Arredor de Lámbrica


O petroglifo do Abeiro do Raposo (Amoeiro) e as serpes
Monte do Santrocado dende o Petroglifo do Raposo
Existe en Amoeiro un lugar denominado Chan da Ferradura, unha chaira en altura, a modo de pequena meseta. Conocemos, a través de GARCÍA QUINTELA e de SANTOS ESTÉVEZ, a existencia dunha rocha con petroglifos da que non vamos ocuparnos agora, pero que foi interpretada polos autores citados como "el lugar de investidura de un jefe local que hipotéticamente podría extender su poder por todo el valle del Bajo Barbantiño y probablemente tenía su residencia en el gran castro de S. Cibrán de Las. La ceremonia, consistente en poner sus pies sobre las huellas de la roca, tenía por objeto garantizar la fecundidad mágica de sus tierras." (GARCÍA QUINTELA, MARCOS ESTÉVEZ: "Alineación arqueoastronómica en A Ferradura", en Complutum 15. Páx. 68). O Castro de San Cibrán das Las é Lámbrica, e é perfectamente visible dende o Chan da Ferradura. Ambos lugares están separados polo val dun pequeno río, o Barbantiño.

Moi cerca da rocha das Ferraduras existe un pequeno outeiro con penedas de granito que forman un pequeno abeiro, o Abeiro do Raposo. Dende ise lugar fíxose a fotografía que encabeza este artigo: vemos o monte do Santrocado, a uns 5,5 quilómetros, e, á dereita, a pequena chaira onde está o castro de Lámbrica.

A formación granítica do Abeiro do Raposo presenta, cara o nordeste, unha abertura que permite acceder ó seu interior, onde se atopa, case no chan, unha pequena pedra cun singular gravado.

GARCÍA QUINTELA e SANTOS ESTÉVEZ sosteñen que se produce unha aliñación arqueoastronómica nos días de solsticio de inverno, xa que dende o Abeiro do Raposo é posible ver ocultarse o Sol por enriba do cumio do Monte do Santrocado, o monte que vemos na fotografía que encabeza este artigo. Pero o máis importante é que a posición do Sol no horizonte nos solpores solsticiais de inverno permite que entre directamente un raio de luz solar no abeiro, por unha pequena fenda, alumeando un petroglifo. E aínda hai máis: a sombra que o Sol forma coas rochas do abrigo (sombra que, lóxicamente, está nese intre orientada ó nordeste) ten un perfil similar ó dun castro que hai nas inmediacións, tamén ó nordeste. Este castro de Amoeiro coñécese co nome de Coto do Castro.

Prodúcese, logo, un fenómeno de iluminación dun petroglifo, escondido nun abeiro, con luz solar directa, un fenómeno de posta de Sol no alto dun monte que alberga un castro, o Monte do Santrocado, e unha sombra co perfil doutro castro situado o nordés, o Coto do Castro, apuntando directamente cara el. É, polo tanto, un fenómeno peculiar, en modo algún casual, que pon en liña dous castros e un outeiro con petroglifos.

A figura do petroglifo do Raposo carece de paralelismos na arte prehistórica galega, como recoñecen os propios autores do artigo (QUINTELA e ESTÉVEZ). Trátase dunha figura pouco definida na que os autores citados tentan ver unha representación topográfica do lugar. É evidente o parecido da silueta do Santrocado co deseño que presenta o petroglifo de O Raposo cara o suroeste. Ata aquí estamos dacordo cos autores do artigo.


As serpes
É coñecida a recurrencia do motivo das serpes no mundo antigo. Tamén sobra comentar a súa transformación en elemento maligno, asociado ó demo e o pecado, grazas a omnipresente influencia da relixión xudeocristiana que se transformou na dominadora cultural de Occidente dende o século XV. Teremos que despoxarnos deste tópico para tentar observar ás serpes como o facían moitos pobos antigos. Para acercarnos ó mundo das serpes no mundo antigo podemos visitar o seguinte enlace: La serpiente y su culto en el Mediterráneo (ANA MARÍA VÁZQUEZ HOYS).

A serpe aletárgase no inverno e muda de pel, polo que constitúe nun símbolo de renacemento, de volta á vida. Esa "volta á vida" entre os pobos que dependen da agricultura está ligada ós ciclos anuais, que tanto preocuparon ó home dende o Neolítico, pois son fundamentais para sacarlle o máximo proveito ó cultivo da terra. Unha sementeira ou unha colleita fóra do seu tempo pode ser letal para pobos que viven do que cultivan. Os ciclos anuais, marcados na zona templada polas estacións, están marcados tamén por eventos celestes. O máis claro é o movemento anual do Sol, tanto na súa saída coma no seu solpor.

Coñecemos na zona algunhas lendas de serpes. Unha delas foi relatada por Segundo González de Eiras (San Amaro), ó outro lado do Santrocado: N-iste castro hai unha moura que sai en figura de unha cobra levando unha fror na boca. Pra desencantala hai que lle tirar cos beizos a fror que leva na boca. Esta lenda foi recollida por CUEVILLAS e BOUZA BREY en 1929.

Outra lenda de serpes procede do Castro Martiño, en Xinzo, tamén en Eiras. Neste castro de pequenas dimensións, a posible orixe da aldea de Xinzo, existía unha mina na que os habitantes da aldea situaban unha serpe que chegaba ata o Castro da Cidade. Seguidamente, o informante especificaba que A Cidade non era a coñecida Cidade de San Cibrán de Las, senón o Castro do Santrocado, situado a un quilómetro da mina do Castro Martiño.

Seguindo cos serpentiformes, na zona que nos ocupa coñecemos os seguintes: Na cercanía do Coto do Castro, no Chan da Ferradura (Amoeiro) existe un petroglifo con forma de serpe, segundo GARCÍA QUINTELA e MARCOS ESTÉVEZ (Complutum, 2004, Vol. 15, páx. 54). No Chan das Ferraduras tamén foi destapado, no curso dunha intervención arqueolóxica, outro serpentiforme. Outro posible serpentiforme foi visto nunha rocha do Castelo de Laias, cando estaban a facer a autovía en 1994. Este xacemento foi completamente destruído coas obras.

Xa fóra do ámbito arqueolóxico, podemos ver unha excelente serpe subindo polo fuste dun cruceiro de San Cibrao das Las, a mesma parroquia na que se ergue o castro de Lámbrica, a Cidade de San Cibrán das Las e Ourantes. A Igrexa demonizou ás serpes, pero a cultura popular segue a utilizar esta simboloxía que alimenta lendas e misterios, sen importarlle demasiado que un símbolo demoníaco suba, enroscándose no fuste, cara a cruz.

Polos arredores non coñezo outras manifestacións do culto á serpe, pero son innumerables as referencias existentes en toda Galiza. Citar, pola súa importancia e curiosidade, o petroglifo do Castro de Troña (Ponteareas), a serpe esculpida no interior dunha pía de auga bendita na igrexa de Muros ou a Pedra da Serpe en Gundamil.

O uróboros é un símbolo ancestral que representa unha serpe (ás veces tamén pode ser un dragón) disposta de forma circular e co rabo na boca. E un símbolo da eternidade ou dos ciclos, e coñécese dende hai máis de 3000 anos, existindo representacións no Antigo Exipto. Tamén foi utilizado por gregos e fenicios, entre outros.

O solsticio de inverno é o momento no que os días deixan de reducirse, comenzando a crecer. O refraneiro popular reflexa esta circunstancia nun día cercano, o 13 de decembro, pois "Dende a Santa Lucía mingua a noite e medra o día", para, xa en febreiro, "No San Brais, hora e media máis". No solsticio de inverno os solpores chegan ó seu punto máis austral, regresando, pouco a pouco, día tras día, ó punto máis boreal, onde se ocultará no solsticio de xuño.

A representación do Abeiro do Raposo, aínda que reflicta os perfís dos montes, pode tratarse tamén dunha particular representación do uroboros, como símbolo da sucesión dos ciclos da vida. Esta serpe adoptaría a forma dos montes por onde sae e se pon o Sol no solsticio de inverno, en vez da súa coñecida representación circular. A luz do Sol que chega ó petroglifo alumearia ó réptil, oculto sempre nas lendas baixo os montes e os castros, simbolizando a chegada da nova vida, a próxima primavera, o alongamento dos días e a fin das invernías.


O monte do Santrocado, destino deste curioso aliñamento, tamén ten no seu cumio vestixios doutros aliñamento similar no solsticio de inverno. A orientación é a mesma, indicando o solpor solsticial de inverno, pero está feita con dúas rochas. Está case oculto tras a construción da capela que cristianizou o castro, seguramente un lugar de culto moito anterior.





Para saber máis (artigos neste blogue):
Aliñamento arqueoastronómico no Santrocado (San Amaro-Punxín)

Os ángulos azimutais nas liñas das rochas do Santrocado

Sobre as escavacións na Ferradura:


Escavación na Ferradura (Amoeiro, Ourense), USC


Sondaxes arqueolóxicas na estación de gravados rupestres da Ferradura (Amoeiro, Ourense), USC

Sobre os cultos ofiolátricos no mundo antigo:
La serpiente y su culto en el Mediterráneo (blog de A. María Vázquez Hoys)


Bibliografía

GARCÍA QUINTELA, V; SANTOS ESTÉVEZ, M: "Alineación arqueoastronómica en A Ferradora (Amoeiro-Ourense)" en Complutum 15, Madrid, 2004.

GARCÍA QUINTELA, V; SANTOS ESTÉVEZ, M:"Arte rupestre y santuarios", en Semata 14. Univ. de Santiago de Compostela. 2003.

LÓPEZ CUEVILLAS, F.; BOUZA BREY, F.: “Os oestriminios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza”, en Arquivo do Seminario de Estudos Galegos, II, 1929.

Ver fotografía de O Raposo (celtiberia.net)
Ver fotografía del petroglifo de O Raposo
Ver O SOL NOS CHAOS
Artigo publicado o 03-11-2012 09:00
# Ligazón permanente a este artigo
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes, do monte do Santrocado e do Castelo de Laias: deuses, mámoas, petroglifos, castros, xentes...

 Artigos destacados
 Outros artigos, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal