Arredor de Lámbrica


Os ángulos acimutais das liñas dos petroglifos da Ermida
Petroglifos da Ermida, Eiras.
A orientación dos petroglifos da Ermida (Eiras, San Amaro) nos artigos e gráficos anteriores non foi medida con excesiva precisión, polo que aportarei estas novas medicións dende o petroglifo principal (A), feitas coa axuda dunha brúxula e corrixidas para facer coincidir os 0º acimutais co Norte xeográfico.

As brúxulas indican o Norte magnético, que non coincide co xeográfico e, enriba, varía ó longo do tempo. Para o lugar da Ermida, a declinación magnética é de, aproximadamente, 3º 24? W no mes de decembro de 2009, cando se fixeron as medicións. Por comodidade, para transformar os ángulos desprézanse os minutos, restándolle sempre 3º ós obtidos coa brúxula. Na ilustración danse tanto os ángulos con referencia ó Norte magnético como os que corresponden ó norte xeográfico (estes últimos debaixo das columnas azimutal).

Nos anteriores artigos non se tivo en conta esa declinación porque os diámetros das coviñas dos petroglifos permitían unha certa marxe á hora de relacionar os aliñamentos coa posición do sol no horizonte. Cos datos da nova medición e coas pequenas diferenzas que xorden, seguen a ser válidas as conclusións ás que se chegaron nos artigos anteriores, o que é proba de que as medicións eran váidas, pese a súa pouca precisión. A diferenza máis acusada é a do aliñamento D-A que é de 6º, pero a orientación cara o castro de Las segue a producirse se a comprobamos nun mapa, ós 47º acimutais.

O programa Cartes du Ciel (Cartas Celestes) de Patrick Chevalley, que está dispoñible en Internet, foi o utilizado para saber exactamente os grados acimutais nos que se producen as postas de sol en diversas datas.

No gráfico dáse conta dos eventos astronómicos que se producen e que involucran ó petroglifo principal ou A. Figuran nel as medicións feitas coa brúxula, a súa corrección para que 0º=Norte xeográfico e a súa relación cos eventos que se indican, que son os seguintes:

a) O aliñamento dos petroglifos A e B co solpor do solsticio de verán. Danse os grados acimutais ós que se orienta a liña A-B e a altitude que, segundo o programa Cartes du Ciel, alcanzou o sol nesa data, e con ese mesmo ángulo acimutal, en 2009 e, tamén, os ángulos e a altitude á que estivo o sol no solsticio de verán de 2999 BC (antes de Xesucristo). Ademais dos datos obtidos co programa informático de Patrick Chevalley, o aliñamento do solsticio de verán foi comprobado directamente, tal e como xa se manifestou en artigos anteriores.

b) A orientación da liña A e C non ten evento coñecido.

c) Os petroglifos A e D (recordemos que o aliñamento inverso apunta cara o castro de San Cibrao das Las) poden responder a unha aliñación co solpor do solsticio de inverno. Tamén se da a altitude que alcanza o sol nas datas de solsticio de inverno de 2999 BC e no solsticio de inverno de 2009, cando está en liña cos petroglifos. Estaremos atentos neste próximo solsticio para ver o que pasa.

d) O aliñamento A-E sinala o punto Sur, cunha diferenza de 5º. A liña inversa, loxicamente, sinalará ó Norte, como xa se indicou noutros artigos.
Ver os petroglifos de Eiras e Lámbrica
Ver OS PETROGLIFOS DE EIRAS
Ver solpores e solsticios nos petroglifos de Eiras
Artigo publicado o 09-12-2009 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor...

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0