Arredor de Lámbrica


Eiras: minas, petroglifos e mámoas
Petroglifo principal da Ermida, en Eiras (á dereita).
A riqueza de estaño no subsolo é apreciable na caída sur cara o val do río Miño, pois alí existen, nunha franxa que ven desde A Barca (chamada Barbantes-Estación) ata Razamonde restos de minas, algunhas delas tan antigas como as escavadas na ladeira Sur do Santrocado antes de que a autovía a Vigo estragase todo, onde estaba o poboamento prerromano e romano das Laias.

En Eiras, aínda que hai minas de estaño no contorno da Ermida, non se coñece a existencia de minaría antiga. Pero sabemos que no mundo antigo, antes da Idade do Ferro, o estaño era un metal imprescindible para conseguir o bronce co que se fabricaban armas e obxectos. É aí onde pode estar a orixe dos poboamentos e das explotacións mineiras do noso contorno, que continuarían no tempo ata a época romana, que coñecemos algo mellor. Pero para os romanos o estaño era un produto secundario comparado co ouro que se podía obter das nosas terras, tanto do subsolo coma dos leitos dos ríos.

Á par das posibles actividades mineiras, os pobos anteriores á Idade do Ferro destacaban polas súas ocupacións gandeiras. A relación cos pequenos vales do contorno, onde o gando atoparía alimento nas épocas menos húmidas, parece entreverse cando superpoñemos o esquema dos petroglifos da Ermida enriba dun mapa do contorno. Dous dos petroglifos sinalan case con precisión o lugar de nacemento de correntes de auga.

Ademais, ese esquema que superpomos parte do punto A, nome co que denominamos o petroglifo principal da Ermida, pero situámolo no plano dous quilómetros máis ó nordeste, no outeiro onde hoxe están os restos do castro de San Cibrao das Las. Dende alí, o solsticio de verán que na Ermida pon en liña dous petroglifos co sol, poría en liña o castro (onde estaría o observador), o nacemento dun regato e o sol do solpor.

Elo lévanos a pensar que o poboamento ou a referencia ó outeiro onde se edificará o castro das Las xa procede de datas anteriores á Idade do Ferro, cuestión que tamén parecen demostrar as pedras orientadas (unha delas “romanizada” coa inscrición IOVI) que están a rentes dunha muralla do propio castro das Las. Se sostemos que a orientación das pedras cara os equinoccios e cara a Pena Corneira é intencionada temos que retrotraer tal orientación algún tempo antes da época castrexa, da Idade do Ferro, pois a muralla que alí se construíu non permitiría apreciar o horizonte.

Os petroglifos de Eiras poden ser datados na Idade do Bronce, cando menos, e supoñer que constitúen un “mapa” no que o petroglifo principal, con liñas radiais e maior tamaño que os outros, representaría ó outeiro da Cidade de Lás. Elo non entraría en contradición coa maioría das datacións que se soen facer de petroglifos con tipoloxía semellante ós de Eiras, pero aportaríanos a novidade de que na Idade do Bronce se fan referencias a un lugar que hoxe só consideramos castrexo ou da Idade do Ferro, o castro de San Cibrán das Las e Ourantes.

Corroboran este razoamento que nos levou á Idade do Bronce, ou incluso antes, a existencia de dúas mámoas, unha pegada ó mesmo Castro das Las, no límite entre as parroquias de Las e Ourantes, ó sur do xacemento. A outra está a uns douscentos metros da pedra dos petroglifos da Ermida, na parroquia de Eiras, onde aínda hoxe din algúns que “están enterrados os mouros”.

Penso que co tempo han de aparecer probas de que o outeiro da Cidade das Las e Ourantes, inseparable do veciño Santrocado, foi xa un lugar de importancia moito antes de que os castrexos comezaran a poñer, unha a unha, as pedriñas da Cidade da que aínda hoxe admiramos os alicerces.










Mámoa no monte do Couto, a carón da Ermida



Mámoa do Couto ou da Ermida desde o lado Noroeste



A peneda dos petroglifos da Ermida (Eiras)






A pedra furada na Ermida







Unha das pedras erosionadas do monte da Ermida de Eiras, levada ILEGALMENTE para a citania de san Cibrao das Las.

Ver máis


Ver fotografía dos petroglifos da Ermida (Eiras, San Amaro)
Ver aliñamentos con fitos orográficos
Ver superposición do esquema dos petroglifos sobre un mapa do contorno
Artigo publicado o 28-10-2009 16:40
# Ligazón permanente a este artigo
A Saínza, unha pedra da fertilidade?
Pedras orientadas en Lámbrica. No recadro, a Peneda da Saínza e indicación do lugar onde está.
A algo máis de dous quilómetros en liña recta, tamén cara o Oeste, aínda que un pouco ó sur da referencia do artigo anterior (a Pena Corneira), podemos ver dende Lámbrica a Saínza, lugar alto, con poboación dispersa entre as parroquias de Vilar de Rei e Beariz (concellos de Cenlle e San Amaro, respectivamente).

Este lugar da Saínza está ó Sur do castro de Beariz, tamén poboado de piñeiros e esquecido por paisanos e gobernantes pese a ser un asentamento castrexo vinculado ó de San Cibrao das Las, por proximidade e visibilidade, susceptibles de pertencer ambos á mesma entidade política e administrativa de hai dous mil anos, á terra de Lámbrica.

Xusto no límite dos concellos de San Amaro e Cenlle atópase unha rocha de moi pouca altura que contén na súa parte superior un oco profundo. O máis salientable é que esta rocha está envolta en lendas, xa que os veciños afirman que as mozas casadeiras de Vilar de Rei non atoparían mozo se non se sentaban na peneda. Tal afirmación pode provir de antigos cultos á fertilidade, pois para os pobos antigos o matrimonio era a antesala da procreación.

A tradición oral tamén asegura que non hai moitos anos a pedra era máis grande, atravesando a actual estrada. Tiña unha superficie plana, na que se sentaban os mozos da contorna nos seus tempos de lecer. A mesma tradición oral afirma que foron canteiros portugueses os que desfixeron gran parte da peneda para obter postes para os valados que pechaban os eidos.

A orientación equinoccial con respecto ó castro de San Cibrao das Las (Lámbrica) pode estarnos a falar dunha utilización cando menos da época castrexa, á vez que nos suxire preocupacións astronómicas, ben sexa por necesidades de calendario ou relixiosas.

Ademais, a súa configuración cun gran oco, que puido servir para conter algún tipo de poste, evoca algún tipo de sinalización territorial. A sinalización territorial será herdada na actual distribución das parroquias e concellos, pois as divisións eclesiásticas e as administrativas actuais aproveitarán estas rochas emblemáticas como marcos de división.


Ver o equinoccio de primavera na peneda da Saínza.




Na parte inferior da fotografía vemos a pedra de Xúpiter na citania de Lámbrica. Ao fondo, o monte do Santrocado




Útil paleolítico ou epipaleolítico atopado entre Eiras e Vilar de Rei


Ver A Saínza e a súa vinculación equinoccial con Lámbrica
Ver outra pedra moi parecida, no Santrocado
Ver outra foto da Peneda da Sainza (Cenlle-San Amaro)
Artigo publicado o 25-10-2009 14:51
# Ligazón permanente a este artigo
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e do monte do Santorcado: deuses, mouras, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Imprescindibles
 Índice cronolóxico de artigos
 Pescudar nos artigos

© by Abertal