Lectores Galegos en Bos Aires



Perfil
lectoresenbosaires@gmail.com
 O que lemos
 Buscador
 Blogomillo
 Esas lecturas pasadas
 Anteriores
 Destacados

Crime e espazo rural
Din que Xurxo Borrazás é un dos escritores máis sobresaíntes da narrativa galega aparecida na última década do século XX. Esa presenza sobranceira edificouse coa potencia dunha escrita innovadora e audaz na que as fronteiras das estruturas e os xéneros perden contundencia e convidan a explorar terras novas e inquietantes. Criminal non é unha historia. Criminal é a suma das voces que poden dar conta dunha historia.




Chucho Monteiro volve á súa aldea, na parroquia de Lendo (A Laracha), e lle pide ó seu irmán que lle deixe vivir coa súa familia. Desde diferentes puntos de vista, e con moitas regresións temporais, vai narrando os asasinatos cometidos por Chucho, e analizando a súa situación persoal, as súas teimas e as súas circunstancias. Criminal é a novela que consolidou a Xurxo Borrazás. Ou libro, que reúne nunha narración elementos de carácter onírico e realista, é un exemplo de concisión estilística, na que se empregan as palabras necesarias. Recibiu o Premio da Crítica Española no ano 1994 e o Premio Arcebispo San Clemente en 1995.

Ficha do libro
Título: Criminal
Editorial: Sotelo Blanco
Ano de publicación: 1994
ISBN: 84-7824-218-X
Observacións: Premio da Crítica Española, 1994.

O autor
Xurxo Borrazás Fariña naceu en Carballo en 1963. É licenciado en Filoloxía Xermánica e adícase á docencia do inglés. Empezou escribindo poesía, pero axiña pasa á narrativa, comezando con Cabeza de chorlito (1991). Xa nesta primeira obra súa se atopan as liñas que aparecerán con frecuencia nas súas novelas: os xogos metaliterarios e pluridiscursivos. En 1994 gaña o Premio da Crítica Española e o Premio Arcebispo San Clemente con Criminal, onde a voz do narrador destaca pola súa polifonía.


Os distintos camiños narrativos contan coa súa faciana material: o espazo é móbil, aberto, o espazo ándase, emprégase, devindo unha dimensión máis da follada de subxectividades (máis que suxeitos). Por outra banda, o tempo tamén vai deixar de ter unha organización tradicional, ou sexa, cronolóxica ou obxectiva, e aparecerá fragmentado, artellado tamén en capas. Especialmente en Eu é (1996), a aproximación desestruturada ou evidentemente subxectivizada do espazo e do tempo axudará a esvaecer as fronteiras entre o real e o onírico ou ficcional. Pero ademais, concretamente nesta obra, será a inclusión de personaxes literarios ilustrados (a literatura dentro da literatura) o que acentúa a explosión de capas de realidade.

Dous anos despois publica Contos malvados e en 1999 O desintegrista, para conseguir con Na maleta (2000) un novo recoñecemento, ao obter o Premio Losada Diéguez en 2001. Nela abórdase a esperanza inútil nunha felicidade transcendente, cun obxecto concreto situado fóra dun mesmo, dos personaxes, no caso.

A heterodoxia volve anegar a súa narrativa un ano máis tarde con Pensamentos impuros, e é Ser ou non a obra talvez máis politicamente incorrecta ou transgresora. Achega a reflexión sobre o propio exercicio da escrita, sobre o sexo e sobre a fisura entre o rural e o urbano (evidenciando a conflitividade ou estridencia na identidade galega ao ser formulada e vivida en termos dicotómicos). En Ser ou non relátase o seu propio proceso de creación, constituíndose, logo, como un xogo metaliterario, aspecto que xa se intuíra no seu primeiro libro. A inscrición no movemento posmoderno é ineludible pola fragmentación do discurso e da mesma historia, así como pola súa vontade experimental. Porén, os matices, a sofisticación da súa creación, afastaríano da concepción basta do mundo, propia da posmodernidade inconsciente. No segundo, achéganse as elucubracións do xurado dun certame a propósito da obra gañadora, a que o protagonista escribe. Con esta superposición discursiva aprovéitase para facer crítica e desmitificar os procesos editoriais (máis que o sistema literario en si). Pola actitude descrida, neste libro albiscáronse riscos un tanto nihilistas.

O punto de vista empregado na súa obra é masculino e a psicoloxía dos personaxes homes é considerada mellor definida que a dos personaxes femininos: as mulleres sempre aparecen máis afastadas do lector e rodeadas dun aura de misterio. En xeral, os perfís deixan rever o inconsciente, o que evidencia falta de liberdade (interior) dos personaxes: estes son presos de si mesmos. (Praza das Letras)


Para leer máis
Sobre o autor na Wikipedia
Sobre o autor na Biblioteca Virtual Galega
Sobre o autor en Praza das Letras
Sobre a novela no xornal La Voz de Galicia
Entrevista co autor no xornal La Voz de Galicia
Entrevista co autor no portal Cultura Galega
Entrevista co autor no portal Vieiros
Palabras engadidas (0) - Categoría: Novelas - Publicado o 03-06-2008 16:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Criminal

Palabras engadidas (0) - Categoría: Novelas - Publicado o 03-06-2008 16:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O primeiro policial galego
Carlos Reigosa é, con toda probabilidade, un dos autores máis lidos e máis vendidos en galego. Algúns dos seus títulos, como Crime en Compostela ou Fuxidos de sona, representan o cumio dunha aposta por achegar a literatura escrita en galego ao gran público, sexa a través da novela de xénero ou dos libros xornalísticos.


Crime en Compostela, galardonada co Premio Xerais de novela en 1984, é un indiscutido bestseller da narrativa galega dos últimos vinte anos. Protagonizada polo aventureiro Nivardo Castro e o xornalista Carlos Conde, a obra presenta as pescudas arredor dun escuro asasinato na capital de Galicia. Un dos seus maiores logros é o de converter en coprotagonistas os dous investigadores, as persoas vencelladas co suceso e a propia cidade de Santiago, retratada aquí coas súas grandezas e miserias. Un crime arrepiante sacude á comunidade compostelá e amosa o rostro oculto dunha cidade aínda esotérica e misteriosa. Os seres humanos e as súas paixóns mandan, e ás veces mandan matar, sen que as razóns disto sexan doadas de indagar e descubrir. Reigosa inaugurou con Crime en Compostela a narrativa policíaca galega, un xénero que se convertiría «nun dos máis tocados pola novela galega actual, e o seu detective Nivardo Castro é xa un personaxe clásico» (Manuel Rodríguez Alonso). A obra vense reeditando desde 1984.


Ficha do libro
Título: Crime en Compostela
Editorial: Edicións Xerais de Galicia
Ano de publicación: 1984
Lugar de publicación: Vigo
ISBN: 84-7507-445-6
Observacións: I Premio Xerais, 1984.


O autor
É licenciado en Ciencias da información e Ciencias Políticas. Comezou a súa carreira xornalística en La Voz de Galicia. Redactor da axencia EFE desde 1974, foi o seu director de información (1990-1997) e director de publicacións (1997-2004). Ten publicados numerosos artigos en medios de comunicación españois e americanos.

É autor das novelas Oxford, amén (1982), Crime en Compostela (1984), O misterio do barco perdido (1988), A guerra do tabaco (1996), Narcos (2001) e Intramundi (2002). Publicou tamén catro libros de relatos curtos e cinco de investigación e ensaio.

Crime en Compostela -traducida ó castelán e ó valenciano- obtivo o I Premio Xerais en 1984. Desde entón acadou catorce reedicións en galego, idioma no que se converteu nun bestseller. Con La agonía del león, unha investigación xornalística con estructura de novela sobre un grupo de fuxidos antifranquistas (1936-1951), gañou o Premio Internacional Rodolfo Walsh de Literatura Testemuñal en 1996. Reigosa é tamén autor de guións de cine e televisión, entre eles o da película Huidos, protagonizada por Sancho Gracia, Fernando Valverde, Uxía Blanco e Javier Bardem.

Nos últimos anos dirixiu numerosos Cursos de Verán nas universidades Complutense e Rey Juan Carlos de Madrid, na Internacional Menéndez y Pelayo (UIMP) e na de Santiago de Compostela, sobre cuestións literarias e xornalísticas. Varios destes cursos foron recollidos en libros: La información internacional en el mundo hispanohablante (1995), Información y Sociedad (1996) e Hemingway desde España (2001). Tamén dirixiu cursos de xornalismo nos Estados Unidos (Miami e Los Ángeles). É profesor no Máster de Relacións Internacionais da Complutense e no Máster de Periodismo de Axencias da Universidade Rey Juan Carlos e a Axencia EFE.


Para leer máis
Sobre o autor na Wikipedia
Sobre o autor na Biblioteca Virtual Galega
Sobre o autor en Praza das Letras
Sobre a novela no xornal La Voz de Galicia
Entrevista co autor no xornal El correo gallego
A novela leva o Premio Xerais de Novela 1984
Palabras engadidas (0) - Categoría: Contos - Publicado o 08-05-2008 23:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Crime en Compostela

Palabras engadidas (0) - Categoría: Novelas - Publicado o 08-05-2008 23:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal