Arredor de Lámbrica


O portalón da reitoral de San Cibrao das Las (San Amaro), un atentado contra o Patrimonio
O portalón da reitoral de San Cibrao das Las (San Amaro), un atentado contra o Patrimonio

Este portalón, da época do Barroco, século XVIII, construído ao xeito das antigas casas fidalgas e dos pazos, daba acceso ó patio da reitoral de San Cibrao das Las, facendo límite co campo da festa, onde é tradicional a romaría do San Brais, presidida polo cruceiro. A altura do muro facía que a reitoral non fose visible dende o exterior.

Tiña o portalón unha fermosa cornixa moldurada e almeas na parte superior, ós lados dun curioso cubo oco de pedra con arquiños. Unha deliciosa mostra do bo facer dos canteiros (a fotografía procede da publicación As Comarcas).

A cachotaría do muro de cerramento procedía na súa maior parte das murallas e das cabanas da citania de Lámbrica, situada na mesma parroquia. Foron destruídos, tanto o portalón coma o cerramento, desaparecendo todas as pedras misteriosamente no mes xaneiro de 2001.

Xusto detrás do muro, onde estaba o patio da reitoral (máis ou menos onde hoxe está situada a falsa "portada" "restaurada") había un lagar, o "lagar do cura", que desfixeron sen piedade. Un elemento etnográfico máis na lista de atentados ao patrimonio no San Amaro. O penso do lagar foi colocado no cemiterio cando remataron as obras.

Dirixíronse innumerables escritos de denuncia á prensa, á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, ó Valedor do Pobo e... ó presidente da Xunta. Todos contestaron moi amablemente, en contraposición coas airadas respostas dalgúns dirixentes parroquiais.

Os promotores da obra nunca deron conta do paradeiro das pedras. A opinión pública chegou a pensar se estas se moverían soas.

En contra dos que denunciamos o atentado patrimonial puxéronse tanto o alcalde do San Amaro coma o concellal de cultura e presidente da asociación de veciños de San Cibrao das Las, ademais do cura e doutros veciños satisfeitos coa obra no "campo da festa", unha obra que seica custou "catro millóns de pesetas", para encher de cemento a contorna protexida dunha igrexa do século XVIII, a súa reitoral e o cruceiro, que alí continúa, cunha grosa serpe no seu varal, por se alguén quixese levalo.

As denuncias só conseguiron que se reedificara un "pastiche" que non conserva nin as pezas nin a disposición orixinais do antigo portalón.

Está demostrado que na súa reconstrución non se utilizaron as pedras orixinais. Estas últimas eran de gran fermosura, especialmente as da cornixa, e moi fáciles de introducir no mercado da restauración de inmobles. Contrastan coa pobreza das molduras que alí se ven actualmente. A base da cruz tampouco é a mesma. Seguramente se trate dunha imitación feita ás présas por algún escultor amigo.

A "reconstrución" deixou así a contorna da reitoral:


Ver máis

















Anterior ← Ir á galería de fotografías→ Seguinte

Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e do monte do Santorcado: deuses, mouras, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Imprescindibles
 Índice cronolóxico de artigos
 Pescudar nos artigos

© by Abertal