Arredor de Lámbrica


O cuadrúpedo de Cuevillas
Debuxo de Cuevillas, dun anel atopado en Lámbrica.
Na páxina 13 do Boletín da Real Academia Galega número 169 (A Coruña, 1 de marzo de 1925) aparece esta curiosa ilustración, un debuxo de Florentino López Cuevillas. O artigo no que se inserta, tamén de Cuevillas, titúlase A citania do monte “A Cidade” en San Ciprián das Lás (Concrusión). Nel danse referencias dalgúns achados, case todos cerámicos, realizados naquela época no xacemento da Cidade de San Cibrao das Las, a Cidade de Lámbrica.

Segundo Cuevillas, o debuxo corresponde a unha pedra de anel, unha cornalina oval de 11 por 7 milímetros, que ten gravada “fondamente a figura d’un cuadrúpedo d’identificación pouco doada no que cicais se poda recoñecer a un cáprido”. Tamén nos di que nun xacemento portugués foi achada unha pedra de anel semellante.

Podería tratarse dun selo utilizado en moitos pobos antigos para darlle autenticidade a documentos, o que nos estaría a falar dunha vida administrativa esperada nun xacemento do calibre do castro de Lámbrica, do que sospeitamos relacións comerciais a través da ruta fluvial do Miño cara o Atlántico, relacionadas coas explotacións mineiras do contorno.

Velaí queda o debuxo de Cuevillas para os que, coma min, ignorasen tan orixinal deseño. A identificación como cáprido fíxoa o autor, pero a identificación será cousa de cada quen, pois tamén podería tratarse dun cabalo ou dun animal fantástico.

A impresión que a min me dá é a dun cuadrúpedo (cáprido ou cabalo?) atravesando o río, pois na base da pata dianteira parece quererse representar unha superficie acuática e a postura da pata traseira, excesivamente erguida para dar un paso, é a normal dos cuadrúpedos cando andan pola auga, xa que lles facilita o desprazamento.

O que é indiscutible é que o deseño do cuadrúpedo -cáprido ou cabalo- constitúe unha obra de arte dos primeiros poboadores organizados dos concellos de San Amaro e Punxín, que tiveron a súa capitalidade na Cidade de Lámbrica, ese gran castro do que aínda hoxe podemos contemplar os seus alicerces.

Sabe alguén do paradeiro deste anel?
Ver artigo A Lámbrica de Mela
Ver artigo A ara de Eiras e Lámbrica
Ver o artigo A Ciudá das Lás: Lámbrica
Artigo publicado o 11-12-2009 10:26
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes, do monte do Santrocado e do Castelo de Laias: deuses, mámoas, petroglifos, castros, xentes...

 Artigos destacados
 Outros artigos, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal