No Carballiño contamos coa fermosa Igrexa da
Vera Cruz (a "
Verdadeira Cruz", en latín) obra do arquitecto
Antonio Palacios Ramilo (1876-1943). A súa erección estivo chea de problemas, solventados grazas ás xestións e ós traballos do párroco Don Evaristo Vaamonde. As penalidades económicas, en plena posguerra, supoñen que a obra de Palacios, que incluía un hostal de peregrinos, unha cripta e unha
contorna axardinada que el mesmo deseñara, non puideran levarse a cabo na súa totalidade.
Hoxe só contamos cun fermoso templo ?que non é pouco- e que mantén unha zona de xardín na súa cara Sur, con empedrado de granito. O templo foi declarado Ben de Interese Cultural (B.I.C.) en 1995.
Dende eses anos estívoselle a dar voltas á ?
urbanización? da praza que arrodea o templo, unha vez adquiridos polo Concello os terreos do lado Norte: Políticos de un lado, do outro (e do outro tamén), técnicos de cada lado político, ideas que veñen e van, Comisións de Patrimonio que autorizan cousas inautorizables, acólitos que xustifican o inxustificable...
O caso é que xa se iniciaron as obras, cunha respectable cantidade económica de presuposto, maquinaria pesada, que provocou a aparición de fendas no propio templo,
FORMIGÓN (¡o omnipresente formigón!), destrución de xardíns xa existentes... En definitiva, deshumanización.
Están a estragar unha importante superficie que arrodea o templo polo seu lado Norte, onde, ademais, queren facer ¡unha rúa!. Non deixa de ser curioso que se ande a peonalizar o centro da vila e que trate de encherse de tráfico un fermoso entorno como é o da Vera Cruz.
Ademais, o xardín e o empedrado de granito natural que hai na parte Sur, feito nos anos setenta, tamén corre risco de ser vítima da destrución e da
FORMIGACIÓN. Non consideran posible facer a parte Norte similar á parte Sur, por iso queren destruír a parte Sur para que non sexa diferente ós muros de formigón do lado Norte. Tería chiste se non estiveramos a falar dunha importante obra artística, símbolo do Carballiño actual e Ben de Interese Cultural.
Descoñezo o proxecto de axardinamento orixinal do arquitecto
Palacios, que o contemplaba, pero estou seguro que, coñecida toda a súa obra, non incluiría bloques de formigón e pavimento do mesmo material, imitando un ?cementerio rural?, segundo a idea dalgún descoñecido e pouco lucido arquitecto actual.
Os promotores da actual urbanización deberían haber retomado as ideas orixinais de
Palacios (aínda que só fose a idea, non o proxecto) para completar a contorna do templo e facer unha obra que fose orgullo dos carballiñeses e dos seus construtores.
Aínda que así non fose, hai mil e unha formas de trazar unha praza sen danar para sempre a contorna dunha fermosa Igrexa declarada B.I.C. e deseñada polo arquitecto español máis importante do século XX,
Antonio Palacios.
Actualmente creouse unha plataforma veciñal, co
slogan ?
O Carballiño esixe respeto?, para tratar de parar e reconducir as obras da praza. Esperemos que o consigan.
Salvando as distancias, existe un paralelismo na comarca que quero recordar: o
portalón da Reitoral de San Cibrao das Las, a parroquia onde está unha parte do castro de
Lámbrica. Alí tamén ?grazas á "
protección" dispensada por políticos e técnicos- foi posible destruír unha contorna barroca dunha parroquial rural galega, co seu
portalón de almenas apuntadas, que desapareceu, e coa pavimentación dun enorme
bloque de formigón que cubriu toda a praciña.
Veña FORMIGÓN!. As obras fixéronse en 2001, pero daquela, lastimosamente, non se constituíu ningunha plataforma.
Por iso se "
legalizaron" as obras da contorna e, actualmente, o destinatario das pedras do portalón mostrará orgulloso ás súas amistades unha portada barroca do século XVIII, pois a que agora instalaron en Las
non é a orixinal.
Recomendo a visita a ese lugar, onde aínda teñen en pé a igrexa con cabeceira e sancristía datadas en 1739. Unha vez alí, ollando cara o Nacente, veremos a silueta do
Castro de Lámbrica, onde instalaron un enorme edificio, enclavado na propia lomba onde se asenta o importante xacemento, que rompe para sempre a estética do lugar e que deixa patentes algunhas das
virtudes que posúen os nosos políticos e técnicos de Patrimonio.
Conclusión: o sentido común perdeuse nas Administracións Públicas. Se non respectan a contorna dun Ben de Interese Cultural como é a Vera Cruz, se non respectan a disposición tradicional dos adros das nosas aldeas, se non respectan a contorna do castro máis grande de Galiza, que xa tiña que ser B.I.C e aínda non o é, se manteñen os castros do propio Concello de O Carballiño (
Castro do Mosteiro, por exemplo) en total abandono... ¿considerades que o Patrimonio artístico e histórico galego está protexido?
Penso que as agresións máis grandes ó Patrimonio galego ?incluso ó patrimonio natural- non as producen nin o paso do tempo nin as accións dos particulares. Cada un que saque as súas conclusións. O certo é que, visto o interese das Administracións Públicas, as primeiras obrigadas por lei a protexer, promover, estudar e difundir o Patrimonio, se a poboación non se sensibiliza nin se moviliza, non hai nada que facer.