Arredor de Lámbrica


Imaxinacións...
Recreación libre dun posible barrio de Lámbrica

Recreación libre dun posible barrio de Lámbrica, co Monte do Santrocado ao fondo, haberá uns dous mil trescentos anos, máis ou menos... A composición fíxose sobre unha fotografía actual engadindo fotos de cabanas reconstruídas noutros castros, como Santa Trega ou Vigo.

As cabanas circulares poden convivir con estruturas ortogonais, pechándose varias cabanas cara un patio común, constituíndo a vivenda dun núcleo familiar no que existían cociñas, talleres e outras estancias independentes. Son as típicas "casas-patio" que se escavaron en Lámbrica, e que podemos ver moi ben pola ladeira occidental.

Noutros castros podemos ver cabanas individuais con pequeno patio dianteiro, como a típica construción reedificada no Monte Santa Trega.

En épocas máis antigas as cabanas deberon ser máis sinxelas, incluso construídas con elementos vexetais, que son máis difíciles de detectar no rexistro arqueolóxico.

Incluso é moi posible que, desde momentos moi anteriores da nosa Prehistoria, houbese poboados en zonas baixas, onde escomenzarían as prácticas da agricultura.

A fortificación ou intento de defensa dos poboados dende os outeiros obedece á necesidade de protexerse de agresións procedentes doutros pobos, agresións que serían máis abondosas canta máis riqueza se fora acumulando por parte de certos gupos sociais.

Serán estes grupos máis privilexiados os que promoverán os poboados fortificados, que desembocarán no que hoxe coñecemos como castros. Dende eles, sobre todo dende os maiores, as citanias, era máis doado someter ao territorio circundante e, de paso, coa súa axuda, protexerse mellor contra agresións de pobos máis distantes.

Isto rematará coa conquista emprendida por Roma, cando queden totalmente sometidos os pobos prerromanos da Península Ibérica despois das Guerras Cántabras, no século I antes de Cristo.





Seica se vai repetir a concesión da explotación (nunca mellor dito) da Citania de San Cibrao das Las ou de LÁMBRICA á mesma empresa que estaba ata agora, aproveitándose do cerramento dun monte comunal e sacándolle os cartiños aos sufridos visitantes.

Aparte das queixas que tivo a concesión por parte de numeroso público que atopou as portas pechadas, nos catro ou cinco anos anteriores, aparte do enganoso nome que leva o Centro de Interpretación (*Lansbrica), e aparte da xestión paupérrima das escavacións, levando e escondendo, case literalmente, os achados, destacar tamén o que semella certo menosprezo polos recursos arqueolóxicos e culturais da contorna inmediata, acelerando en numerosos casos, cando non potenciando, a súa perda irreparable. Un exemplo témolo no Castelo de Laias, que podemos ver neste enlace.

É necesario insistir en que non é posible comprender un castro ou citania do tamaño de Lámbrica sen prestar atención ao territorio que a arrodea, do que obtivo os recursos que a fixeron tan grande e no que quedaron as pegadas que os responsables culturais parecen esforzarse por agochar: Eiras (incluíndo a famosa ara de Bandua), Castro Martiño, Ourantes, Castelo de Laias, Santrocado, A Ermida de Eiras, os petroglifos na propia Citania de Lámbrica (inéditos e en perigo)...

Nun segundo anel, máis alonxado de Lámbrica, situaríamos os xacementos de Maside (Piñeiro, Armeses, O Lago, cos restos de minería de ouro), O Carballiño (Mosteiro), Boborás (Cameixa) e O Irixo (Corneda, Loureiro)... Non existen actuacións en ningún deles.

Cando os bens culturais sexan algo máis que un motivo para obter fondos da UE poderemos ser un país culto. Dá moita mágoa poder afirmar que semella non ser exactamente iso o que queren...

Por certo, dito sexa de paso, Lámbrica aínda non é Ben de Interese Cultural. Sorprendidos?


Ver galería de fotografías de Lámbrica
Descrición da citania de Lámbrica
Recreación dun posible barrio de Lámbrica
Artigo publicado o 08-10-2017 16:01
# Ligazón permanente a este artigo
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes, do monte do Santrocado e do Castelo de Laias: deuses, mámoas, petroglifos, castros, xentes...

 Artigos destacados
 Outros artigos, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal