Arredor de Lámbrica


A PENEDA DA ERMIDA EN EIRAS
Petroglifos da Ermida en Eiras (San Amaro, Ourense).
O monte de A Ermida está a pouco máis dun quilómetro do Miño, na marxe dereita do seu tramo medio, entre Ourense e Ribadavia. É propiedade comunal dos veciños da parroquia de Santa Uxía de Eiras e pertence administrativamente ó concello de San Amaro e á provincia de Ourense.

Cerca da peneda hai unha mámoa, posiblemente violada, arredor da cal existe a tradición oral de que “alí están enterrados os mouros”, o que nos leva a pensar en ritos megalíticos. O carácter sacro do lugar foi recordado coa erección dun cruceiro tras a cristianización. Tamén hai vestixios de minaría, sendo o contorno rico en casiterita, mineral de estaño, material imprescindible para a fabricación do bronce.

Durante moitos anos ninguén falaba nada dos petroglifos da Ermida, esquecidos no medio do monte, expostos ós incendios forestais, ás extraccións de pedra que alí se fixeron e, recentemente, á ameaza da maquinaria pesada que visitou o lugar para facer unha repoboación forestal.

Unha visita á rocha nas datas dun solsticio de verán mostrou a sorprendente coincidencia do aliñamento de dous dos petroglifos co punto de solpor. Visitas posteriores demostraron que aínda poden atoparse máis "casualidades". Unha marabilla posiblemente anterior á Idade do Bronce, esquecida, como tantas outras, nos montes do rural galego.

Marabilla da que non é comprensible o seu esquecemento, pois o achádego está a só dous quilómetros do Castro das Las. Estas manifestacións arqueolóxicas están relacionadas co territorio circundante do citado castro, comprendido polas actuais parroquias de Laias, Ourantes, As Las e Eiras, territorio que aportou os recursos, minerais e agropecuarios, sen os que a monumentalidade do xacemento castrexo sería inexplicable.

Estas terras agrúpanse arredor do monte do San Trocado, lugar de culto común onde aínda non hai moitos anos subían as catro parroquias o 15 de maio para honrar ó seu santo e "bendicir os campos". Este rito era presidido polo párroco de As Las e pedíase protección contra as tormentas e outros males. Unha clara cristianización de cultos que xurdiran na prehistoria.





Ver foto da peneda nos intres da repoboación de 2009
Ver Eiras na Galipedia
Ver o monte do Santrocado na Galipedia
Artigo publicado o 31-01-2010 10:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes e do monte sacro do Santrocado: deuses, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Artigos destacados
 Outros enlaces, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal