 Amancio Bruquet Albitos, de Casa Valderías en Avión, foi o que fixo esta fotografía. Trátase dunha aliñación de coviñas que está na cima do Castro de San Vicenzo, no concello de Avión (Ourense).
Israel Barandela Rivero e José Manuel Lorenzo Rodríguez citan no seu libro "Petroglifos de Ourense" (Deputación Ourense, 2004, páx 43) un petroglifo que eles denominan como "Avión IV (AvP4)" e que definen como unha rocha de pequenas dimensións (3 x 0,60 x 3,50 m.) insculturada cunha aliñación de catro cazoletas, "aparecendo outras dúas espalladas pola rocha anarquicamente".
Non sabemos se os autores anteriores se referían ás coviñas da fotografía, xa que no alto do Castro de Avión hai máis dunha rocha con insculturas, pero o achádego de Amancio Bruquet dounos a satisfacción de poder ver nas nosas comarcas outro caso de aliñamento de petroglifos cara o punto de solpor no solsticio de verán.
Unha das liñas que forman as coviñas está orientada aproximadamente (coa brúxula) ós 304º azimutais, o punto por onde se pon o sol no devandito solsticio. Na fotografía esa liña ós 304º coincide case coa diagonal que vai do ángulo inferior dereito ó superior esquerdo. A intencionalidade dos gravados parece indiscutible.
Moi cerca desta combinación de coviñas hai unha gran peneda que contén pías na súa parte superior. Unha delas é claramente antrópica -feita polo home- de forma rectangular e bastante profunda. Para subir a esta rocha hai uns pequenos chanzos que nos fan pensar nas fermosas escaleiras dos grandes santuarios castrexos de Ulaca en Ávila ou do de Panóias en Vila Real (Portugal).
Os chanzos de Avión só son esbozos na rocha, non son tan espectaculares coma os dos exemplos citados, pero permítennos establecer paralelismos con eles. Trátase de santuarios no interior dos castros, na cima de grandes penedos ós que os oferentes, sacerdotes ou druídas deberían ascender para realizar os seus ritos.
Chegamos así á conclusión de que este penedo cumpliu funcións de santuario -posible altar de sacrificios- dentro do recinto do fermoso castro de San Vicenzo, a 618 metros de altitude, cunhas impresionantes vistas das paisaxes do contorno.
|