Arredor de Lámbrica


Do Paleolítico á Idade do Bronce
Do Paleolítico á Idade do Bronce

En outubro de 2014 foi atopada, entre Eiras e Vilarderrei (concellos de San Amaro e Cenlle, respectivamente) unha peza en canto rodado de río, de bo tamaño, de factura paleolítica ou epipaleolítica, pero que non pode datarse porque o seu achado foi casual, na beira dun camiño e ó lado dunhas viñas tras unha invernía. No lugar non existen cantos rodados deste tipo, polo que debemos supoñer que foi traído do río Miño, a uns tres quilómetros en liña recta. Hai menos de tres quilómetros a Lámbrica, visible dende o lugar do achado, e 1,3 quilómetros ós petroglifos da Ermida. As coordenadas do lugar son as seguintes: 42°21'16.18"N; 8° 3'46.42"O.

Maximino Álvarez, alcalde do Carballiño a principios do século XX, depositou no Museo Provincial de Ourense unha machada de bronce das denominadas “de talón e aneis”, procedente dunha carballeira da parroquia de Vilar de Rei (Cenlle). É típica da Idade do Bronce e parece que formaba parte dun depósito con outras pezas similares. É un misterio o lugar concreto do achádego, así como tamén o é o paradeiro das outras pezas.

A presenza deste tipo de restos suxírenos un poboamento continuado nos arredores de Lámbrica dende o Paleolítico, sendo a fortificación castrexa das Las un simple episodio no tempo. É dicir, non poderíamos entender a citania de San Cibrao das Las (Lámbrica, na inscrición da ara de Eiras) sen a previa existencia dunha zona poboada e rica en recursos agropecuarios e mineiros que ocasionarían unha acumulación de riquezas e unha diferenciación social que obrigaría a certos grupos a fortificarse, ben fose por amenazas dentro do propio territorio ou por perigos externos que aparecesen en momentos puntuais, xa na Idade do Ferro e, tamén, durante a romanización.

Nas inmediacións do lugar deste achádego están a peneda da Saínza e o cruceiro do Monte do Chao.




Na propia citania de Lámbrica, a moi poucos metros da muralla occidental, atopáronse restos do Paleolítico Medio e do Paleolítico Superior que coñecemos por ROSA VILLAR QUINTEIRO. Esta autora sostén que a industria lítica de A Chaira está realizada "sobre cuarcitas en forma de nódulos de canto rodado, cuya procedencia más próxima sería el río Miño" (...) e que "presenta un mínimo aspecto de desgaste por rodamiento, pues como mucho la distancia máxima que han podido recorrer es la que media desde la cima, donde se emplaza el castro, a su localización actual y que aproximadamente es de unos 200 m. (...)."

Seguindo a ROSA VILLAR, "la composición tipológica nos señala una industria dominada por el utillaje sobre lasca en el que los denticulados dominan sobre las raederas pero sobre ambos, aparece el utillaje propio del Paleolítico Superior con una frecuencia mayor, en el que se encuentran raspadores, toscos buriles, claros perforadores, además de piezas con retoque abrupto y escasos cuchillos de dorso, siempre atípicos".

En total, "se han contabilizado 475 efectivos, sin tener en cuenta diversos cantos rodados y fragmentos de estos, algunos de los cuales pudieron haber desempeñado una función de percutor en la cadena operativa, a juzgar por las zonas de alteración que presentan."

Os restos do Paleolítico nos arredores son bastante frecuentes, aínda que pouco valorados. Destacan achádegos nos Chaos de Amoeiro, nas terrazas do río Arenteiro en Seoane (O Carballiño) ou en Toén, tamén en Ourense.

Bibliografía
VILLAR QUINTEIRO R.: "El yacimiento paleolítico de A Chaira, San Cibrán de Lás (Ourense)", en Boletín Auriense, t. XXIX. Museo Arqueolóxico Provincial. Ourense, 1999.


Mámoa en Lámbrica


Na parte Sur da actual citania de Lámbrica, tamén fóra das súas murallas, pero a poucas decenas de metros, atopamos unha mámoa, montículo que contivo un pequeño dolmen, cista ou cámara funeraria, construcións cuxa cronoloxía pode abarcar dende finais do Neolítico ata a Idade do Bronce. En concreto, estamos ante unha mámoa de pequeno tamaño, erixida por xentes que andiveron por istes lugares algúns milenios antes de que os poboadores das Idades de Ferro e os posteriores romanizadores se afanaran en fortificar unha citania. Outras construcións deste tipo, mámoas, medorras, medelas… foron achadas por toda a comarca. Moitas delas sucumbiron ante a fereza das obras de maquinaria pesada, as violacións dos buscadores de tesouros e o esquecemento xeralizado da poboación que, aínda así, mantivo na memoria colectiva lendas que tratan de inmortalizar estes máxicos lugares, xa sin sentido para as "avanzadas" civilizacións do século XXI.




Mámoa no monte da Ermida en Eiras





Petroglifos da Ermida ou do Couto, en Eiras


Anterior ← Ir á galería de fotografías→ Seguinte

Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e do monte do Santorcado: deuses, mouras, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Imprescindibles
 Índice cronolóxico de artigos
 Pescudar nos artigos

© by Abertal