Arredor de Lámbrica


Os petroglifos da Ermida, calendario astronómico?
Panel dos petroglifos da Ermida en Eiras (San Amaro).
Coas novas medidas dos ángulos acimutais trasladadas a unha fotografía vertical dos petroglifos obtense o resultado gráfico que encabeza este artigo:
A liña vermella indica cara o punto de solpor do solsticio de verán (299º Az.).
A liña azul indica cara o punto de solpor do solsticio de inverno (?) (227 º Az.)1 . En sentido inverso (47ºAz.) sinalaría o punto onde se ergue o castro de San Cibrao das Las.
A liña verde indica a un punto aproximado do solpor equinoccial entre 267 e 270º Az.).
A liña branca vertical indica o Norte aproximado (355º Az.).

As conclusións son as mesmas cás que se obtiveron nos artigos dos meses anteriores, xa que o diámetro das coviñas permite unha certa marxe de manobra e na pedra non se trazaron medidas exactas, senón aproximadas, posiblemente froito de observacións pacientes e continuadas. Ademais, a altitude do sol no horizonte pode variar (por exemplo, pola presenza de árbores) polo que a súa posta pode anticiparse en algúns grados por causas que non podemos prever, pois non sabemos aínda o tipo de paisaxe que había no lugar na época na que se fixeron os gravados.

Pero este novo gráfico móstranos unha novidade que aínda non foi comentada. Os aliñamentos anteriores relativos ós solpores teñen como punto de observación o petroglifo A, mirando dende a súa parte Leste, onde a peneda ten unha altura suficiente para que a súa parte superior quede á altura da vista dun home situado a ras de solo.

A novidade é que dende o mesmo lado da rocha, se nos desprazamos un pouco cara o Sur, podemos tomar como punto de observación o petroglifo E. Dende alí poderemos contemplar, situados tamén fóra da rocha, os petroglifos E e D aliñados cos solpores equinocciais (marzo e setembro, na actualidade). Este aliñamento aínda non foi verificado pero chama moito a atención que a liña equinoccial verde trazada como bisectriz no ángulo dos dous solsticios é totalmente paralela á liña (tamén verde) que une os citados petroglifos E e D.

Pero a factura do petroglifo E é moi desemellante á dos outros. A utilización de útiles líticos parece moi difícil, pois a relación entre a anchura da coviña e a profundidade parece denunciar á utilización dalgún útil metálico, máis precisos que os líticos. Pode ser logo que fose realizado cando xa os petroglifos restantes levaban centos, ou miles, de anos na rocha.

Unha novidade puido traerlle a aqueles homes a existencia dos equinoccios, esas datas do ano en que a duración dos días e das noites é case igual e que significan tanto a fin das colleitas (equinoccio de outono) como a preparación para a sementeira do ano seguinte (equinoccio de primavera). Coa simple observación E-D poderían saber se estaban cerca estas datas dos equinoccios. Si se trataba do equinoccio de primavera, poderían ir observando día a día o sol dende o petroglifo A. Cando o sol chegase, nos seus solpores, a pórse en liña cos petroglifos A e B, entonces saberían aqueles homes que chegaba o tempo da seitura, o solsticio de verán, con todo tipo de connotacións relixiosas e festivas que pervivirán no tempo, convivirán coa cristianización (San Xoán) e chegarán ata os nosos días.

Se os gravadores dos petroglifos da Ermida coñecían os equinoccios non nos será difícil entender as coincidencias tamén equinocciais que foron observadas no castro de San Cibrao das Las e na peneda da Saínza, comentadas xa en artigos anteriores. Todo isto que acabo de dicir non entra en contradición coa teoría de que o panel dos petroglifos poida representar un mapa territorial. Aínda máis: considero posible que fose á vez calendario agrícola e xustificación dun reparto territorial.


Ver fotografía do calendario da Ermida.

Ver as variacións anuais dos puntos de solpor.


(1) É máis probable que se trate da Parada Maior da Lúa, que sae e se pon polos mesmos lugares cada 19 anos (Ciclo de Metón), como sucede no santuario de Segeda (ver artigo) ^ ^













Ver o solsticio de verán nos petroglifos da Ermida
Os petroglifos da Ermida e o territorio de Lámbrica
Artigo publicado o 10-12-2009 18:25
# Ligazón permanente a este artigo
Os ángulos acimutais na liña das rochas do Santrocado
Capela do Santrocado (San Amaro e Punxín, Ourense)
O único evento que pode ser considerado nas dúas penedas con pías (A e B) do Santrocado, das que xa se falou noutros artigos anteriores, é o seu posible aliñamento co solpor do solsticio de inverno, o que podería relacionalas co petroglifo do Abeiro do Raposo en Amoeiro, do que tamén xa se falou noutra ocasión.

Igual que no artigo anterior, no gráfico que se adxunta tamén se da a altitude que alcanza o sol nas datas de solsticio de inverno, cando coincide co punto onde se corta a liña do horizonte coa prolongación da liña B-A do Santrocado. Os eventos pertencen ó ano 2999 BC (antes de Xesucristo) e ó actual 2009, segundo o programa Cartes du Ciel . Estaremos atentos neste próximo solsticio.

Debido a que a capela foi construída interrompendo a posible liña solsticial non é posible fotografiar as dúas pedras á vez. Así, a medición obtívose dende a rocha A tomando como referencia as pólas do bidueiro que caen na vertical da rocha B. A brúxula indicaba 57º, cara o Nordeste, que se corresponden con 237º cara o Suroeste, ós que se lle restaron os 3º da declinación magnética. Con todo o rudimentaria que pareza, penso que non vai descamiñada.

Outra cousa moi curiosa é a orientación Norte-Sur da capela, podendo verse dende o alpendre da mesma o maxestoso castro de San Cibrao das Las.



Ver os ángulos acimutais nos petroglifos de Eiras
Ver aliñamento arqueoastronómico no Santrocado
Artigo publicado o 09-12-2009 21:38
# Ligazón permanente a este artigo
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e do monte do Santorcado: deuses, mouras, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Imprescindibles
 Índice cronolóxico de artigos
 Pescudar nos artigos

© by Abertal