Arredor de Lámbrica


Equinoccios en Lámbrica. Xúpiter e o Santrocado
Entre dúas pedras da base dunha muralla de Lámbrica vemos a Pena Corneira no horizonte.
Aínda non está explicado o porqué da curiosa orientación das dúas pequenas pedriñas que hai na base dunha das murallas do castro de San Cibrao das Las, entre San Amaro e Punxín (Ourense), ó que eu prefiro chamar Lámbrica. A fotografía foi feita o 13 de setembro de 2008 no intre do abrente. Como é unha data equinoccial, a sombra indica a dirección Oeste, na que está, ao lonxe, o fermoso Penedo de Pena Corneira (detalle no cadro superior dereito).

As dúas pedras que están na base da muralla, moi sinxelas e algo inclinadas, deben indicar algo. Pódese apreciar que están perfectamente orientadas, unha ó sur da outra, quedando entre ambas un oco por onde se pode ver a saída e a posta do sol equinoccial. A que está ó sur (á esquerda, na fotografía) contén unha inscrición, IOVI, unha dedicatoria a Xúpiter, o que xa nos indica que non é unha pedra calquera.

Cando se constrúe a muralla castrexa, coa altura normal (hoxe ten arredor dun metro) a visibilidade dos abrentes e solpores equinocciais entre esas dúas pedriñas quedaría anulada, polo que estas curiosas rochas xa debían estar alí antes de construír as defensas.

Tamén é curioso que dúas pedras tan pequenas non foran estragadas para ser utilizadas na obra defensiva, pois o seu tamaño e o feito de estar a rentes da obra facía moi facil a súa utilización como elementos construtivos da muralla. Se así non se fixo, posiblemente fora por algo.

Cabe pensar en pedras con algunha atribución de tipo sacro que foron respectadas ó erguer a muralla castrexa e que, nos intres da romanización, foron “rebautizadas” coa dedicatoria a un deus romano, máis importante que os deuses indíxenas, segundo opinaban os conquistadores. O mesmo procedemento utilizará o cristianismo para rebautizar cos seus santiños, cruceiros, capeliñas e igrexas os lugares de culto xa frecuentados moitos séculos antes de que Xesucristo andara polo mundo, tal é o caso de moitas capelas e santuarios que abundan na nosa Terra.

Un exemplo: A un quilómetro ó sur das pedras érguese o monte do Santrocado, onde a capeliña abre as súas portas precisamente cara o Norte, cara o castro das Las (orientación Norte-Sur, igual que están as pedras de IOVI). Nesa capeliña as catro parroquias dos arredores réndenlle culto a un santo avogoso contra as tormentas, San Trocado, seica un Torcuato que foi bispo de Guadix.

Pero a data na que se celebra a súa romaría, tradicionalmente o 15 de maio, coincide coa dos idus dese mes, consagradas ó deus máis importante do Panteón romano (os idus eran os 15 de marzo, maio, xullo e outubro, e os 13 dos demais meses). Este deus é Xúpiter que, casualmente, tiña un lóstrego como atributo nas súas representacións.

O feito de escoller o mes de maio debe provir de cultos prerromanos, moi estendidos en Galicia e celebrados en montes e lugares altos. Tales ritos darían lugar a festividades tan coñecidas coma as dos Maios.

Así, o 15 de maio, día do Santrocado, podemos velo como un sincretismo de ritos que proveñen da noite dos tempos, e nos que a observación do territorio e a orientación precisa dos elementos de culto debeu ter, nos seus inicios, unha grande importancia.

Ver a pedra de Xúpiter en Las e o monte do Santrocado.

Ver artigo de Clodio González Pérez en GaliciaHoxe.com sobre o Santrocado.



Ver o monte do Santrocado na Galipedia
Ver foto da Pena Corneira na Wikipedia
Ver a pedra adicada a Xúpiter
Artigo publicado o 25-10-2009 00:24
# Ligazón permanente a este artigo
Piñeiros no castro do Coto de Mosteiro (O Carballiño)
Piñeiros na muralla do castro do Mosteiro (O Carballiño).
O castro do Coto de Mosteiro está na parroquia de Santa Uxía de Lobás, no concello de O Carballiño. A potencia das murallas visibles anúncianos que se trata dun castro importante, que ben merece a pena visitar e coñecer.

Pero agora mesmo o que máis chama a atención é que os piñeiros medran no adarve da muralla, polo que poderá saberse con técnicas dendrocronolóxicas (contando os aneis dos troncos) os anos de abandono que soporta este fermoso castro dende as últimas operacións de limpeza.

O Coto do Mosteiro é o castro máis importante do concello do Carballiño e o segundo en importancia da comarca despois do castro de Lámbrica (castro de San Cibrao das Las). Pero este segundo posto na táboa de castros comarcais non é suficiente para que nin os gobernantes nin os donos do monte lle presten a atención que o xacemento merece. O crecemento da vexetación traerá consecuencias fatais para as murallas e todos sairemos perdendo. Derrubaranse as murallas, destruiranse probas arqueolóxicas e espantaranse a estudosos e turistas.

Dende o alto do Mosteiro é posible a visibilidade directa do castro de Lámbrica, a unha distancia de, aproximadamente, catorce quilómetros en liña recta. Esta circunstancia fai que existan moitas posibilidades de que ambos poboados mantiveran algún tipo de relación.

Un castro grande e outro máis pequeno situados a unha distancia moderada e con comunicación visual entre eles pode facernos pensar en funcións de primacía política ou administrativa do primeiro sobre o segundo. Con este razoamento poderíamos chegar a pensar que a capitalidade do actual territorio comarcal, hoxe no Carballiño, estaría hai dous mil anos nun lugar chamado Lámbrica, nas abas do monte do Santrocado.

As relacións dos pobos do mundo antigo non teñen nada que ver coas divisións administrativas actuais, polo que teremos que superar o minifundismo administrativo (concello de..., parroquia de...) para chegar a comprender, protexer e promocionar mellor a nosa rica, riquísima, Prehistoria, na que medran, como no castro do Mosteiro, os piñeiros do abandono que destrúen o noso patrimonio arqueolóxico.


Ver artigo posterior sobre o Castro de Mosteiro




Ver tramo da muralla do Coto de Mosteiro
Ver Misterios subterráneos e lendas no mosteiro de Lobás (www.manuelgago.org)
Ver outra foto dos piñeiros no adarve
Artigo publicado o 25-10-2009 00:22
# Ligazón permanente a este artigo
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e do monte do Santorcado: deuses, mouras, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Imprescindibles
 Índice cronolóxico de artigos
 Pescudar nos artigos

© by Abertal