Arredor de Lámbrica


Equinoccios en Lámbrica. Xúpiter e o Santrocado
Entre dúas pedras da base dunha muralla de Lámbrica vemos a Pena Corneira no horizonte.
Aínda non está explicado o porqué da curiosa orientación das dúas pequenas pedriñas que hai na base dunha das murallas do castro de San Cibrao das Las, entre San Amaro e Punxín (Ourense), ó que eu prefiro chamar Lámbrica. A fotografía foi feita o 13 de setembro de 2008 no intre do abrente. Como é unha data equinoccial, a sombra indica a dirección Oeste, na que está, ao lonxe, o fermoso Penedo de Pena Corneira (detalle no cadro superior dereito).

As dúas pedras que están na base da muralla, moi sinxelas e algo inclinadas, deben indicar algo. Pódese apreciar que están perfectamente orientadas, unha ó sur da outra, quedando entre ambas un oco por onde se pode ver a saída e a posta do sol equinoccial. A que está ó sur (á esquerda, na fotografía) contén unha inscrición, IOVI, unha dedicatoria a Xúpiter, o que xa nos indica que non é unha pedra calquera.

Cando se constrúe a muralla castrexa, coa altura normal (hoxe ten arredor dun metro) a visibilidade dos abrentes e solpores equinocciais entre esas dúas pedriñas quedaría anulada, polo que estas curiosas rochas xa debían estar alí antes de construír as defensas.

Tamén é curioso que dúas pedras tan pequenas non foran estragadas para ser utilizadas na obra defensiva, pois o seu tamaño e o feito de estar a rentes da obra facía moi facil a súa utilización como elementos construtivos da muralla. Se así non se fixo, posiblemente fora por algo.

Cabe pensar en pedras con algunha atribución de tipo sacro que foron respectadas ó erguer a muralla castrexa e que, nos intres da romanización, foron “rebautizadas” coa dedicatoria a un deus romano, máis importante que os deuses indíxenas, segundo opinaban os conquistadores. O mesmo procedemento utilizará o cristianismo para rebautizar cos seus santiños, cruceiros, capeliñas e igrexas os lugares de culto xa frecuentados moitos séculos antes de que Xesucristo andara polo mundo, tal é o caso de moitas capelas e santuarios que abundan na nosa Terra.

Un exemplo: A un quilómetro ó sur das pedras érguese o monte do Santrocado, onde a capeliña abre as súas portas precisamente cara o Norte, cara o castro das Las (orientación Norte-Sur, igual que están as pedras de IOVI). Nesa capeliña as catro parroquias dos arredores réndenlle culto a un santo avogoso contra as tormentas, San Trocado, seica un Torcuato que foi bispo de Guadix.

Pero a data na que se celebra a súa romaría, tradicionalmente o 15 de maio, coincide coa dos idus dese mes, consagradas ó deus máis importante do Panteón romano (os idus eran os 15 de marzo, maio, xullo e outubro, e os 13 dos demais meses). Este deus é Xúpiter que, casualmente, tiña un lóstrego como atributo nas súas representacións.

O feito de escoller o mes de maio debe provir de cultos prerromanos, moi estendidos en Galicia e celebrados en montes e lugares altos. Tales ritos darían lugar a festividades tan coñecidas coma as dos Maios.

Así, o 15 de maio, día do Santrocado, podemos velo como un sincretismo de ritos que proveñen da noite dos tempos, e nos que a observación do territorio e a orientación precisa dos elementos de culto debeu ter, nos seus inicios, unha grande importancia.

Ver a pedra de Xúpiter en Las e o monte do Santrocado.

Ver artigo de Clodio González Pérez en GaliciaHoxe.com sobre o Santrocado.
Ver a pedra adicada a Xúpiter
Ver foto da Pena Corneira na Wikipedia
Ver o monte do Santrocado na Galipedia
Artigo publicado o 25-10-2009 00:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes, do monte do Santrocado e do Castelo de Laias: deuses, mámoas, petroglifos, castros, xentes...

 Artigos destacados
 Outros artigos, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal