Arredor de Lámbrica


Aliñamentos nos petroglifos de Eiras (San Amaro)
Aliñamentos comprobados nos petroglifos da Ermida (Eiras, San Amaro).
Dende unha posición ó Leste do petroglifo máis grande (A) podemos observar que o sol se pon no solsticio de verán xusto detrás do petroglifo que está ó Noroeste (B).

Moi curiosa tamén é a orientación ó Norte da liña que une ós petroglifos máis pequeniño (E) e máis grande (A).

Tamén existe unha importante coincidencia xeográfica, xa que a liña que une os petroglifos D e A sinala cara o outeiro onde se ergue o Castro de San Cibrao das Las.

Aínda que falta un estudo rigoroso sobre o significado dos petroglifos da peneda da Ermida, xa estamos en condicións de afirmar estas tres evidencias:


1.- Os aliñamentos de dous petroglifos co solpor de solsticio de verán (A-B).

2.- O aliñamento de dous petroglifos na dirección Sur-Norte (E-A).

3.- O aliñamento de outros dous petroglifos cara o outeiro onde está o Castro de San Cibrao das Las (D-A). É de destacar que nese castro existe unha mámoa ou sepulcro colectivo, parella a outra que hai nas inmediacións dos petroglifos da Ermida.

É salientable que en todos os aliñamentos descritos se vexa involucrado o petroglifo A, o máis grande de todos, o que ten máis liñas concéntricas e o único que ten liñas radiais.





Ver fotografía do solpor do solsticio de verán
Ver noticia da axencia EFE en A hora dos mouros
Artigo publicado o 01-09-2009 19:45
# Ligazón permanente a este artigo
A Ciudá dos Chaos, Lámbrica
Cabana no recinto central de Lámbrica (Ourense).
A citania, ou castro, de San Cibrao das Las é coñecida con ese nome porque a bibliografía vinculouna repetidamente a esa parroquia do concello de San Amaro, pero o nome popular e tradicional nos arredores é A Ciudá.

Ademais, para ser xustos, hai que dicir que a parroquia das Las só posúe arredor da metade do xacemento, servindo de límite a lomba do outeiro. O resto da Ciudá pertence a San Xoán de Ourantes, xa do veciño concello de Punxín.

Unha das riquezas mineiras da contorna era o ouro, sendo A Ciudá o lugar onde residiría a elite que administraba e comercializaba ese recurso, xunto co estaño.

Estes intercambios poden explicar o apoxeo manifestado por esa gran citania de Las e Ourantes na época castrexa e na romanización.








Porta occidental do recinto central




(Imaxe do PNOA procedente da Wikipedia)


Na contorna máis inmediata da Ciudá, que aínda conserva o microtopónimo “A Chaira”, apareceron restos do Paleolítico, xusto nos arredores do actual edificio do Centro de Interpretación Castrexa. Alí tamén hai unha peneda servindo de fonte que procede do lugar da Ermida en Eiras, sendo extraída do mesmo lugar onde están os petroglifos.

Os achádegos do Paleolítico indícannos que o poboamento dese outeiro da Cidade non se iniciou no período castrexo, senón moito tempo antes. Tamén hai unha mámoa na parte sur do castro, evidencia de que o home tamén estivo por ese outeiro antes da Idade do Bronce, entre o IV e o III milenios antes de Xesucristo.

Os romanos aproveitarían os recursos mineiros e continuarían as relacións comerciais, que circularon a través da calzada que unía a Ciudá de Las e Ourantes co embarcadoiro de Barbantes (A Barca, hoxe "Barbantes-Estación"). Dende alí a navegabilidade do Miño ata a súa desembocadura, citada por Estrabón, facilitaría a conexión coas canles comerciais do Atlántico.

Este castro é o único daquelas terras que ostenta o título de "Ciudá", o que da fe da súa importancia en relación coa pléiade de castros que o arrodean. Destes últimos podemos citar algúns: o Castro de Eiras, o Castro Martiño, o Castro de Salamonde, o Castro de Beariz, o poboado de Laias (desaparecido), o Castro do Santrocado...

No Castro Martiño e en Laias apareceron vestixios que nos falan de labores mineiras nos terreos que circundan a aba Sur do monte do Santrocado.

A dous quilómetros das Las hai unha testemuña escrita do que podería ser o nome do castro principal e do territorio que a él pertencía, Lámbrica. Trátase da Ara de Eiras, un altar da época romana adicado a "Bandua ... na Cidade de Lam " ou Lámbrica.

Elo vai en desacordo coa lectura máis espallada, a de "Bandua Lansbricae", onde algúns autores quixeron ver Lans como a orixe do nome actual da parroquia de Lás. Pero a terminación –ns non é usual no galego destas terras. Ademais, a atenta observación da ara déixanos ver un "M" na segunda liña, a penúltima letra antes dun erosionado "B". E, entre o "M" e o "B" non hai espazo para o "S".











FOTOGRAFÍAS DA CITANIA DE LÁMBRICA EN 1995

















A Lámbrica de Mela?
Ver Descrición da citania de Lámbrica ou castro de San Cibrao das Las
Artigo publicado o 24-08-2009 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e do monte do Santorcado: deuses, mouras, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Imprescindibles
 Índice cronolóxico de artigos
 Pescudar nos artigos

© by Abertal