Arredor de Lámbrica


Cruceiro de ánimas de Piñeiro en San Cibrao das Las
Cruceiro de ánimas de Piñeiro en San Cibrao das Las

O cruceiro de Piñeiro en San Cibrao das Las, situado a carón da igrexa, é un cruceiro simple pero ben traballado, con peto de ánimas na súa base, na que tamén están a figura algo confusa dun santo bispo xunto con outros relevos.

O lugar do cruceiro está protexido por esteos de pedra en cada unha das catro esquinas do terreo no que se asenta.

O varal ou fuste é de sección octogonal e ten unha altura considerable. Na súa parte superior adórnase cun colarín.

A cruz, sobre potente capitel cadrado, ten paus de sección romboidal con extremos axasminados e non presenta figuras.





Tamén ten mesa de pedra ou pousadoiro, pero o máis curioso é que polo seu fuste hai unha serpe que se dirixe cara a cruz. Hai quen di que representa ao pecado, pero a min paréceme a serpe encantada das tradicións inmemoriais, un aceno dos canteiros ás tradicións milenarias das serpes que gardaban as trabes de ouro e de alquitrán baixo terra.

A cruz cristianizou as tradicións e as crenzas antigas, que permaneceron, dun xeito ou doutro, na memoria das xentes.

Na contorna deste senlleiro cruceiro estaba o portalón derrubado por unhas obras promovidas e autorizadas polas élites da parroquia en 2001.





Anterior ← Ir á galería de fotografías→ Seguinte

Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e do monte do Santrocado: deuses, mouros, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Imprescindibles
 Índice cronolóxico de artigos
 Pescudar nos artigos

© by Abertal