Da época da romanización temos
descricións de Galicia de autores clásicos. Un deles é un xeógrafo do século I chamado Pomponio Mela que na súa obra
De Chorografía, Libro III, describe, entre outras, as terras occidentais da Península.
Cando fala do “
Promontorio Céltico” di:
"Totam Celtici colunt, sed a Durio ad flexum Grovi, fluuntque per eos Avo, Celadus, Nebis, Minius et, cui Oblivionis cognomen est, Limia. Flexus ipse Lambriacam urbem amplexus recipit fluvios Laeron et Ullam".
Poderíamos traducilo así: "En todo (o Promontorio Céltico) viven os Célticos, pero desde o Douro ata o entrante (viven) os Grovios, e corren por alí o Avo, o Celado, o Nebo, o Miño e, o que é chamado do Olvido, o Limia. O entrante, el mesmo consagrado á
Cidade de Lambrica, recibe ós ríos Lérez e Ulla".
O termo "
entrante", ou tamén "
curvatura", hai que entendelo a grandes trazos, nunha descrición que se vai facendo de sur a norte seguindo a liña da costa e por xeógrafos que non reparan en detalles pequenos. Estas descricións non pretenden ser minuciosas, senón xerais, de grandes espazos xeográficos e, moitas veces, con información obtida de fontes de terceiros.
Ese "
entrante" podería referirse ó tramo existente entre os cabos Silleiro e Corrubedo, dous puntos sobresaíntes da costa galaica. Neste tramo, sen entrar nos detalles das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, desembocan os ríos Lérez e UlIa.
Non é difícil percibir que nese “
entrante”, aínda que un pouco cara ó interior, está
Lámbrica, xacemento que debeu ser un grande centro político e relixioso naquel tempo, abranguendo un amplo espazo xeográfico. Por iso sería coñecido na costa e citado por Mela.
A "
consagración" debemos entendela en termos desa dependencia política e relixiosa que terían os pobos do "
entrante" con respecto á
Cidade de Lámbrica.
Ata agora non se coñece, entre os cabos Silleiro e Corrubedo, ningún xacemento castrexo que supere en importancia e extensión á Cidade de San Cibrán das Las, que, para referirnos a ela con propiedade, deberíamos chamarlle a
Cidade das Las-Ourantes ou, se se quere,
Lámbrica. Sexa ou non a Lámbrica que nomea Mela, a nosa citania de San Cibrao das Lás e Ourantes tivo un topónimo semellante, a xuzgar pola inscrición da
ara de Eiras.