O cruceiro de Piñeiro en San Cibrao das Las, situado a carón da igrexa, é un cruceiro simple pero ben traballado, con peto de ánimas na súa base, na que tamén están traballadas as outras caras, coma a figura algo confusa dun bispo que se podía ver no lado occidental.
O lugar do cruceiro está protexido por esteos de pedra en cada unha das catro esquinas do terreo no que se asenta.
O varal ou fuste é de sección octogonal e ten unha altura considerable. Na súa parte superior adórnase cun colarín.
A cruz, sobre potente capitel cadrado, ten paus de sección romboidal con extremos axasminados e non presenta figuras.
Tamén ten mesa de pedra ou pousadoiro, pero o máis curioso é que polo seu fuste hai
unha serpe que se dirixe cara a cruz. Hai quen di que representa ao pecado, pero a min paréceme a serpe encantada das tradicións inmemoriais, un aceno dos canteiros ás tradicións milenarias das serpes que gardaban as trabes de ouro e de
alquitrán baixo terra.
A cruz cristianizou as tradicións e as crenzas antigas, que permaneceron, dun xeito ou doutro, na memoria das xentes.