San Torcado ou Trocado (o nome do santo bispo procede do latín
torquatus, "
o que leva o torque"), é venerado
no cumio do monte que leva o seu nome, entre os concellos ourensáns de
Punxín,
Cenlle e
San Amaro, nunha capeliña situada na altura máxima daquela contorna, enriba do val do río Miño.
A devoción e a festa do San Trocado parecen provir da cristianización de cultos anteriores. As catro parroquias máis próximas, Eiras, As Las, Ourantes e Laias, acudían en procesión polas abas do monte a mediados do mes de maio para "
bendicir" os campos. A procesión chegaba ata un
penedo da parroquia de Eiras, onde se realizaba o rito da bendición. Sempre presidía as cerimonias o abade de
San Cibrao das Las.
Un
día de festa que foi quedando no
esquecemento ante as modernidades e a indiferenza.
Cuevillas relaciona o culto do San Trocado con
Bandua en
Prosas Galegas, afirmando que na cima do San Trocado "
hai dúas ou tres árbores, e unha ermida adicada a ese Varón Apostólico que, por un proceso de cristianización, se puxo no canto dun deus da paganía chamado posiblemente Bandua, a xuzgar por unha ara que se conservaba non hai moito tempo a un cuarto de legua do monte, sostendo unha mesa de pedra na horta do pazo de Eiras".
En
Bande tamén se ten falado dalgún tipo sincretismo entre Bandua, onde se quere ver a posible orixe do topónimo dese concello, e o San Trocado que se venera na
igrexa visigótica de Santa Comba.
É moi posible que Bandua, unha
deidade prerromana de certa importancia, xa sufrira algún tipo de sincretismo coa dominación de Roma. Seguramente por iso na
pátera de Calzadilla aparece unha imaxe que se supón de Bandua con atributos dunha
Fortuna Romana.
En San Cibrao das Las, na cima do castro, na citania de Lámbrica, existe
unha curiosa rocha coa inscrición IOVI, "
a Xúpiter", escrito nunha pedra normal, sen labrar, seguramente posuidora dalgunha virtude para os antigos prerromanos. Poderiamos falar entón da "
romanización" dun culto máis antigo. O incrible é que o perfil desa rocha recorda moito ao do monte do Santrocado. Non lonxe dese lugar, tamén temos outra proba de que os habitantes do castro das Las consideraron a importancia do monte do monte do Santrocado gravando
o seu perfil nun petroglifo.
Algúns autores relacionan a Xúpiter co deus celta
TARANIS. Taranis era o deus do trono e do ceo, atribuíndolle os antigos o poder de controlar as tempestades e tormentas; tamén o encargado de vixiar os ciclos dos días e das noites. Representa a forza e o estrondo das tormentas, do vento e da choiva. Este deus adoita representarse como un home musculoso e barbado que leva nas mans unha roda, símbolo du seu poder sobre o tempo, e un raio.
PENA GRAÑA dinos que
Taranus, Xúpiter/Taranis, era o vello deus indoeuropeo do raio e do fulgor e que "
aparece na interpretatio celto-romana ora como Iuppiter Taraunucus, mencionado segundo Jan De Vries por unha inscrición de Scardona en Dalmacia, ora como I.O.M. Tanaro, mencionado por unha inscrición do 168 d. C. orixinaria de Chester, ora como Taraunucus, mencionado por dúas inscricións de Godranstein, preto de Landau e de Böckingen, xunto a Heilbronn, ambas en Alemaña".
Tamén se relaciona o culto romano a Xúpiter co do deus nórdico
Thor. O atributo de Thor é un martelo. Na
igrexa de Vilar de Perdizes (Portugal) hai un relevo dun home cun grande falo e un martelo na man dereita. Poucos quilómetros ao norte, xa en Galiza, contábase unha lenda dos
mouros que ghindaban martelos polo aire, entre castros: San Millao e A Saceda (Cualedro, Ourense) son dous deles. En Vilar de Perdizes atopáronse dúas aras, unha adicada a
Xúpiter e outra a
Larouco.
A asociación Taranis (ou Thor?) e Xúpiter pode ser intuída -sempre coas adecuadas reservas- en Lámbrica e no Santrocado. Xúpiter, foi o deus romano do raio, a romanización do Taranis céltico, estando presente na inscrición do alto da citania de Lámbrica (IOVI), xa citada, moi cerca da cabana onde estaba
un sollado cun fermoso trisquel ou tríscele.
A fachada da
capela do San Trocado mira cara a
citania de Lámbrica, cara o lugar onde están a rocha coa inscrición
IOVI e a cabana na que apareceu o trisquel, na parte máis alta do outeiro da
Chaira e moi cerca da porta occidental do recinto central da cidade fortificada.
A menos de dous quilómetros, un home de Eiras, chamado
Emilio Reburrino, erixiu unha ara para facerlle ofrendas, xa entre os séculos II e IV despois de Cristo, a
Bandua Lambricae, a ara á que se refería Cuevillas en
Prosas Galegas.
Se fose tardío (séculos III ou IV), poderiamos pensar que se daría un certo "
renacemento" dos cultos ancestrais, coincidente coa decadencia de Roma, xusto antes da chegada da relixión cristiá.
Esta última reutilizará elementos de cultos antigos,
pagáns para eles, no seu propio beneficio, pero, de momento, Emilio Reburrino "
recuperaría" un culto antigo na ara da súa
villa ou casa de campo de Eiras.
Poderiamos, aínda que coa reserva necesaria, concluír que o cristianismo traería, andando o tempo, o culto ao San Trocado no cumio do monte máis alto daquelas terras entre os séculos VI e VII.
No século VI sabemos que
Martiño de Dumio, que chegou a ser bispo de Braga, andaba moi preocupado polos cultos que as xentes daban ás pedras, ás árbores e ás fontes.
O culto ao
San Torcado podería verse entón como substituto de cultos moi anteriores no tempo. O noso santo, coñecido agora como
San Trocado, comparte particularmente con Xúpiter e con Taranis os poderes sobre o raio, pois os máis vellos daquelas parroquias aínda recordan como se "
bendicían" os campos no mes de maio e se lle pregaba ao santo para que protexera aos cultivos das tormentas, tan temidas polas xentes do agro, tormentas que podían ocasionar anos de fame para familias enteiras.
Ademais, a data na que se celebraba a
romaría no coto do Santrocado, tradicionalmente o 15 de maio, vén sendo, para os romanos, a dos
idus dese mes, días consagrados en Roma ao deus máis importante do seu Panteón. Os
idus eran os 15 de marzo, maio, xullo e outubro, e os 13 dos demais meses, e o deus tan importante era
Xúpiter, que, casualmente, tamén coma Taranis, levaba lóstregos na man como atributo nas súas representacións.