Arredor de Lámbrica


O solsticio de verán no castro de San Vicenzo (Avión)
Solpor solsticial de verán en San Vicenzo (Avión)
Os 610 metros de altitude do castro de San Vicenzo en Avión (Ourense) permiten que sexa fácil seguir o curso do Sol ata que se oculta pola Serra do Suído.

Na fotografía, tomada o 24 de xuño, podemos confirmar como catro das cazoletas da rocha que presentamos nun artigo anterior seguen unha liña, aínda que lixeiramente curva, cara o solpor do solsticio de verán. En todo caso, as dúas coviñas máis adiantadas –e tamén as máis nidiamente marcadas nesa liña- forman unha contundente recta que se dirixe exactamente ó solpor solsticial.

Non sabemos o porqué de tan misterioso aliñamento, pero constitúe unha manifestación do interese que os homes que habitaron aqueles montes mostraban cara os fenómenos astronómicos, e cara o fermoso contorno natural que os arrodeaba.

Segundo Barandela Rivero e Lorenzo Rodríguez, as coviñas ou cazoletas desta rocha do castro de San Vicenzo “compoñen unha aliñación de 4, aparecendo outras dúas espalladas anarquicamente”.

Tamén pode constituír un exemplo da pervivencia de ritos e manifestacións cultuales anteriores que foron conservadas nos recintos centrais dos castros.

Cesáreo Rivera, no século XIX (citado na voz "Avión" da Gran Enciclopedia Galega) di que no recinto do Castro de San Vicenzo "...se encuentra una imagen de piedra, de 1 m. de altura y de probable factura bizantina, que equivocadamente es para los montañeses la estatua de San Salvador". É un magnífico exemplo da pervivencia do carácter sacro de moitos recintos, aínda que muden as tradicións e as crenzas.


BIBLIOGRAFÍA

BARANDELA RIVERO, I; LORENZO RODRÍGUEZ, J. M.: Petroglifos de Ourense. Reflexións a un primeiro reconto da arte rupestre prehistórica na provincia. Deputación provincial. Ourense. 2004.




Artigo publicado o 25-06-2010 00:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes e do monte sacro do Santrocado: deuses, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Artigos destacados
 Outros enlaces, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal