Arredor de Lámbrica


San Cibrao das Las e as laxas
Fragmento do texto da ara de Eiras (San Amaro) adicada a Bandua Lambricae.
Laxa é unha pedra de grandes dimensións que presenta forma aplanada e aflora na superficie. Tamén se di laxe e está presente en boa parte de Galiza e en moitos topónimos. Da orixe da palabra non hai nada claro, pois para uns provén do baixo latín lagena e para outros procede do celta.1

O topónimo As Las de San Amaro parece evocarnos as laxas que abundan polo contorno. Este topónimo, case sempre sen o artigo que indica o feminino e o plural, tense asociado coa inscrición que existe na ara de Eiras. Desta ara fálase noutros artigos deste blog, onde tamén se indica que a lectura da mesma non é aínda definitiva debido as graves discrepancias entre os distintos lectores.

O problema das discrepancias xurdiu porque algúns autores leron “BANDUA LANSBRIGAE” onde, en realidade, parece poñer “BANDUA LAMBRICAE”. Os lectores de “LANS” asociaron o topónimo á parroquia de “LAS”, e elo estendeuse coma o chapapote do Prestige en diversas publicacións, polo que agora resulta moi difícil endereitar o erro. Así, como exemplo, PÉREZ OUTEIRIÑO2 dáballe o nome de LANSBRICA ó castro de San Cibrao das Las, aínda que "parece descoñecida para os historiadores romanos". Non é milagro, pois "Lansbriga" nunca existiu.

Nun documento do Mosteiro de Oseira do ano 1221 aparece "Sancti Cipriani Ellanis", e en documentos posteriores, xa nos séculos XIV e XV, lese "Laas" e "Laans".

Tamén cabe a posibilidade de que o nome de Las proceda dalgún posuidor chamado Elanius. En todo caso, o que parece estar claro é que o topónimo que reflicte a ara non garda ningunha relación co topónimo parroquial.

Da Baixa Idade media vou citar dous documentos que falan de San Cibrao das Las, extraídos de M. LUCAS ÁLVAREZ e P. LUCAS DOMÍNGUEZ , “El monasterio de San Clodio do Ribeiro en la Edad Media: estudio y documentos” (Ediciós do Castro, A Coruña, 1996):

En febreiro de 1401 está datado un documento dun foro no que os frades de San Clodio do Ribeiro da Avia “(...) damos et outorgamos a foro a vos Iohan Fernandes, morador en Louçia, frigisia de san Çibrao das Lââs, por en tenpo da vosa vida et de Aldonça Peres, vosa muller (...) o noso casar de Tras lo Río, que he en na frigisia de santa Ougea d’Eyras (...).

En 1419 temos outra testemuña do topónimo de Lás noutro documento de San Clodio. Nel “(...) o abade de Sant Cloyo e o prior e o convento aforaron a Rodrigo Ares, morador en na freygisia de Sant Çibrao das Laas, e a sua muller Aldonça Yanes (...) a quarta parte entregamente do casar de Pineyro, que jaz en na dita freygisia (...).

Estas testemuñas demostran que o topónimo actual de San Cibrán de Las debería corrixirse, sendo Las en plural e con artigo (As Las). Así, deberíamos dicir San Cibrao das Las cando queiramos referirnos a esa fermosa parroquia de San Amaro que contén parte dun dos castros máis grandes e importantes de Galiza. Pero tamén debemos recordar que o castro coñecido con ese nome excede con creces as lindes da parroquia, pois máis da metade do xacemento está nas terras da parroquia de Ourantes (concello de Punxín). Por elo, en principio, a parroquia de As Las non tería dereito ningún a prestarlle o seu nome ó xacemento, polo menos sen escoitar as opinións dos de Ourantes.

Florentino López Cuevillas tamén utilizaba nos seus artigos nos anos vinte do século pasado, para referirse ó xacemento, o topónimo San Ciprián das Las.


Ver artígo El topónimo Lámbrica en el ara de Bandua de Eiras, en www.terraeantiqvae.com



Ver artigos posteriores:

BANDUA, AEMILIVS REBURRINVS y el asunto de Lámbrica


Bibliografía
(1) ^
CABEZA QUILES, F.: Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a sú orixe e o seu significado. Ed. Xerais. Vigo. 1992.

LUCAS ÁLVAREZ, M.; LUCAS DOMÍNGUEZ, P.: El monasterio de San Clodio do Ribeiro en la Edad Media: estudio y documentos. Seminario de Estudos Galegos. Edicións do Castro. Sada, 1996.

(2)^
PÉREZ OUTEIRIÑO, B.: "A Cidade de San Cibrán de Las. Obxectivos e resultados das últimas intervencións arqueolóxicas (1982-1983)" en Lucerna. Centro de Estudos Humanísticos. Porto (Portugal), 1987. NOTA: Na páxina 37 da publicación citada hai unha fotografía da ara de Eiras coas letras repasadas. Sería correctísimo que a devandita foto viñese acompañada dunha orixinal sen repasar, pero, lamentablemente, non foi así.



Ver a ara de Eiras
BANDV ALAMB RICAEAE MILIVSRE BURRNVS
Ver o portalón da reitoral de San Cibrao das Las
Artigo publicado o 04-10-2009 13:15
# Ligazón permanente a este artigo
Reticulados na igrexa de Eiras
Pedra na igrexa de Santa Uxía de Eiras (San Amaro, Ourense).


A igrexa de Santa Uxía de Eiras está ó lado do monte do Castro, un pequeno asentamento castrexo distante un quilómetro da Cidade de Lámbrica. Tal igrexa conserva entre as pedras dos seus muros algunhas curiosas, coma a da fotografía, con debuxos de reticulados. Na Gran Enciclopedia Galega (voz San Amaro) alúdese a elas como “sillares de gran tamaño con decoración de puntas de diamante”, manifestando que tamén se recolleron cerámicas e tégulas romanas nas súas inmediacións.


Por tratarse de pezas singulares puideron ser reutilizadas no edificio máis importante da parroquia, na propia igrexa do lugar, permitindo así a pervivencia a través dos séculos das pedras que xa deberon pertencer a un edificio importante de fai dous mil anos.

CALO LOURIDO fálanos dunha peza semellante, ombreira ou pilar, que apareceu enterrada en Nespereira (Pazos de Borbén, Pontevedra. Esta pedra "ten unha forma troncopiramidal con dúas caras contiguas totalmente ocupadas por unha decoración continua de rombos", engadindo que no lugar de aparición se pode "pensar nunha posible vila romana".

Máis cercanos a Eiras, existen paralelismos coa mesma decoración en O Formigueiro (Amoeiro) e na reitoral de Sagra (O Carballiño). Esta última tamén está asentada sobre unha antiga vila romana. Semella que o Cristianismo non só se apropiou do poder relixioso, suplantando deuses e crenzas máis antigas, senón que tamén acadou o poder económico dos latifundistas baixorromanos ocupando as súas propiedades. Na reitoral de Anllo (San Amaro) existe outra peza con decoración xeométrica distinta das anteriores, pero moi cercana á plástica castrexa, con eses entrelazadas. A súa situación nunha reitoral pode obedecer ó que acabamos de comentar: a procedencia das terras de moitas reitorais hai que procuralas no mundo económico latifundista anterior ó Cristianismo.

Ten, por elo, moita lóxica pensar que os arredores da igrexa de Eiras e do inmediato pazo dos Tizón foran o solar dunha villa romana. Non esquezamos que nesa contorna foi onde apareceu a ara de Emilio Reburrino, que contén unha dedicatoria ó deus Bandua e alusións a un territorio ou cidade chamado Lámbrica.

Do castro de Eiras non quedan restos. Os impresionantes cerramentos das fincas dos pazos e da reitoral deberon reutilizar a totalidade das pedras das vivendas do asentamento, do que só nos queda o seu recordo no microtopónimo. O seu pequeno tamaño, a cercanía ó castro de Lás e a visibilidade directa do mesmo fan pensar nun pequeno poboado sometido á Cidade de Lámbrica.





Bibliografía

ARIZAGA CASTRO, A.; FÁBREGA ÁLVAREZ, P.;AYÁN VILA, X.; RODRÍGUEZ PAZ, A.: "A apropiación simbólica da cultura material castrexa na paisaxe cultural dos Chaos de Amoeiro (Ourense, Galicia)" en Cuadernos de Estudios Gallegos, LIII, nº 119, 2006. Na páxina 120 podemos ver un reticulado igual que o da igrexa de Eiras. Da fermosa peza da casa reitoral de Anllo falan na páxina 17 (Ver artigo en PDF).

CALO LOURIDO, F. A Plástica da Cultura Castrexa Galego-Portuguesa. F. Pedro Barrié de la Maza. Tomo I, páx. 371. A Coruña, 1994.













Posible miliario en Eiras, sostendo un cabaceiro



Ver fotografías de reticulados
Ver Eiras na Galipedia
SOBRE EL LUGAR DE APARICIÓN DEL ARA DE EIRAS
Artigo publicado o 14-09-2009 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e do monte do Santorcado: deuses, mouras, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Imprescindibles
 Índice cronolóxico de artigos
 Pescudar nos artigos

© by Abertal