Arredor de Lámbrica


A Saínza, unha pedra da fertilidade?
Pedras orientadas en Lámbrica. No recadro, a Peneda da Saínza e indicación do lugar onde está.
A algo máis de dous quilómetros en liña recta, tamén cara o Oeste, aínda que un pouco ó sur da referencia do artigo anterior (a Pena Corneira), podemos ver dende Lámbrica a Saínza, lugar alto, con poboación dispersa entre as parroquias de Vilar de Rei e Beariz (concellos de Cenlle e San Amaro, respectivamente).

Este lugar da Saínza está ó Sur do castro de Beariz, tamén poboado de piñeiros e esquecido por paisanos e gobernantes pese a ser un asentamento castrexo vinculado ó de San Cibrao das Las, por proximidade e visibilidade, susceptibles de pertencer ambos á mesma entidade política e administrativa de hai dous mil anos, á terra de Lámbrica.

Xusto no límite dos concellos de San Amaro e Cenlle atópase unha rocha de moi pouca altura que contén na súa parte superior un oco profundo. O máis salientable é que esta rocha está envolta en lendas, xa que os veciños afirman que as mozas casadeiras de Vilar de Rei non atoparían mozo se non se sentaban na peneda. Tal afirmación pode provir de antigos cultos á fertilidade, pois para os pobos antigos o matrimonio era a antesala da procreación.

A tradición oral tamén asegura que non hai moitos anos a pedra era máis grande, atravesando a actual estrada. Tiña unha superficie plana, na que se sentaban os mozos da contorna nos seus tempos de lecer. A mesma tradición oral afirma que foron canteiros portugueses os que desfixeron gran parte da peneda para obter postes para os valados que pechaban os eidos.

A orientación equinoccial con respecto ó castro de San Cibrao das Las (Lámbrica) pode estarnos a falar dunha utilización cando menos da época castrexa, á vez que nos suxire preocupacións astronómicas, ben sexa por necesidades de calendario ou relixiosas.

Ademais, a súa configuración cun gran oco, que puido servir para conter algún tipo de poste, evoca algún tipo de sinalización territorial. A sinalización territorial será herdada na actual distribución das parroquias e concellos, pois as divisións eclesiásticas e as administrativas actuais aproveitarán estas rochas emblemáticas como marcos de división.


Ver o equinoccio de primavera na peneda da Saínza.




Na parte inferior da fotografía vemos a pedra de Xúpiter na citania de Lámbrica. Ao fondo, o monte do Santrocado




Útil paleolítico ou epipaleolítico atopado entre Eiras e Vilar de Rei




Ver outra foto da Peneda da Sainza (Cenlle-San Amaro)
Ver outra pedra moi parecida, no Santrocado
Ver A Saínza e a súa vinculación equinoccial con Lámbrica
Data da publicación: 25-10-2009 14:51
# Ligazón permanente a este artigo
Equinoccios en Lámbrica. Xúpiter e o Santrocado
Entre dúas pedras da base dunha muralla de Lámbrica vemos a Pena Corneira no horizonte.
Aínda non está explicado o porqué da curiosa orientación das dúas pequenas pedriñas que hai na base dunha das murallas do castro de San Cibrao das Las, entre San Amaro e Punxín (Ourense), ó que eu prefiro chamar Lámbrica. A fotografía foi feita o 13 de setembro de 2008 no intre do abrente. Como é unha data equinoccial, a sombra indica a dirección Oeste, na que está, ao lonxe, o fermoso Penedo de Pena Corneira (detalle no cadro superior dereito).

As dúas pedras que están na base da muralla, moi sinxelas e algo inclinadas, deben indicar algo. Pódese apreciar que están perfectamente orientadas, unha ó sur da outra, quedando entre ambas un oco por onde se pode ver a saída e a posta do sol equinoccial. A que está ó sur (á esquerda, na fotografía) contén unha inscrición, IOVI, unha dedicatoria a Xúpiter, o que xa nos indica que non é unha pedra calquera.

Cando se constrúe a muralla castrexa, coa altura normal (hoxe ten arredor dun metro) a visibilidade dos abrentes e solpores equinocciais entre esas dúas pedriñas quedaría anulada, polo que estas curiosas rochas xa debían estar alí antes de construír as defensas.

Tamén é curioso que dúas pedras tan pequenas non foran estragadas para ser utilizadas na obra defensiva, pois o seu tamaño e o feito de estar a rentes da obra facía moi facil a súa utilización como elementos construtivos da muralla. Se así non se fixo, posiblemente fora por algo.

Cabe pensar en pedras con algunha atribución de tipo sacro que foron respectadas ó erguer a muralla castrexa e que, nos intres da romanización, foron “rebautizadas” coa dedicatoria a un deus romano, máis importante que os deuses indíxenas, segundo opinaban os conquistadores. O mesmo procedemento utilizará o cristianismo para rebautizar cos seus santiños, cruceiros, capeliñas e igrexas os lugares de culto xa frecuentados moitos séculos antes de que Xesucristo andara polo mundo, tal é o caso de moitas capelas e santuarios que abundan na nosa Terra.

Un exemplo: A un quilómetro ó sur das pedras érguese o monte do Santrocado, onde a capeliña abre as súas portas precisamente cara o Norte, cara o castro das Las (orientación Norte-Sur, igual que están as pedras de IOVI). Nesa capeliña as catro parroquias dos arredores réndenlle culto a un santo avogoso contra as tormentas, San Trocado, seica un Torcuato que foi bispo de Guadix.

Pero a data na que se celebra a súa romaría, tradicionalmente o 15 de maio, coincide coa dos idus dese mes, consagradas ó deus máis importante do Panteón romano (os idus eran os 15 de marzo, maio, xullo e outubro, e os 13 dos demais meses). Este deus é Xúpiter que, casualmente, tiña un lóstrego como atributo nas súas representacións.

O feito de escoller o mes de maio debe provir de cultos prerromanos, moi estendidos en Galicia e celebrados en montes e lugares altos. Tales ritos darían lugar a festividades tan coñecidas coma as dos Maios.

Así, o 15 de maio, día do Santrocado, podemos velo como un sincretismo de ritos que proveñen da noite dos tempos, e nos que a observación do territorio e a orientación precisa dos elementos de culto debeu ter, nos seus inicios, unha grande importancia.

Ver a pedra de Xúpiter en Las e o monte do Santrocado.

Ver artigo de Clodio González Pérez en GaliciaHoxe.com sobre o Santrocado.



Ver o monte do Santrocado na Galipedia
Ver foto da Pena Corneira na Wikipedia
Ver a pedra adicada a Xúpiter
Data da publicación: 25-10-2009 00:24
# Ligazón permanente a este artigo
💫 2009-2019

  💫 Escolma de ligazóns
  🔎 Procurar nos artigos
  📚 Escolma de artigos
  📷 Galerías de imaxes

© by Abertal