Arredor de Lámbrica


Os ángulos acimutais na liña das rochas do Santrocado
Capela do Santrocado (San Amaro e Punxín, Ourense)
O único evento que pode ser considerado nas dúas penedas con pías (A e B) do Santrocado, das que xa se falou noutros artigos anteriores, é o seu posible aliñamento co solpor do solsticio de inverno, o que podería relacionalas co petroglifo do Abeiro do Raposo en Amoeiro, do que tamén xa se falou noutra ocasión.

Igual que no artigo anterior, no gráfico que se adxunta tamén se da a altitude que alcanza o sol nas datas de solsticio de inverno, cando coincide co punto onde se corta a liña do horizonte coa prolongación da liña B-A do Santrocado. Os eventos pertencen ó ano 2999 BC (antes de Xesucristo) e ó actual 2009, segundo o programa Cartes du Ciel . Estaremos atentos neste próximo solsticio.

Debido a que a capela foi construída interrompendo a posible liña solsticial non é posible fotografiar as dúas pedras á vez. Así, a medición obtívose dende a rocha A tomando como referencia as pólas do bidueiro que caen na vertical da rocha B. A brúxula indicaba 57º, cara o Nordeste, que se corresponden con 237º cara o Suroeste, ós que se lle restaron os 3º da declinación magnética. Con todo o rudimentaria que pareza, penso que non vai descamiñada.

Outra cousa moi curiosa é a orientación Norte-Sur da capela, podendo verse dende o alpendre da mesma o maxestoso castro de San Cibrao das Las.



Ver os ángulos acimutais nos petroglifos de Eiras
Ver aliñamento arqueoastronómico no Santrocado
Artigo publicado o 09-12-2009 21:38
# Ligazón permanente a este artigo
Os ángulos acimutais das liñas dos petroglifos da Ermida
Petroglifos da Ermida, Eiras.
A orientación dos petroglifos da Ermida (Eiras, San Amaro) nos artigos e gráficos anteriores non foi medida con excesiva precisión, polo que aportarei estas novas medicións dende o petroglifo principal (A), feitas coa axuda dunha brúxula e corrixidas para facer coincidir os 0º acimutais co Norte xeográfico.

As brúxulas indican o Norte magnético, que non coincide co xeográfico e, enriba, varía ó longo do tempo. Para o lugar da Ermida, a declinación magnética é de, aproximadamente, 3º 24’ W no mes de decembro de 2009, cando se fixeron as medicións. Por comodidade, para transformar os ángulos desprézanse os minutos, restándolle sempre 3º ós obtidos coa brúxula. Na ilustración danse tanto os ángulos con referencia ó Norte magnético como os que corresponden ó norte xeográfico (estes últimos debaixo das columnas azimutal).

Nos anteriores artigos non se tivo en conta esa declinación porque os diámetros das coviñas dos petroglifos permitían unha certa marxe á hora de relacionar os aliñamentos coa posición do sol no horizonte. Cos datos da nova medición e coas pequenas diferenzas que xorden, seguen a ser válidas as conclusións ás que se chegaron nos artigos anteriores, o que é proba de que as medicións eran váidas, pese a súa pouca precisión. A diferenza máis acusada é a do aliñamento D-A que é de 6º, pero a orientación cara o castro de Las segue a producirse se a comprobamos nun mapa, ós 47º acimutais.

O programa Cartes du Ciel (Cartas Celestes) de Patrick Chevalley, que está dispoñible en Internet, foi o utilizado para saber exactamente os grados acimutais nos que se producen as postas de sol en diversas datas.

No gráfico dáse conta dos eventos astronómicos que se producen e que involucran ó petroglifo principal ou A. Figuran nel as medicións feitas coa brúxula, a súa corrección para que 0º=Norte xeográfico e a súa relación cos eventos que se indican, que son os seguintes:

a) O aliñamento dos petroglifos A e B co solpor do solsticio de verán. Danse os grados acimutais ós que se orienta a liña A-B e a altitude que, segundo o programa Cartes du Ciel, alcanzou o sol nesa data, e con ese mesmo ángulo acimutal, en 2009 e, tamén, os ángulos e a altitude á que estivo o sol no solsticio de verán de 2999 BC (antes de Xesucristo). Ademais dos datos obtidos co programa informático de Patrick Chevalley, o aliñamento do solsticio de verán foi comprobado directamente, tal e como xa se manifestou en artigos anteriores.

b) A orientación da liña A e C non ten evento coñecido.

c) Os petroglifos A e D (recordemos que o aliñamento inverso apunta cara o castro de San Cibrao das Las) poden responder a unha aliñación co solpor do solsticio de inverno. Tamén se da a altitude que alcanza o sol nas datas de solsticio de inverno de 2999 BC e no solsticio de inverno de 2009, cando está en liña cos petroglifos. Estaremos atentos neste próximo solsticio para ver o que pasa.

d) O aliñamento A-E sinala o punto Sur, cunha diferenza de 5º. A liña inversa, loxicamente, sinalará ó Norte, como xa se indicou noutros artigos.
Ver solpores e solsticios nos petroglifos de Eiras
Ver OS PETROGLIFOS DE EIRAS
Ver os petroglifos de Eiras e Lámbrica
Artigo publicado o 09-12-2009 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e do monte do Santorcado: deuses, mouras, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Imprescindibles
 Índice cronolóxico de artigos
 Pescudar nos artigos

© by Abertal