Arredor de Lámbrica


O país de Lámbrica
O país de Lámbrica

O Coto do Santrocado, a 550 metros sobre o nivel do mar, é o castro de maior altitude da contorna, na marxe dereita do Miño central, entre Ourense e Ribadavia.

A imaxe está tomada dende a Serra da Corredoira (Cenlle), un monte que estivo coroado por unha capela de San Breixo e que está na parte occidental de Lámbrica e do monte do Santrocado. O sur do Santrocado queda, logo, á parte dereita da fotografía. Á esquerda, ó norte, está a chaira onde se asenta a Cidade de Lámbrica (469 metros s. n. m.).

A Cidade de Lámbrica é o nome do coñecido castro de San Cibrao das Las, onde xa existen evidencias de poboamento dende o Paleolítico. Este nome está baseado na lectura dun ara adicada ó deus Bandua Lambricae, atopada na localidade próxima de Eiras (ver galería de fotos). En Eiras apareceron restos dunha vila romana, na que posiblemente estivo a ara de Bandua.

Ó sur do Santrocado estaba o poboado mineiro do Castelo, entre Laias e Barbantes, na ladeira do monte pero moi cerca do río Miño. A ribeira do Miño está a uns 100 metros de altitude sobre o nivel do mar. O poboado do Castelo xa non existe, pois foi derrubado coas obras da autovía a Vigo.

Entre Lámbrica e o río Miño, en liña recta, hai menos de 4 quilómetros. Por detrás do Santrocado había unha calzada que unía Lámbrica coa Barca de Barbantes, posible porto fluvial por onde este territorio estaría unido ós circuítos comerciais atlánticos na Antigüidade.

Outros dous xacementos castrexos próximos, que non vemos na fotografía pero que estarían máis ó Norte, son o de Beariz e o de Salamonde. Na ribeira do Miño, coñecemos algúns asentamentos romanos dos que quedaron testemuñas como as da fonte de Lagharellos, en Razamonde.

Esta básica rede de poboados xunguidos a Lámbrica estaría completada con multitude de xacementos, algúns deles orixe de aldeas actuais. Neste pequeno territorio que estamos comentando vemos dous: O Castro de Eiras e o Castro Martiño en Xinzo, na mesma parroquia. É posible que o territorio de Lámbrica fose moito máis extenso, chegando ós 6 ou 7 quilómetros de radio, abranguendo terras dos actuais concellos de Amoeiro, do Carballiño e do Irixo.

Tamén vemos a pequena chaira, realmente un interfluvio entre pequenos regueiros, onde están a mámoa e os petroglifos da Ermida en Eiras (ver galería de fotos).

A imaxe ilústrannos sobre a importancia do castro do Santrocado para a propia Lámbrica, xa que esta non dispón de defensas naturais polo sur. Ademais, o Santrocado é un punto básico de control para coñecer os movementos de embarcacións polo río Miño e o tráfico pola calzada que ía dende a Barca a Lámbrica.

Tamén pode apreciarse a relativa proximidade de Lámbrica ó Miño, aproveitándose das vantaxes comerciais do río pero sen estar exposta directamente ós perigos dos portos, que necesariamente han de ubicarse en zonas baixas.


Ver A Cidade de Lámbrica e galería de fotografías en arredordelambrica.webnode.es







Anterior ← VER GALERÍA→ Seguinte

Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes e do monte sacro do Santrocado: deuses, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Artigos destacados
 Outros enlaces, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal