonos coas actividades que, ao longo de todo este 2009, se foron organizando para lembrar os 50 anos da saída do prelo da novela A esmorga.


A esmorga é unha novela tremendista escrita por Eduardo Blanco Amor e publicada en 1959. A trama desenvólvese na cidade de Auria (Ourense), e marcou un fito na ruptura das tendencias costumistas e populares da literatura galega. Emprega a técnica do diálogo telefónico e da redución temporal mediante a presenza dun narrador protagonista que é interrogado por outro personaxe, do cal só hai constancia pola presenza no texto duns guións introdutores.

A aventura narrada n' A esmorga ocorreu 90 anos antes da súa narración (...púxenme agora a escribir esta crónica, e coasi corenta anos de tere recollida tan lene documentación e a noventa dos sucesos mesmos [9]). Debido a isto a atmosfera máxica, sen límites, d' A esmorga vén dada por unha visión dos feitos que é provocada pola distancia temporal. Wikipedia.

Podedes botar unha ollada á novela no Google Books, aqui.



EBA, polémico e enfeitizador, naceu en Ourense o 14 de setembro de 1897 e finaou en Vigo o 1 de decembro de 1979.

Blanco Amor, cuxo pai abandonou o fogar cando só tiña tres anos, foi un neno enfermizo que non recibiu unha educación formal, pero que aprendeu pola súa conta lendo xornais. En 1915, á idade de dezasete anos, comezou a traballar como secretario de dirección en El Diario de Orense. Durante esta época frecuentou os faladoiros de Vicente Risco, de quen tamén foi alumno na Escola Normal, figura que tivo unha importancia decisiva na súa futura defensa e promoción da cultura galega. En 1919, moi novo, emigrou a Bos Aires, onde continuou en contacto con intelectuais galegos da emigración, tomando parte activa na Federación de Sociedades Galegas, fundada en 1921, que pretendía aglutinar tódolos inmigrantes galegos e da que chegaría a ser director do seu órgano El Despertar Gallego. No 1924 coñece a Ramón Suárez Picallo, que había ser o seu gran amigo. En 1923 fundou con Ramiro Isla Couto a revista Terra, en lingua galega. Máis adiante participou tamén noutra publicación galeguista chamada Céltiga, da que tamén será director. En 1926 entrou a formar parte do diario arxentino La Nación, onde coñeceu escritores arxentinos como Leopoldo Lugones, Horacio Quiroga, Borges, Sábato e Mallea. Tamén colaborou con publicacións como El Correo de Galicia e a Revista de la Casa de Galicia.


Aínda que xa compuña poesía na súa mocidade, non publicou a súa primeira obra ata 1927, Os Nonnatos. Ao ano seguinte seguiuna o libro de poemas Romances gallegos, encadrado dentro dunha estética modernista cunha forte influencia dos romances casteláns e de Luís Amado Carballo.

En 1928 retornou durante un ano a Galiza como correspondente do diario La Nación. Durante este primeiro regreso coñeceu a Castelao e a varios intelectuais do Partido Galeguista e do grupo Nós, e escribiu Poema en catro tempos, que publicaría posteriormente na Arxentina en 1931. Dende Bos Aires colaborou máis tarde coa revista Nós con varios poemas e tres capítulos da súa novela inconclusa A escaleira de Jacob.

Volveu a instalarse en España como correspondente de La Nación entre 1933 e 1935, e coñeceu en Madrid a Federico García Lorca, co quen tivo unha grande amizade e a quen acompañou á casa familiar de Fuente Vaqueros en varias ocasións. É salientable o feito de que Blanco Amor foi o responsable de convencer a Lorca para que publicase os Seis poemas galegos (1935).

Defendeu dende Arxentina a legalidade republicana cando se produciu o estalido da guerra civil española. Durante os 20 anos seguintes utilizou unicamente o castelán na súa obra literaria, con obras como Los miedos (1936) ou La catedral y el niño (1948). En 1956 volveu ao galego con Cancioneiro, e en 1959 publicou unha novela de extraordinaria importancia para a renovación da narrativa galega: A esmorga. Esta obra desenvólvese en Auria e marca un fito na ruptura das tendencias costumistas e populares da literatura galega, debido á súa técnica innovadora: o único que se pode ler son as contestacións dun reo nun xuízo, que conta as aventuras que o levaron á condena é o modo de, sen facer un texto bilingüe, darlle verosimilitude a un diálogo entre un xuíz, que fala castelán, e un reo que fala galego. Amais de deberse ao afán de verosimilitude , o silencio do xuíz representa a xordeira da xustiza , o seu papel represor e castigador. A novela, ambientada nos baixos fondos ourensáns, céntrase en tres personaxes transgresores e marxinais que van sendo levados a un final tráxico.

En Bos Aires fundou e dirixiu o Teatro Popular Galego, que puxo en escena obras de Lugrís Freire, do propio Blanco Amor e doutros autores. Tamén foi director da revista Galicia, publicada pola Federación de Sociedades Gallegas de Arxentina.

Retornou a Galicia o 16 de xaneiro de 1965, e publicou outra obra que tivo gran repercusión, o libro de relatos Os biosbardos (1962), relatos en primeira persoa con protagonista e narrador infantil distinto en cada conto. A súa última etapa foi moi fecunda, a pesar de ser postergado pola cultura oficial: en 1970 alumeou unha nova edición de A esmorga, e en 1972 apareceu a extensa novela Xente ao lonxe, onde a través dos avatares que lle ocorren a unha familia de clase obreira, retrata a sociedade urbana, moi estratificada, do Ourense de principios de século. Nos seus últimos anos prestou unha grande atención ao xénero teatral, con obras como Farsas para Títeres (1973) e Teatro prá xente (1975).

Finou en Vigo no ano 1979. Foi soterrado na cidade que o viu nacer no cemiterio de San Francisco.

Moitas das súas obras narrativas (A Esmorga, Xente ao lonxe, Os biosbardos) desenvólvense nunha cidade fiticia, Auria, transposición literaria do seu Ourense natal. Os críticos literarios encontraron nas súas ficcións ecos de autores como Valle-Inclán ou Eça de Queirós.


Fonte: Wikipedia


Un artigo de María Rosa Lojo sobre EBA publicado no xornal Página 12 aquí.
Palabras engadidas (0) - Categoría: Novelas - Publicado o 13-02-2010 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
Universo mítico e tradición europea: Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro
Merlín e familia é unha novela de Álvaro Cunqueiro, coa que principiou un camiño exitoso como narrador en lingua galega. Publicouse en 1955 e supuxo unha renovación da narrativa galega da época, abafada polas consecuencias que para a literatura galega tivera a Guerra Civil española. Disto falamos nesta tarde.



Merlín e familia é unha novela de Álvaro Cunqueiro, coa que principiou un camiño exitoso como narrador en lingua galega. Foi unha obra de longa elaboración, comezada en 1953, e foi, tamén, fundamental a intervención de Francisco Fernández del Riego para que Cunqueiro dese o paso para publicar narrativa en galego. Merlín e familia publicouse en 1955 e supuxo unha renovación da narrativa galega da época, abafada polas consecuencias que para a literatura galega tivera a Guerra Civil española. Na obra aparecen personaxes da "materia de Bretaña", ós que autor sitúa na luguesa terra de Miranda, e que participan en historias fantásticas narradas por Felipe de Amancia, paxe de Merlín. Trátase dunha serie de relatos cun esquema común: visitantes que acoden ó pazo de Miranda para que o Merlín lles resolva os problemas, que o mago resolve coas súas artes máxicas. Wikipedia








Palabras engadidas (0) - Categoría: Novelas - Publicado o 13-02-2010 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
Humor e crítica social
Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que intervén nun consultorio radiofónico.O caso desenvolverase entre o ambiente cálido e nocturno dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada da alta burguesía viguesa.Novela policial salferida de humor e con grandes doses de suspense, Ollos de auga sitúa ao seu autor -Domingo Villar- na liña de escritores que, coma Andrea Camilleri e Henning Mankell, renovan o xénero negro desde Europa.


Editorial Galaxia publicou hai dous anos "Ollos de auga", novela coa que Domingo Villar inicia a súa andaina na narrativa policial en galego. Protagonizada polo inspector Caldas, un personaxe co que axiña se han familiarizar lectores e lectoras, esta obra salienta por combinar suspense, personaxes orixinais, ambiente urbano e humor nas doses precisas que esixe o xénero negro.
Un novo autor para a literatura galega e unha novela na que lectura e diversión son sinónimos. Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns se achegan coas queixas máis diversas. O séu axudante, Rafael Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos veciños. O caso desenvolverase entre o ambiente cálido e nocturno dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada da alta burguesía viguesa.
Novela policial salferida de humor e con grandes doses de suspense, "Ollos de auga" sitúa o seu autor na liña de escritores que, coma Andrea Camilleri e Henning Mankell, renovan o xénero negro desde Europa cunha obra na que o interese da narración se ve acrecentado por unha visión crítica da sociedade. Na obra de Domingo Villar conviven certa melancolía coa ledicia da música e o viño branco. Unha historia de misterio zarrapicada de ironía, unha intriga retranqueira, unha novela negra en cores.
[Presentación editorial]



Ficha do libro
Titulo: Ollos de auga
Autor: Domingo Villar
Ano de Publicación: 2006
Editorial: Galaxia
ISBN: 978-84-8288-927-6



O autor
Domingo Villar (Vigo, 1971) vive en Madrid, onde traballou como guionista de cine e de televisión. É crítico gastronómico nunha emisora de radio e colaborador habitual en diversos medios de comunicación escritos. Ollos de auga, que transcorre na cidade de Vigo, onde o autor pasou a súa infancia e mocidade, é a súa primeira novela. El mesmo se encargou da versión en castelán, publicada por Ediciones Siruela, e proximamente sairá en italiano a cargo de Feltrinelli Editore.



Para leer máis

Comentario sobre a novela por Uxía Casal

Sobre a novela no portal do Consello da Cultura

Entrevista co autor no xornal 20minutos

Entrevista co autor no xornal Faro de Vigo

Outra entrevista con Domingo Villar

Premio Martín Sarmiento para 'Ollos de auga' en ANT

Ultima entrevista, desta vez en Vieiros
Palabras engadidas (2) - Categoría: Novelas - Publicado o 11-12-2008 14:26
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0