Arredor de Lámbrica


Patrimonio esquecido
Porta do recinto central do Castro de San Cibrao das Las (San Amaro, Ourense).
A menos de dous quilómetros do Castro da Cidade de San Cibrao das Las, onde se está a construír o Centro de Interpretación Castrexa, existen algunhas mostras do abandono ó que está sometido a maior parte do noso patrimonio arqueolóxico.

Ese abandono pásanos factura a diario, perdéndose a eito fontes e evidencias arqueolóxicas -moitas delas non saen nin na prensa- que deberían servir para darnos a coñecer o noso máis remoto pasado e enriquecernos culturalmente.

Ademais, serían susceptibles de constituír unha achega á economía da comarca se se enfocasen debidamente cara unha explotación turística racional.

A peneda dos petroglifos da Ermida , na parroquia de Santa Uxía de Eiras (San Amaro), é un dos exemplos de abandono, situada nun monte no que xorden de repente máquinas escavadoras que aloumiñan os seus alicerces cando se realizan traballos de repoboación forestal. Neste caso, coma en outros moitos, non había constancia na Consellería de Cultura da súa existencia.

Estes petroglifos parecen, coas evidencias astronómicas descubertas, querer dicirnos que os tesouros das lendas de mouros existen. Pero estes tesouros non son máis que as mensaxes desinteresadas que os nosos devanceiros nos deixaron e que nos falan da observación da natureza e da previsión das épocas do ano para anticiparse as labouras estacionais. Pódese, logo, afirmar que os petroglifos non son representacións caprichosas, senón que obedecen a unha deliberada planificación.

A súa realización uns tres milenios anterior á construción da Cidade das Lás non debería nunca supoñer a súa marxinación nos estudos arqueolóxicos serios da contorna. Moi ó contrario, están a falarnos dunha poboación e duns recursos existentes naqueles lugares que xa foran valorados e aproveitados polas xentes de finais do Neolítico e nas épocas do Megalitismo e da Idade do Bronce. O aumento demográfico e a explotación dos recursos mineiros e agropecuarios darán lugar, co paso do tempo, a unhas relacións comerciais Miño abaixo e á creación dunha estructura administrativa e militar que desembocará na construción e consolidación da Cidade de Lás, xa no período castrexo.

Algunhas das observacións arqueoastronómicas realizadas nos petroglifos da Ermida parecen repetirse noutros lugares, como nas pías do cumio do monte do Santrocado ou nas coviñas aliñadas do castro de Avión.

No Santrocado, o aliñamento cara o solpor do solsticio de inverno, podemos tomalo como a continuidade do aliñamento do Abeiro do Raposo.

O aliñamento de coviñas en Avión (uns quilómetros máis alonxado cara o Occidente de Lás) está orientado cara o solpor do solsticio de verán. Ó igual que o caso do Santrocado, pode servirnos para apreciar que a preocupacións astronómicas que xorden a finais do Neolítico seguen a manifestarse dentro do recinto dos castros, construídos dous ou tres mil anos máis tarde, o que nos falaría da pervivencia dunhas prácticas culturais ó traverso dos milenios.

Estas esquecidas e sinxelas mostras do noso patrimono arqueolóxico non son coñecidas, moitas veces nin están inventariadas, e, enriba, son presa fácil de destrución. É logo de urxencia divulgar a súa existencia e promover o seu estudo e catalogación.

Se non se coida e se perde o patrimonio pérdese tamén o disfrute e o rendemento, sexa económico ou non, que ese patrimonio podería brindarnos, pero tamén se perde unha parte do coñecemento humano e unha oportunidade de entender moitas das cousas do pasado que aínda ignoramos.

A Ara de Bandua de Eiras é outro exemplo de abandono. As discrepancias que ofrece a súa lectura deberían ser máis que suficientes para xustificar a súa protección, máis aínda polas conexións evidentes que ten coa Cidade de San Cibrao das Las pois infórmanos do topónimo orixinal do xacemento, Lámbrica, e fálanos da relixiosidade da época romana da contorna.

Ademais, é unha das primeiras testemuñas escritas do concello do San Amaro, contendo o primeiro nome que coñecemos dun habitante daquelas terras. Pero a súa lectura é diverxente por parte de diversos autores, polo que garantizar a súa conservación de cara á realización dunha lectura seria e definitiva é, neste caso, urxente. Ata o de agora non está garantida a súa plena protección nin tampouco a posibilidade de que poida ser visitada polo público, razón obvia que favorece aínda máis o seu esquecemento.

Sirva este blog, cando menos, como manifestación de que estas mostras marabillosas da nosa arqueoloxía aínda existen e que é necesario coñecelas e conservalas para poderen ser estudadas e transmitidas ás próximas xeracións.

Sirva tamén como reivindicación dunha mellor protección e xestión de todo o riquísimo patrimonio arqueolóxico que arrodea ó Castro das Las, a Ciudá de Lámbrica, moitas veces relacionado con ela e que, por estar fóra das súas murallas, non é obxecto de suficiente atención.

Finalmente, estender esta reivindicación para todo o patrimonio arqueolóxico galego, xa que moitas das fontes arqueolóxicas non chegan a ser estudadas porque sucumben a cotío vítimas da depredación e das máquinas, espalladas case sen control por toda a nosa xeografía.

Ver fotografías dos petroglifos da Ermida en Eiras.

A reitoral de San Cibrao das Las: un exemplo da conservación do noso Patrimonio.

Ver categoría Recursos arqueolóxicos, arte e natureza ameazados
Ver os petroglifos de Eiras (San Amaro)
Ver catálogo de xacementos en O Noso Patrimonio
Ver a ara romana de Eiras (San Amaro)
Data da publicación: 31-01-2010 10:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
💫 2009-2019

  💫 Escolma de ligazóns
  🔎 Procurar nos artigos
  📚 Escolma de artigos
  📷 Galerías de imaxes

© by Abertal