 A citania de Lámbrica está situada entre os concellos ourensáns de San Amaro e Punxín, a 12 quilómetros do Carballiño, a vila do río Arenteiro (acaso do deus Arentio?) que hoxe é a capital comarcal.
Máis coñecida como Castro de San Cibrao das Las, a citania ocupa espazos de monte comunal e de algúns privados nas parroquias de San Cibrao das Las e San Xoán de Ourantes. Pola súa posición xeográfica, Lámbrica controlaba o camiño entre A Barca (Barbantes-Estación), na ribeira do río Miño, e as antigas zonas mineiras do Puzo do Lago, cerca do Castro Grande de Amarante, e dos montes da Madanela, onde tamén atopamos o castro do Coto de Mosteiro. A denominación da citania que pervive na tradición oral é O Monte da Cidade.
|