Reticulados na igrexa de Eiras
Pedra na igrexa de Santa Uxía de Eiras (San Amaro, Ourense).


A igrexa de Santa Uxía de Eiras está ao lado do monte do Castro, un pequeno asentamento castrexo distante un quilómetro da Cidade de Lámbrica. Tal igrexa conserva entre as pedras dos seus muros algunhas curiosas, coma a da fotografía, con debuxos de reticulados. Na Gran Enciclopedia Galega (voz San Amaro) alúdese a elas como “sillares de gran tamaño con decoración de puntas de diamante”, manifestando que tamén se recolleron cerámicas e tégulas romanas nas súas inmediacións.


Por tratarse de pezas singulares, ben puideron ser reutilizadas no edificio máis importante da parroquia, na propia igrexa do lugar, permitindo así a pervivencia a través dos séculos das pedras que xa deberon pertencer a un edificio sobranceiro de fai dous mil anos.

CALO LOURIDO fálanos dunha peza semellante, ombreira ou pilar, que apareceu enterrada en Nespereira (Pazos de Borbén, Pontevedra. Esta pedra "ten unha forma troncopiramidal con dúas caras contiguas totalmente ocupadas por unha decoración continua de rombos", engadindo que no lugar de aparición se pode "pensar nunha posible vila romana".

Máis cercanos a Eiras, existen paralelismos coa mesma decoración en O Formigueiro (Amoeiro) e na reitoral de Sagra (O Carballiño). Esta última tamén está asentada sobre unha antiga vila romana. Semella que o Cristianismo non só se apropiou do poder relixioso, suplantando deuses e crenzas máis antigas, senón que tamén acadou o poder económico dos latifundistas baixorromanos ocupando as súas propiedades. Na reitoral de Anllo (San Amaro) existe outra peza con decoración xeométrica distinta das anteriores, pero moi cercana á plástica castrexa, con eses entrelazadas. A súa situación nunha reitoral pode obedecer ó que acabamos de comentar: a procedencia das terras de moitas reitorais hai que procuralas no mundo económico latifundista anterior ó Cristianismo.

Ten, por elo, moita lóxica pensar que os arredores da igrexa de Eiras e do inmediato pazo dos Tizón foran o solar dunha villa romana. Non esquezamos que nesa contorna foi onde apareceu a ara de Emilio Reburrino, que contén unha dedicatoria ó deus Bandua e alusións a un territorio ou cidade chamado Lámbrica.

Do castro de Eiras non quedan restos. Os impresionantes cerramentos das fincas dos pazos e da reitoral deberon reutilizar a totalidade das pedras das vivendas do asentamento, do que só nos queda o seu recordo no microtopónimo. O seu pequeno tamaño, a cercanía ao castro de San Cibrao das Las e a visibilidade directa do mesmo fan pensar nun pequeno poboado sometido á Cidade de Lámbrica.





Bibliografía

ARIZAGA CASTRO, A.; FÁBREGA ÁLVAREZ, P.;AYÁN VILA, X.; RODRÍGUEZ PAZ, A.: "A apropiación simbólica da cultura material castrexa na paisaxe cultural dos Chaos de Amoeiro (Ourense, Galicia)" en Cuadernos de Estudios Gallegos, LIII, nº 119, 2006. Na páxina 120 podemos ver un reticulado igual que o da igrexa de Eiras. Da fermosa peza da casa reitoral de Anllo falan na páxina 17 (Ver artigo en PDF).

CALO LOURIDO, F. A Plástica da Cultura Castrexa Galego-Portuguesa. F. Pedro Barrié de la Maza. Tomo I, páx. 371. A Coruña, 1994.













Posible miliario en Eiras, sostendo un cabaceiro



SOBRE EL LUGAR DE APARICIÓN DEL ARA DE EIRAS
Perpiaños reticulados en páxina web igrexa-de-eiras.webnode.es
Ver fotografías de reticulados
Data da publicación: 14-09-2009 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
Solpores e solsticios nos petroglifos de Eiras
Solpor no solsticio de verán na Ermida (Eiras, San Amaro).
Esta imaxe corresponde ó solsticio de verán de 2008 nos petroglifos da Ermida, un monte da parroquia de Eiras, no concello de San Amaro (Ourense). A fotografía foi feita o 21 de xuño de 2008 arredor das 21:30 horas, faltando pouco máis de media hora para que o sol se ocultara totalmente.

Os piñeiros do fondo dificultan a visión do sol no horizonte, por eso se marca a súa situación na fotografía cunha circunferencia vermella. Tamén se marcan en vermello os centros (as coviñas) dos petroglifos que se poñen en liña co sol nese intre máxico do solpor.

O petroglifo en primeiro plano é o máis grande, o que ten máis liñas concéntricas e o único que posúe liñas radiais.

No solsticio de 2009 visitaron o petroglifo e asistiron ó acontecemento integrantes da asociación "Ourense Astronómico".






























Ver fotografía dos petroglifos da Ermida (Eiras, San Amaro)
Ver Eiras na Galipedia
Ver noticia do solsticio de 2009 en A hora dos mouros
Data da publicación: 08-09-2009 18:02
# Ligazón permanente a este artigo
Felisindo González Iglesias

  💫 Escolma de ligazóns
  🔎 Procurar nos artigos
  📚 Escolma de artigos
  📷 Galerías de imaxes

© by Abertal