Solsticio de inverno no monte do Santrocado
Solpor no solsticio de inverno no Santrocado
O 13 de decembro de 2009 tamén foi visitado o cumio do Santrocado, onde as dúas pedras con pías fan liña teórica co sol do solpor no solsticio invernal.

É imposible fotografiar as dúas pedras á vez, pero, como xa se dixo nun artigo anterior, a liña imaxinaria que une ambas rochas pasa polo centro da fachada Sur, a da cabeceira, da capela. Alí, onde se sinala cun "X" nas ilustracións, foi o lugar elixido para facer a fotografía cara o solpor. O aliñamento, para alegría do que esto escribe, prodúcese contundentemente.

Esa liña de solpor sinala a un punto do horizonte onde o sol xa non seguirá a súa "viaxe" cara o Sur. A partir destas datas, cada día os solpores produciranse, día tras día, un pouquiño máis ó Norte ata chegar a outro punto, o solsticio de verán, onde volverá a invertirse o proceso. Vemos claramente como os antigos xa eran conscentes destas variacións do ciclo solar anual.

As súas observacións poderían ter carácter práctico, podendo saber en que época do ano se atopaban, pero esas observacións tampouco estarían exentas de elaboracións relixiosas, como proba a construción da capela do San Trocado xusto no medio das dúas pedras que sinalan ó solpor do solsticio de inverno, proba palpable da cristianización de antigos ritos.

Ata o 21 de nadal, incluso unha semana despois, poderá ser apreciado o fenómeno do aliñamento arqueoastronómico do Santrocado no solsticio de inverno.

Esta liña de solpor solsticial de inverno é a continuación da que se orixina no Abeiro do Raposo, no concello de Amoeiro, na outra ribeira do río Barbantiño. Alí, nas épocas do solsticio de inverno, pode contemplarse ó sol ocultándose no cumio do Santrocado.

A coincidencia do aliñamento das dúas rochas do Santrocado cos plantexamentos teóricos que se fixeron noutros artigos deste blog pode obedecer a súa maior cercanía no tempo, se os comparamos cos petroglifos da Ermida.

Posiblemente se trate de dúas formas distintas de representar o movemento do sol no horizonte. Na Idade do Bronce (na Ermida, Eiras) sería a través de círculos concéntricos trazados nas rochas e, máis adiante, na Idade do Ferro (Santrocado), as observacións faríanse por medio de postes fincados na propia rocha, nas pías que aínda hoxe podemos contemplar.

Ver gráfico.

Ver pedra A.

Ver máis fotografías.










Solpor solsticial de inverno no Santrocado






O Abeiro do Raposo
Os ángulos acimutais na liña das rochas do Santrocado
Aliñamento arqueoastronómico do Santrocado
Data da publicación: 14-12-2009 10:35
# Ligazón permanente a este artigo
O cuadrúpedo de Cuevillas
Debuxo de Cuevillas, dun anel atopado en Lámbrica.
Na páxina 13 do Boletín da Real Academia Galega número 169 (A Coruña, 1 de marzo de 1925) aparece esta curiosa ilustración, un debuxo de Florentino López Cuevillas. O artigo no que se inserta, tamén de Cuevillas, titúlase A citania do monte “A Cidade” en San Ciprián das Las (Concrusión). Nel danse referencias dalgúns achados, case todos cerámicos, realizados naquela época no xacemento da Cidade de San Cibrao das Las, a Cidade de Lámbrica.

Segundo Cuevillas, o debuxo corresponde a unha pedra de anel, unha cornalina oval de 11 por 7 milímetros, que ten gravada “fondamente a figura d’un cuadrúpedo d’identificación pouco doada no que cicais se poda recoñecer a un cáprido”. Tamén nos di que nun xacemento portugués foi achada unha pedra de anel semellante.

Podería tratarse dun selo utilizado en moitos pobos antigos para darlle autenticidade a documentos, o que nos estaría a falar dunha vida administrativa esperada nun xacemento do calibre do castro de Lámbrica, do que sospeitamos relacións comerciais a través da ruta fluvial do Miño cara o Atlántico, relacionadas coas explotacións mineiras do contorno.

Velaí queda o debuxo de Cuevillas para os que, coma min, ignorasen tan orixinal deseño. A identificación como cáprido fíxoa o autor, pero a identificación será cousa de cada quen, pois tamén podería tratarse dun cabalo ou dun animal fantástico.

A impresión que a min me dá é a dun cuadrúpedo (cáprido ou cabalo?) atravesando o río, pois na base da pata dianteira parece quererse representar unha superficie acuática e a postura da pata traseira, excesivamente erguida para dar un paso, é a normal dos cuadrúpedos cando andan pola auga, xa que lles facilita o desprazamento.

O que é indiscutible é que o deseño do cuadrúpedo -cáprido ou cabalo- constitúe unha obra de arte dos primeiros poboadores organizados dos concellos de San Amaro e Punxín, que tiveron a súa capitalidade na Cidade de Lámbrica, ese gran castro do que aínda hoxe podemos contemplar os seus alicerces.

Sabe alguén do paradeiro deste anel?
Ver o artigo A Ciudá dos Chaos, Lámbrica
Ver artigo A ara de Eiras e Lámbrica
Ver artigo A Lámbrica de Mela
Data da publicación: 11-12-2009 10:26
# Ligazón permanente a este artigo
💫 2009-2020

  💫 Escolma de ligazóns
  🔎 Procurar nos artigos
  📚 Escolma de artigos
  📷 Galerías de imaxes

© by Abertal