Arredor de Lámbrica


Petroglifos da Ermida: astronomía e territorio?
Mapa  da contorna de San Cibrao das Las e Eiras
Ver artigo en castelán e lámina comparativa


Este artigo é unha recompilación de todas as observacións feitas nos petroglifos da Ermida ata hoxe e da súa posible vinculación co territorio circundante do outeiro da Chaira de San Cibrao das Las. Na Idade do Ferro edificarase o castro que aínda hoxe podemos visitar, ostentando unha férrea primacía sobre o territorio dos arredores, froito das características dese outeiro (visibilidade, existencia de auga...). Pero nada impide que a devandita primacía, dalgún xeito, puidera xa existir dende as primeiras épocas do megalitismo.

Os petroglifos da Ermida
Tendo en conta as características da rocha, que permiten dende a súa parte oriental unha cómoda observación do horizonte Oeste, fixámonos nos seguintes eventos astronómicos que teñen relación cos solpores:
1.- Nos solsticios de verán, arredor do 21 de xuño, os petroglifos A e B están en liña co punto de solpor. É un feito indiscutible, aínda que non poidamos probar de momento tal intencionalidade.
2.- Os petroglifos E e A forman unha liña que se aproxima moito ó Norte magnético. Igual que o anterior, tamén un feito indiscutible, aínda que dubidemos da intencionalidade dos seus gravadores.
3.- Os petroglifos A e D tenden a aliñarse co punto de solpor nas épocas do solsticio invernal, arredor do 21 de decembro. Aínda que tal aliñamento, en épocas actuais, non chega a producirse ó 100%, é posible, sen embargo, que en épocas anteriores ó 3000 a. C. ambos petroglifos formaran unha liña recta co Sol poñente nas datas solsticiais de inverno. O máis sorprendente é que a prolongación desa liña A-D cara o Nordeste parece apuntar cara o castro de San Cibrao das Las, distante 2 quilómetros, pero sen visibilidade directa.
4.- Os petroglifos A e C forman liña recta co solpor algúns días despois do equinoccio de primavera, arredor de 11 días. É dicir, faltando 81 días para o solsticio de verán. Por lóxica, o aliñamento volverá a producirse 81 días despois do solsticio de verán, ou sexa, arredor do 10 de setembro, cando falten 11 días para o equinoccio outonal.

A cronoloxía que manexan os prehistoriadores para os petroglifos da tipoloxía dos A, B, C e D da Ermida fala dun longo tempo entre os finais do Neolítico e a Idade do Bronce. De finais do Neolítico proceden tamén as tradicións megalíticas, das que posuímos nesta zona dous exemplos: unha mámoa inmediata ó castro das Las e outra mámoa inmediata á rocha dos petroglifos da Ermida. A mámoa do castro das Las é unha das pegadas que deixou o home en tempos anteriores á Idade do Ferro nese lugar.

O castro de San Cibrao das Las
No alto onde actualmente existe o castro de San Cibrao das Las existe unha ampla visión do territorio circundante. Na súa parte central hai vestixios dun recinto sacro e, pegadas á muralla interior, atopamos dúas pedras orientadas, unha delas romanizada cunha dedicatoria a Xúpiter. Na construción da muralla esta rocha e a súa compañeira foron respectadas, polo que podemos supor que algunha tradición milenaria dos construtores castrexos debeu impedir a súa destrución. Os romanos poríanlle, atendendo á súa importancia simbólica para os poboadores do castro, a inscrición “IOVI”. A orientación de ambas rochas é Norte-Sur, deixando un oco Leste-Oeste coincidente cos solpores equinocciais ou próximos ós equinoccios.

Dende o alto do castro de San Cibrao das Las, se seguimos os eventos astronómicos dos que xa falamos máis arriba (os solpores solsticiais e os solpores próximos ós equinoccios), vemos que as liñas rectas ata as postas de Sol desas datas pasan por territorios que consideramos especiais, que marcamos no mapa como B, C e D, coincidentes con zonas húmidas e próximas ó nacemento de regatos (un ramal do Lavandeira, o da Reguenga e o de Farcixo, respectivamente). O punto D tamén se aproxima moito ó lugar onde está a rocha dos petroglifos da Ermida.
O punto E, que corresponde na rocha co petroglifo máis atípico (unha coviña de pouco diámetro, posiblemente máis tardía que as figuras anteriores) coincide no mapa topográfico ó Leste do cumio do monte do Santrocado, a máxima altura da contorna, a 550 metros. É curioso que tamén alí nace un regato, ó Sur da parroquia de Ourantes.

A inquietante coincidencia
No mapa da contorna (baseado no mapa topográfico 1:25000, folla 187-III) podemos apreciar como o deseño dos petroglifos da Ermida parece reflectir a distribución de zonas importantes para os poboadores anteriores á Idade do Bronce, particularmente as zonas húmidas que coinciden co nacemento dos cursos de auga da contorna. Nunha sociedade, que se supón máis gandeira que agricultora, a distribución dos pastos e a idoneidade estacional para os seus aproveitamentos levaría a un control cronolóxico dos movementos de gando. Dende o alto dos outeiros –neste caso o outeiro do castro das Las- decidiríanse as tarefas a realizar en cada época do ano. Igual que en moitas outras sociedades antigas, os grupos dirixentes estarían moi unidos ou identificados cos grupos relixiosos, concedéndolle así un carácter sacro a determinados territorios que será herdado ó longo dos tempos, aínda que mude o sistema cultural ou a relixión. É o que debeu acontecer co cumio do outeiro do castro das Las tanto coa chegada dos romanos, que inscribirían "IOVI" nunha rocha, coma co cristianismo, gravándose cruces en laxas próximas.

É posible que os gravadores dos petroglifos da Ermida, a través dos solpores solares, foran capaces de trasladar á rocha a visión do territorio circundante da que gozaban dende o alto das Las, podendo así seguir os movementos estacionais ou os ritos que sinalaría unha élite instalada no outeiro das Las, posiblemente xa un lugar importante para os poboadores daquelas terras, primacía incipiente que se desenvolverá co tempo e que terá o seu apoxeo na Idade do Ferro e na época romana, cando se constrúa o famoso castro.

A diferente tipoloxía e o maior tamaño do petroglifo A da Ermida, con liñas radiais e maior número de liñas concéntricas, fai pensar nese gran centro cultual que permanecerá ó longo do tempo na parte central do castro. A relación entre ese petroglifo e os seus compañeiros na Ermida é a mesma que, a diferente escala, manteñen o castro das Lás e os nacementos dos cursos de auga sinalados no mapa.

É posible que os petroglifos da Ermida, ademais dun marcador estacional ou cronolóxico (calendario), mostren a disposición de distintos territorios (mapa) ós que irían movementos estacionais de gando ou nos que se realizaban labores agrícolas en determinadas épocas do ano, ás que posiblemente acudirían todos os poboadores da contorna: máis ó Sur nas invernías e máis ó Norte, cara as zonas húmidas, en épocas estivais, onde habería pastos máis abondosos. A existencia de lugares con nacemento de correntes de auga abundantes non pasou logo desapercibida para aqueles primeiros poboadores que se repartían o territorio dende o alto do outeiro de San Cibrao das Las, a futura Lámbrica.
Ver imaxes
Artigo publicado o 03-04-2010 20:56
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes e do monte sacro do Santrocado: deuses, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Artigos destacados
 Outros enlaces, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal