Arredor de Lámbrica


Equinoccio de primavera en Lámbrica
Solpor equinoccial dende Lámbrica, entre dúas pedras orientadas.
Esta fotografía foi feita en Lámbrica (San Cibrao das Las, San Amaro) o día 19 de marzo de 2009. Entre as penedas orientadas, das que xa falamos noutros artigos, podemos ver o solpor equinoccial.

As pedras orientadas de Lámbrica, na base da muralla, non permitirían ver este espectáculo do solpor equinoccial se a tal muralla estivese completa. Polo tanto, a orientación das pedras ten que ser obra dunha época anterior.

A pedra da esquerda é a que ten unha adicatoria a Xúpiter, polo que podemos pensar que cando foi gravada a inscrición, na época romana, esas pedras xa debían ter entre os indíxenas algún valor de tipo relixioso ou cultual.

Este valor que os indíxenas daban a eses penedos é o que obriga ós pobos invasores a "romanizar" o lugar introducindo o culto a Xúpiter, un dos integrantes da tríada romana (Xúpiter, Xuno e Minerva) e, polo tanto, un dos seus deuses máis importantes.

Esta "táctica" tamén será practicada polo Cristianismo ó espallarse por estas terras. Por iso é tan frecuente atopar capelas e cruceiros en lugares relacionados con cultos precristiáns, especialmente castros, mámoas e outeiros. Sen ir máis lonxe, a poucos metros cara o Norte da pedra de Xúpiter pódese ver unha ben marcada cruz latina gravada nunha laxa.

Ver máis sobre as pedras orientadas de Lámbrica
Ver a pedra adicada a Xúpiter en Lámbrica
Artigo publicado o 02-11-2009 21:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes e do monte sacro do Santrocado: deuses, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Artigos destacados
 Outros enlaces, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal