Arredor de Lámbrica


O Penedo do Santo no monte do Santrocado
O Penedo do Santo no monte do Santrocado

Situado a certa distancia ao sur da capela do Santrocado, este curioso penedo está localizado, acompañando a outras formacións graníticas, entre os concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro.

Existe a tradición de que antigamente se dirixían alí as procesións nas celebracións do quince de maio, situando ao Santo na cima desta peneda. Un bolo granítico illado, coa cima practicamente chá e cunha pía que tende á forma cadrada. É un elemento natural pero con modificacións antrópicas intencionadas. Outro caso máis de cristianización de elementos naturais onde o home viu dende sempre manifestacións divinas.

Ten sentido pensar que cando existía ocupación humana na capela (recordemos que alí houbo un castro), aquelas xentes realizarían os seus ritos relixiosos nun lugar coma iste, situado na parte meridional do lugar onde habitaban.

Arredor deste Penedo tamén poderían achegarse as xentes que residían nos establecementos de habitación existentes nos arredores, particularmente en Eiras (Castro Martiño, Ermida...) e na beira do río Miño, como podería ser o caso do importante poboado de Laias.

Neste privilexiado lugar, inzado de formas caprichosas en granito no alto do Santrocado, os ritos e as reunións das comunidades que vivían nas abas do monte seguramente posuirían tamén funcións asemblearias e festivas, e repetiranse durante séculos.

Xa nos tempos do Cristianismo, que superpuxo as súas crenzas ás costumes máis antigas, asistirase neste mesmo lugar durante outros poucos séculos, periodicamente, cada mes de maio, á bendición dos campos da contorna.

Subían en procesión ata a capela as actuais parroquias de Eiras, Las, Laias e Ourantes, e desde alí, ata o Penedo do Santo, rito onde é posible percibir o recordo de celebracións que se perden na noite dos ancestros.

Actualmente xa non se bendicen os agros, ben sexa porque os fitosanitarios e as mellores sementes non fan necesaria tanta axuda divina, ben sexa pola cada vez máis minguada produción e pola fuxida das xentes do rural, ou ben pola fartura que pode adquirirse facilmente nos centros comerciais. O caso é que a encomenda ás forzas sobrenaturais para que protexesen os nosos cultivos xa é historia.

Aínda así, non carece de interese a pervivencia na memoria social deste tipo de costumes que nos acercan ás orixes dos nosos pobos, dos lugares que habitaron e das actividades que realizaron. Pero neste lugar non existe, para non variar, ningún tipo de sinalización nin se coñece actuación algunha de cara a pervivencia e coñecemento deste pequeno anaco da nosa cultura.

Unha vez máis, o abandono do patrimonio cultural, natural e inmaterial por parte das administracións culturais é patente.


(Fotografía realizada en marzo de 2017)


Anterior ← VER GALERÍA→ Seguinte

Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes e do monte sacro do Santrocado: deuses, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Artigos destacados
 Outros enlaces, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal