Arredor de Lámbrica


Os petroglifos de San Estevo de Vilamoure (Punxín)
Horizonte SSW dende os petroglifos de San Estevo
Nunha publicación de 2004, de Barandela Rivero e Lorenzo Rodríguez1, obtiven os datos de dous grupos de petroglifos situados na parroquia de San Estevo de Vilamoure, no concello de Punxín (Ourense). Trátase dos petroglifos das Chairas, distribuídos en catro rochas, e os da Pedra da Silva, repartidos en dúas penedas.

Na descrición que fan os autores falan de cazoletas (coviñas), en número diverso en todas as rochas. Pero nunha da das Chairas falan, ademais, de “tres círculos simples con cazoleta central, estos aproveitando protuberancias naturais da rocha, aparecendo os deseños en altorreleve”.

En todas as rochas citadas os autores mostran bibliografía relacionada coa corrección de impacto do ramal de gasificación Pontevedra-Ourense
2, polo que deduzo que os xacementos foron descubertos nas prospeccións arqueolóxicas co motivo das obras do citado ramal. Ó igual que acontece en outros moitos lugares, os xacementos só se nos manifestan cando se realizan grandes obras públicas, ignorándose moitas das riquezas arqueolóxicas que poden permanecer a escasos metros.

Nestas épocas de crise ó mellor non é o mais adecuado pedir que se realicen mais prospeccións, pero, cando menos, deberían darse facilidades para a visita daqueles xacementos que xa coñecemos. Pero o caso é que nos foi imposible atopar as rochas das Chairas e da Silva. As xestas, gardiáns permanentes do patrimonio, impedíronnos acceder a estes grupos de petroglifos, quedando, unha vez máis. patente a desidia das nosas administracións culturais nas súas elementais obrigas de coidado e de valoración dos bens patrimoniais.

A importancia que eu lle dou a estes grupos de petroglifos ten que ver coa paisaxe que dende eses lugares podemos observar cara o Sur-Suroeste. Antóllaseme que os gravadores das rochas das Chairas e da Pedra da Silva non deberon ser alleos a ese precioso horizonte que vemos na fotografía, feita dende as inmediacións da Pedra da Silva: A pouco menos de catro quilómetros érguese maxestoso o Coto do Santrocado e, un pouco á dereita, a parte superior da chaira onde se asenta a Cidade de Lámbrica. Un horizonte moi parecido, aínda que con distinta orientación, ó que se observa dende os
petroglifos de Paciños, entre O Carballiño e O Irixo.

A abundancia de rochas e unha ampla visibilidade da paisaxe circundante dan pé a pensar na existencia de mais conxuntos de petroglifos. Como complemento a esta suposta riqueza arqueolóxica teríamos que citar a presenza na parroquia doutro castro de pequenas dimensións, e -ó Nordés, á beira do río Barbatiño- do castro de Santa Mariña, xa na veciña localidade de Listanco (Maside).

Todos estes lugares deberon posuír algún tipo de dependencia da Cidade de Lámbrica, ou de entidades de poboación anteriores ó período castrexo e presentes no mesmo lugar. Só así pode ser explicada a potencia arqueolóxica que posúe, e da que aínda son moi visibles os restos, a Cidade coñecida como de San Cibrao das Lás pero que, para ser máis exactos e máis xustos, deberíamos denominar como Cidade de Ourantes e das Lás, pois pertence a estas dúas parroquias, ubicadas respectivamente nos concellos de Punxín e de San Amaro.

Pero agora, a aínda pouco coñecida riqueza arqueolóxica e a marabillosa paisaxe da parroquia de San Estevo de Vilamoure e arredores están en entredito co proxecto dun parque industrial, que están a piques de construír. Eu non estou en desacordo cos parques industriais, pero tanta obra nunha contorna de tanta importancia arqueolóxica e paisaxística dáme moito, moito medo.


BIBLIOGRAFÍA

(1) BARANDELA RIVERO, I; LORENZO RODRÍGUEZ, J. M.: Petroglifos de Ourense. Reflexións a un primeiro reconto da arte rupestre prehistórica na provincia. Deputación provincial. Ourense. 2004. ^

(2) AMADO REINO, X.; MARTÍNEZ LÓPEZ, M.C.; SANTOS ESTÉVEZ, M.: “La Arqueología en la gasificación de Galicia 5: Corrección de Impacto del Ramal Pontevedra-Ourense”. Tapa 7. Grupo de Investigación en Arqueología del Paisaje. Universidade de Santiago de Compostela. 1998. ^
Enlace a blog con interesantes fotos de San Estevo
Artigo publicado o 23-06-2010 16:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes, do monte do Santrocado e do Castelo de Laias: deuses, mámoas, petroglifos, castros, xentes...

 Artigos destacados
 Outros artigos, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal