Arredor de Lámbrica


Presentación
Este blogue nace en agosto de 2009 co obxectivo e coa ilusión de contribuír ao coñecemento de aspectos pouco tratados na prehistoria e da protohistoria das comarcas ourensás do Carballiño, O Ribeiro e Ourense, na contorna da citania de Lámbrica. Este nome é un antigo topónimo, posible nome orixinal desa grande manifestación do urbanismo castrexo que é a Cidade de San Cibrao das Las e Ourantes, pois figura na inscrición da ara de Bandua de Eiras.

As periodizacións históricas soen ser artificiais, para facilitar o seu estudo, pero neste blogue -adicado a un territorio máis ou menos acotado de ámbito comarcal- mostrarase á Cidade de Lámbrica como nexo de unión entre o seu pasado e o seu futuro, dende o Paleolítico ata o seu abandono en época tardorromana ou protoxermánica.

A Historia vai mudando aos grupos humanos, pero o territorio que os acolle varía moi a modiño ou permanece case inmutable, sendo os seus medios de vida os mesmos durante longos períodos de tempo (gandería, agricultura, minaría...). Case non cambian os fitos territoriais, os montes, os outeiros, os regatos, o sustrato de moitas tradicións... Citarei como exemplo un parágrafo de López Cuevillas en Prosas Galegas, cando fala das procesións católicas da festa do San Trocado que, aínda non hai moitos anos, "(...) coas súas bandeiras de cores, gabeaban polas duras encostas dun monte, esquecidas dos seus antergos castrexos, mais obedecendo óa mandados do seu espírito", aludindo á súa permanencia no tempo, xa que Cuevillas sostiña que o cumio do Santrocado foi un centro de culto precristián. O culto variou, pero é o mesmo monte, son sociedades moi similares con persoas que viven sumisas baixo un poder político e relixioso, segue a ser unha festa, onde os veciños se relacionan, se coñecen, compran ou venden, divírtense... ao lado de pedras e murallas que levan alí miles de anos. Por elo podemos percibir unha certa continuidade no devir das sociedades nun mesmo territorio.

Aínda así, cómpre salientar a trepidante evolución da sociedade actual, que foi quen de construír enormes máquinas e de fomentar grandes obras, especialmente as de infraestrutura pública, moi necesarias pero que a cotío implican destrución de Patrimonio tanto natural como arqueolóxico, etnográfico ou histórico-artístico ó primar as présas e as ganancias económicas ante a conservación do Patrimonio Cultural. A sociedade e os seus gobernantes deberían artellar medidas urxentes para que isto non suceda tan a miúdo, e compaxinar as necesarias infraestruturas e obras coa protección do Patrimonio.

O xacemento máis importante da comarca é Lámbrica, o castro de San Cibrao das Las e Ourantes, como xa vimos. A el diríxense todas as subvencións e todas as campañas de escavación e consolidación, claramente insuficientes, fuxindo de valorar e fomentar adecuadamente o coñecemento, o estudo e a conservación dos restos arqueolóxicos pertencentes a outras épocas e a outros espazos na súa contorna, aínda que se vexan claramente vinculados á propia Lámbrica, como ocorre nos casos do castro do cumio do Santrocado ou da calzada terrestre á ribeira do Miño. Esta última é imprescindible para incardinar a antiga Lámbrica nos circuitos comerciais de longo alcance, que explicarían por si mesmos o crecemento poboacional e físico da citania.

Pero administracións e estudosos oficiais só se interesan polos achádegos que aparecen no propio castro e condenan ó esquecemento moitas posibles probas arqueolóxicas imprescindibles, incluso para a comprensión da propia Lámbrica, que teñen o infortunio de acharse fóra dos límites da citania. Prívase así á ciencia e á sociedade de novos coñecementos dos seus mundos pasados. Ese esquecemento, non sei se intencionado, fai que, paradoxicamente, arrodeen ó castro de San Cibrao das Las manifestacións arqueolóxicas, históricas e artísticas sumidas nun escuro abandono, incluso con serio risco de desaparición.

En canto ás manifestacións arqueoastronómicas ou á relación de xacementos con fitos territoriais, a evidencia das observacións, moitas delas inéditas ou publicadas recentemente, fai que calquera persoa con algo de tempo libre e de interese poida comprobar por si mesma as singularidades comentadas nestes artigos.

Ademais, a presenza de manifestacións arqueolóxicas abandonadas e descoñecidas, que ven a luz a través deste blogue, concédelle tamén un certo carácter de reivindicación. É o caso dos petroglifos da Ermida en Eiras, descoñecidos oficialmente ata a súa difusión a traverso deste blogue.

Non esquezamos que se as fontes arqueolóxicas se abandonan, se perden ou se destrúen, tamén se perderá unha parte importante do noso coñecemento das épocas pasadas. Nós tamén temos unha certa responsabilidade á hora de coidar e conservar o Patrimonio. Cando se visiten xacementos arqueolóxicos, moi especialmente se se trata de petroglifos, non deben pisarse nin manipularse, pois podería dar lugar a danos irreparables e impediríaselle o disfrute da súa contemplación e do seu estudo a moitas outras persoas.

Espero que sexa do agrado dos lectores este pequeno paseo pola curiosa prehistoria e protohistoria comarcal dos arredores de Lámbrica, no que tamén poderán atoparse con algún que outro artigo sobre a xestión do Patrimonio histórico artístico de calquera época, pero sempre cercano ó grande castro de Lámbrica, a Cidade que protagonizou o primeiro artellamento organizado do territorio e da poboación nestas comarcas.

Quero tamén invitar a ese lector interesado a visitar os xacementos, lugares e monumentos dos que se fala nos artigos, pois se coñecemos ben a nosa prehistoria e a nosa historia coñeceremos mellor o noso presente e, en definitiva, coñecerémonos mellor a nós mesmos.

Non podo rematar sen antes agradecer o interese de moitas persoas sensibles e respectuosas coas evidencias arqueolóxicas e coas manifestacións artísticas e etnográficas que nos deixaron os nosos antergos. Un país que protexe o seu Patrimonio será un país culto e rico, cando menos espiritualmente, pero con moitas portas abertas de cara á rendibilidade económica dos vestixios. Para elo, cada un de nós ten que cumprir o seu papel, que implica respecto polo Patrimonio. O interese que vostede amosa cando mira neste blogue é un primeiro paso. Grazas.




Felisindo González Iglesias








Este proxecto non ten finalidade comercial. Autorízase o uso do material gráfico e dos textos orixinais a toda persoa sempre que non sexa para lucro económico. É posible que exista algún material gráfico alleo sen permiso expreso, por ser imposible contactar cos seus autores. Se vostede, como autor, considera lesionados os seus dereitos e desexa retirar algunha reprodución que considere propia, fágao saber, por favor, na seguinte dirección de correo electrónico:

arredordelambrica[arroba]hotmail.com






"Felix qui potuit rerum cognoscere causas"
(P. Vergilius Maro)









http://www.blogoteca.com/lambrica/
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes, do monte do Santrocado e do Castelo de Laias: deuses, mámoas, petroglifos, castros, xentes...

 Artigos destacados
 Outros artigos, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal