Arredor de Lámbrica


A LIÑA EQUINOCCIAL DA IGREXA DE EIRAS E A SÚA RELACIÓN COA ARA DE BANDUA
A LIÑA EQUINOCCIAL DA IGREXA DE EIRAS E A SÚA RELACIÓN COA ARA DE BANDUA

Dentro da finca do pazo de Eiras, moi cerca da Carballa centenaria e do lugar onde se situaba un cruceiro, está a ara de BANDUA de Eiras.

O punto exacto onde se atopaba ata 2016 a ara estaba, aproximadamente, a 90 metros da igrexa parroquial de Santa Uxía, nunha prolongación cara o Leste da liña axial deste templo.

Dende hai moitos anos, posiblemente desde o século XVIII, a ara tivo enriba unha mesa de pedra nos xardíns do pazo dos Tizón, dos Varela, dos Vázquez e dos Gaioso, entre outros. A mesa sostida pola ara estaba arrodeada dun banco corrido tamén labrado en granito do país.

Existen rumores, creo que con pouco fundamento, de que a ara de Eiras procede da citania de San Cibrao das Las, pero non hai constancia documental disto. Ao contrario, existen indicios de que a ara de Eiras estivo sempre nesa parroquia, moi cercana, non obstante, á citania das Las, da que posiblemente nos aporte o seu nome antigo, LÁMBRICA.

A liña equinoccial que parte dende o lugar onde estivo inmemorialmente depositada a ara, cara o solpor (Oeste), atravesa lonxitudinalmente a igrexa de Santa Uxía de Eiras. É dicir, que construíron a igrexa respectando a liña ara-solpor nos equinoccios ou, dito doutra forma, a liña Leste-Oeste que recorre axialmente a igrexa pasa pola ARA DE BANDUA.

A aliñación equinoccial coa igrexa tratamos de demostrala baseándonos na cartografía catastral, dispoñible ao público na Sede Electrónica do Catastro. A liña horizontal amarela que debuxamos no plano cruza lonxitudinalmente a igrexa, á esquerda da imaxe, e remata á dereita, no lugar onde se atopaba a ara de BANDUA. Tamén podemos utilizar unha imaxe de Google Earth, que encabeza este texto, obtendo o mesmo resultado.

Poderíamos sospeitar, incluso afirmar, que o lugar que ocupa a ara foi o seu emprazamento orixinario, servíndonos así como argumento para esgrimir fronte a aquelas persoas que fan a orixe da ara na citania de Lámbrica, chegando a dicir, incluso, que foi un agasallo de Cuevillas á Casa Grande, aspecto que, de ser certo, deberían demostrar documentalmente.

Outro argumento para defender que a ara estaba no seu solar orixinal sería o feito de que, dende os anos vinte, as persoas das aldeas da contorna, os nosos avós que naceron cara a 1900 e que, os que temos certa idade, chegamos a coñecer, terían memoria de que trouxeran, seguramente nun carro, unha grande pedra do castro. Houbera sido un acontecemento na aldea que daría lugar a contos e lendas. Pero non hai constancia de ningún comentario, lenda ou díxome-díxome que aluda a tal feito, o cal xa parece moi raro.

Como terceiro argumento podemos afirmar que a ARA DE BANDUA estaba nun lugar arqueolóxico onde aparece tégula, no adro da igrexa e na finca da reitoral anexa. Tamén apareceron, según relata RODRÍGUEZ COLMENERO, nas inmediacións do adro, uns restos de mosaico romano, que volveron tapar apresuradamente por orde do cura. Quere isto dicir que a ara de Bandua atópase nun lugar onde había vivendas en época romana.

Independentemente de que na época da romanización houbera vida na citania de Lámbrica, con actividades de control do territorio, metalúrxicas, téxtiles e outro tipo de manufacturas (o que sería unha cidade ou, mellor protocidade), tivo que haber por forza nos vales de Loucía e Eiras actividades agropecuarias, para procurar a alimentación necesaria para as persoas que non cultivaban e que residían nos outeiros fortificados, nos que aparecen abundantes muíños de man de granito. Estes utensilios non servirían de nada se non houbese cereais para moer, difíciles, por outra parte, de cultivar na cima dos outeiros.

As máis de dúas mil persoas que vivían nesa citania debían de comer bastante, requerindo necesariamente de explotacións agropecuarias diversas e dispersas que cultivasen os produtos para o sustento.

A dispersión das explotacións vai parella coa da poboación, que está corroborada pola existencia dunha constelación de pequenos castros que arrodean á citania. Algúns destes lugares ostentarían titulares latifundistas, de familias destacadas indíxenas e/ou romanas. Emilio Reburrino puido ser un destes potentados latifundistas que, cara o século I surtía de alimentos á poboación de Lámbrica, venerando na súa propiedade a BANDUA, a quen erixiu un altar ou ara para cumprir un voto.

O lugar sería cristianizado andando o tempo, cun cruceiro que había fóra do valado do pazo, onde tamén se conserva unha carballa varias veces centenaria, e levando alí cultos e procesións relixiosas procedentes da inmediata igrexa parroquial.

Esta última, anteriormente en solar descoñecido, edificouse, pode que no devecer do románico, seguindo a liña do lugar de culto a BANDUA cara o Occidente, desprazándoa con respecto á ara última uns noventa metros. Na fábrica reaproveitáronse pedras máis antigas, coma uns curiosos sillares reticulados, que denuncian a existencia dunha vila romana, pois teñen aparecido pedras similares en outras villae da nosa Terra.

Non existen vestixios artísticos de fábrica románica da igrexa, pero a tradición oral da aldea aseguraba que había, xa non hai, no adro un carneiro, elemento románico que coroaba os cumios dos tellados das igrexas románicas e que habitualmente se confunde co Agnus Dei. Isto dá pé a sospeitar que houbo algún edificio anterior que puido ostentar tal elemento decorativo.

Entre os anos 1670 e 1740, a igrexa sería reformada coa construción dunha nova cabeceira e co engadido dunha capela da Purísima, feita e dotada por Bartolomé Vázquez de Sabariz e a súa familia, parentes dos donos do pazo de Eiras.

Tamén se realizou a sancristía e situouse tras o altar un fabuloso retablo, tallado por Francisco de Castro Canseco, con catro columnas salomónicas de cinco voltas, feito en Ourense e traído a Eiras en 1704.

A fundación do pazo de Eiras (a Casa Grande) consta documentalmente en 1600 por don Juan Vázquez de Castro. A fundación produciríase inevitablemente sobre un casarío preexistente, dentro do cal estaría o lugarciño sacro onde posiblemente ficaría o altar de Bandua, que alí erguera Emilio Reburrino.


Por iso, o catolicismo consolidado e enraizado en cultos antiquísimos, levará, anualmente cada 24 de agosto, as procesións do San Bertolameu á varias veces centenaria Carballa, levando en andas ao santo que pisa a cerviz de Astarot ou Astarté, un paseo ritual que visita as inmediacións do solar de BANDUA, dando a volta ao, agora desaparecido, cruceiro, a rentes do valado do pazo de Eiras, onde tamén houbo unha fonte, lugar de culto milenario dos habitantes da parroquia.


Perímetro que inclúe as fincas da reitoral e das casas fidalgas de Eiras.




Tampouco podemos esquecer que a maioría das aras que aparecen nas nosas terras teñen vinculación con territorios aínda hoxe sacros, como poden ser capelas e igrexas. Temos exemplos cercanos en Erbededo (Razamonde), Trasariz e San Xiao (Amoeiro), onde se conservan aínda hoxe dentro dos templos, nos que sostiveron mesas de altar ou fixeron de pías de auga bendita.

Non hai constancia de que a ara de Bandua de Eiras estivese dentro da igrexa, pero é chamativo que se sitúe só a noventa metros dela.

Estas argumentacións sobre a defensa de que a ara apareceu no seu lugar primixenio quedarían sen efecto dende o momento no que se demostrase documentalmente, e de xeito fidedigno, que foi certo o episodio do agasallo de Cuevillas. Pero... alguén de vós deixaría no seu xardín unha ara bimilenaria que vos regalaran? Non será que existe algunha razón para non movela do sitio e por iso se fixeron a bancada arredor dela e a mesa de pedra?

A principios do século XX sabemos que a Casa Grande de Eiras estaba dividida, e que nunha das súas estancias existía unha taberna, a taberna do Tío Emilio, da que nos fala Luís Tizón, que recollería o seu xenro cubano, EMILIO COMAS PARET, nunha noveliña, Da vendima á zafra. Non é difícil que o Tío Emilio dése aloxamento aos viandantes. Puido ser aquí onde se aloxou Cuevillas cando veu dirixir as escavacións na citania de Lámbrica.

Non deixa de ter certa gracia que un dos primeiros ocupantes do pazo fose Emilio Reburrino e, case dous mil anos despois, outro Emilio rexentase unha taberna nese mesmo espazo.

Finalizar co chamamento ás administracións culturais deste maltratado país para que, dunha vez por todas, se fagan eco da necesidade de protexer o patrimonio cultural.

Sábese que, polo menos desde principios de 2017, a ara de Bandua de Eiras foi removida do seu sitio orixinal, pero ignórase se houbo o asesoramento e os permisos adecuados. Tamén se ignora o actual paradeiro e, vistos os antecedentes, moito me temo que a ara diluirase paseniñamente no esquecemento, mentres que, na veciña parroquia de San Cibrao das Las, a Xunta e os seus amigos -que ignoran todo isto que eu escribo e as denuncias da situación da ara- poñen deliberadamene o nome de *lansbrica no actual centro de musealización da cultura castrexa.

Para os que queren ver hai luz suficiente, pero para os que teñen oposta disposición sempre haberá escuridade.
(BLAISE PASCAL)



Eiras, Xoves Santo de 2018.


Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e do monte do Santrocado: deuses, mouros, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Imprescindibles
 Índice cronolóxico de artigos
 Pescudar nos artigos

© by Abertal