O castro do Coto de Mosteiro está na parroquia de Santa Uxía de Lobás, no concello de O Carballiño. A potencia das murallas visibles anúncianos que se trata dun castro importante, que ben merece a pena visitar e coñecer.
Pero agora mesmo o que máis chama a atención é que os piñeiros medran no adarve da muralla, polo que poderá saberse con técnicas dendrocronolóxicas (contando os aneis dos troncos) os anos de abandono que soporta este fermoso castro dende as últimas operacións de limpeza.
O Coto do Mosteiro é o castro máis importante do concello do Carballiño e o segundo en importancia da comarca despois do castro de
Lámbrica (castro de San Cibrao das Las). Pero este segundo posto na táboa de castros comarcais non é suficiente para que nin os gobernantes nin os donos do monte lle presten a atención que o xacemento merece. O crecemento da vexetación traerá consecuencias fatais para as murallas e todos sairemos perdendo. Derrubaranse as murallas, destruiranse probas arqueolóxicas e espantaranse a estudosos e turistas.
Dende o alto do Mosteiro é posible a visibilidade directa do castro de
Lámbrica, a unha distancia de, aproximadamente, catorce quilómetros en liña recta. Esta circunstancia fai que existan moitas posibilidades de que ambos poboados mantiveran algún tipo de relación.
Un castro grande e outro máis pequeno situados a unha distancia moderada e con comunicación visual entre eles pode facernos pensar en funcións de primacía política ou administrativa do primeiro sobre o segundo. Con este razoamento poderíamos chegar a pensar que a capitalidade do actual territorio comarcal, hoxe no Carballiño, estaría hai dous mil anos nun lugar chamado
Lámbrica, nas abas do monte do Santrocado.
As relacións dos pobos do mundo antigo non teñen nada que ver coas divisións administrativas actuais, polo que teremos que superar o minifundismo administrativo (
concello de..., parroquia de...) para chegar a comprender, protexer e promocionar mellor a nosa rica, riquísima, Prehistoria, na que medran, como no castro do Mosteiro, os piñeiros do abandono que destrúen o noso patrimonio arqueolóxico.