Arredor de Lámbrica


Os camiños do Sol
Os camiños do Sol, cara o solpor
Moitos dos artigos deste blogue fan alusión a puntos de solpor en diversas épocas do ano. As observacións feitas en petroglifos (petroglifos da Ermida en Eiras, petroglifos no castro de San Vicenzo de Avión) ou en lugares salientables (pedras de Xúpiter no castro de Las, pedra da Saínza, castro e capela do Santrocado) relacionáronse con eses puntos de solpor, en solsticios ou en equinoccios.

Ó longo dos artigos repítense moitos ángulos acimutais, non doados de calcular. De feito, algunhas medidas posúen unha lixeira variación, ben por desprezar a declinación magnética, que actualmente pasa dos 3º, ben pola irregularidade das superficies das rochas, pero tamén -hai que recoñecelo- pola inexperiencia. Pero elo non impediu que os aliñamentos deste blogue fosen todos comprobados empiricamente mediante a observación directa.

Cos esquemas adxuntos téntase explicar cal é a procedencia desas medidas de ángulos acimutais e, de paso, expoñer os camiños que recorre o Sol ó longo do ano. Temos que imaxinarnos que estamos de fronte ó punto Norte e que levantamos a vista cara o ceo, ó punto máis alto, que coincidirá xusto enriba de nós. Temos que imaxinarnos que o ceo é o círculo que hai no esquema número 1, e que o punto máis alto que está enriba de nós é precisamente o centro dese círculo. Á nosa dereita quedará o punto Leste, e a nosa esquerda o Oeste. Xa estamos orientados. Agora só temos que pensar que esa circunferencia tan grande está dividida en 360 partes iguais, sendo o Norte o punto 0, ou sexa, 0º.

O Sol sae pola parte Leste, máis o menos onde temos a man dereita. Pero isto só é plenamente certo nos equinoccios, que coinciden coa entrada das estacións intermedias (primavera e outono). Na bóveda celeste que improvisamos no esquema número 1 podemos ver o camiño do Sol nos equinoccios representado pola frecha verde. No calendario actual as datas dos equinoccios son, aproximadamente, o 21 de marzo e o 21 de setembro, pero é un fenómeno astronómico que nada ten que ver co calendario. É ó revés: os calendarios son un recurso que o home inventou para predicir e controlar o tempo. Pero os calendarios nin sempre foron iguais nin tampouco son perfectos, astronomicamente falando.

Os solsticios son aquelas épocas do ano nas que o Sol circula polo ceo por un dos carrís laterais: No solsticio de verán circulará máis á dereita (frecha amarela no gráfico, recordando que a bóveda debemos vela por enriba das nosas cabezas) e, no solsticio de inverno máis á esquerda (frecha branca). Cómpre dicir que os cambios de carril non son como os que facemos os humanos nas autoestradas: son cambios case imperceptibles, paseniñamente, día tras día, só ben visibles co transcurso dos meses.

A explicación destes cambios atopámola na inclinación do eixe de rotación da Terra e no movemento de translación (dise así) arredor do Sol. Nas nosas latitudes, as consecuencias máis importantes son as variacións estacionais, ás que se adaptaron plantas, animais e o propio home. Este último, observador e intelixente, descubriu hai xa algúns milenios que as variacións do camiño do sol ían paralelas ós cambios de estación, sendo logo importante a súa predición para anticiparse ás labores agrarias propias de cada tempo. Por iso ideou métodos de sinalización que lle advertisen da chegada de novos ciclos ou estacións. Os cambios de carril do Sol son máis perceptibles no horizonte, onde o sol sae (abrentes) ou onde o Sol se pon (solpores), polo que moitas desas sinalizacións orientaranse cara os puntos dos abrentes ou dos solpores.

No esquema 2 vemos como rematan os camiños do gráfico 1 cando se ocultan por detrás do horizonte, nos solpores. Así, podemos ver con máis nitidez como varían os puntos de solpor. Nos equinoccios o sol ocúltase, aproximadamente, ós 270º acimutais. Pero no verán os solpores serán á dereita, aproximándose ós 300º acimutais (o solsticio de verán é, co actual calendario, cara o 21 de xuño), e no inverno o sol esconderase máis ó sur, cara os 230º acimutais (cara o 21 de decembro, aproximadamente). A palabra solsticio significa, etimolóxicamente, sol quieto, referíndose a que a variación do sol no horizonte cara o Norte ou cara o Sur detense nas datas solsticiais, volvendo cara o punto equinoccial. O Sol non voltará a poñerse polo mismo punto solsticial ata despois de un ano.

A sinalización destes eventos pode facerse con diversos sistemas, dependendo da sofisticación da civilización que os use. Entre os máis simples están os aliñamentos atopados nas terras de Lámbrica (Eiras, Santrocado, castro de Las...), e que consisten no trazado dunha liña que sinala o punto de solpor buscado. Estas liñas poderían estar realizadas con dous petroglifos, con pedras ou con postes de madeira.

Ademais, estas sinalizacións tamén están relacionadas con ritos relixiosos e funerarios, tal e como podemos ver en outros lugares (Pirámides en Exipto, sepulcros megalíticos...), e que tamén podemos sospeitar coa erección de moitos edificios cristiáns en observatorios prehistóricos, como debeu ocorrer na capeliña do Santrocado.

Os petroglifos da Ermida, calendario astronómico
Solsticio de inverno no Santrocado
O solsticio de verán nos petroglifos da Ermida
Artigo publicado o 31-12-2009 16:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes e do monte sacro do Santrocado: deuses, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Artigos destacados
 Outros enlaces, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal