Arredor de Lámbrica


A fonte romana de Lagharellos
Fonte de Lagharellos, nos anos noventa do século XX
Lagharellos (así, con gheada, era como lle chamaban os nosos maiores) é un fermoso recuncho da parroquia de Razamonde, no concello ourensán de Cenlle e na marxe dereita do tramo central do río Miño. Este lugar está situado ó sur do monte do Santrocado, punto de referencia na arqueoloxía do Miño Central e dos Chaos de Amoeiro por ser un centro cerimonial dende o mundo antigo. Vinculada á inmediata Cidade de Lámbrica (castro de San Cibrao das Las-Ourantes), esta ribeira posúe abundantes –e esquecidos- restos históricos, etnográficos e paisaxísticos que, aínda hoxe, na sociedade da información e da “cultura” continúan a ser pouco valorados.

A dous ou tres quilómetros desta pequena aldea ribeirá de Razamonde está o embarcadoiro de A Barca, pequena aldea con aires de vila e algúns negocios, tendo alí parada o ferrocarril Ourense-Vigo e que por iso lle trocaron o nome polo de “Barbantes-Estación”. Dende esta aldea existe un camiño tradicional, posible calzada antiga, que remata ás portas do castro da Cidade de Lámbrica, xa nos concellos de Punxín e San Amaro, coñecido habitualmente como Castro de San Cibrán de Las.

O aumento de poboación que deu lugar á Cidade de Lámbrica puido ter moito que ver con esta interesante vía de comunicación que, partindo de A Barca, enlazaría Miño abaixo coas rutas de navegación atlánticas da Antigüidade.

Este gran centro castrexo, unido ó punto de vixía do Santrocado, exercería a supremacía política, administrativa e económica sobre os territorios da contorna dos que aproveitaba os seus recursos agropecuarios e minerais, moi especialmente na época romana. Existen restos de explotacións mineiras a distancia máis ou menos moderada de Lámbrica, coma os do Puzo do Lago (Maside)ou os montes inmediatos á Serra da Madanela, entre as terras de O Carballiño e O Irixo. Pero tamén existen vestixios de explotacións romanas en toda a ladeira sur do Monte do Santrocado, onde estaba o poboado mineiro do Castelo de Laias.

O Castelo de Laias foi totalmente derrubado para a construción da autovía das Rías Baixas (A-52) nos anos noventa do século XX, destacando o silencio de gobernantes, veciños e comunidades de montes. Fixeron unha escavación "de urxencia" que foi a acta de defunción do milenario poboado romano, dos seus depósitos de lavado de mineral, das súas conducións de auga, das súas edificacións e de innumerables restos que aparecían (moedas romanas, muíños de man, restos de fusaiolas…)

A un quilómetro ó oeste deste poboado do Castelo de Laias está Lagharellos. Atopamos alí construcións tradicionais con restos de antigos lagares, canalizacións, fermosos muros de pedra, e, ó final do camiño –cruelmente pavimentado de cemento electoralista- unha fonte romana con arco de medio punto, unha verdadeira xoia na arqueoloxía e na etnografía do concello. Pero esta fermosura de fonte atópase totalmente abandonada pola desidia de habitantes e gobernantes.

Realizada en granito, a fonte está cuberta por bóveda, tamén de pedra. Ó non poder acceder a ela non é posible facer unha descrición máis completa. Ó abandono habitual que permite o crecemento das silveiras únese o maltrato ó que foi sometido o monumento pasando por enriba del nada menos que a flamante autovía A-52, a asasina do veciño poboado mineiro do Castelo de Laias, que tamén ocasionou movementos de terras que sepultaron parcialmente a fonte de Lagharellos.

A fotografía que encabeza este artigo foi realizada nos anos noventa, antes de existir a autovía. Actualmente é imposible ver o monumento (ver o estado actual). A importancia arqueolóxica do lugar, a fermosura das súas corredoiras, a vexetación na que dominan os corticeiros ou sobreiras, as preciosas vistas sobre o río Miño, non son impedimento para que xurdan construcións que non respectan a contorna nin para que se enchan de cemento desmesuradamente as tradicionais corredoiras, incluso ata a entrada da propia fonte romana, descoidando con evidente desprezo os nosos restos patrimoniais e a nosa paisaxe.

A carón da silveiras que oculta a fonte romana existe un panel informativo que di así (sic):

“FONTE DE LAGARELLOS
É unha fonte de captación de auga sen pozo, posiblemente para limpar os minerais de ouro e estaño que se extraían nas ladeiras do monte onde se atopan varias bocaminas de época prerromana-romana e que o confirma os restos dun lavadeiro de mineral existente máis abaixo da fonte, nunha propiedade privada, moi preto, xunto con condutos de auga labrados en pedra e cimentación de construcións presumibles da mesma época.
Fonte de construción sumamente singular, de forma abovedada, asentada sobre un xacemento romano.”


A boa orientación do lugar e un microclima excelente para o cultivo do viño debeu favorecer a fundación dalgunha mansión ou vila romana. Penso que esta fonte, pola súa monumentalidade e a súa situación na cima da aldea, tivo que servir para satisfacer as necesidades domésticas desa mansión e do poboamento que se iría asentanto arredor dela.

A preguiza manifestada na conservación de tan importante lugar fará, coma sempre, que se vaian perdendo posibilidades de coñecer o noso pasado e a nosa historia, unha teima constante das administracións cos claros obxectivos de que sexamos un pobo culturalmente estéril.

Grazas as administracións por deixarnos, cando menos, o panel informativo, aínda que lles recomendo no esquecer que, en pouco tempo, tamén o propio panel estará cuberto polas silveiras.
ESTADO ACTUAL DA FONTE DE LAGHARELLOS
Ver a foto do cartel informativo da fonte romana de Lagharellos
Artigo publicado o 02-04-2011 11:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes e do monte sacro do Santrocado: deuses, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Artigos destacados
 Outros enlaces, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal