Lámbrica, a
citania de San Cibrao das Las, ostenta características de agrupamento de poboación, o que poderiamos chamar unha
protocidade, onde as elites dirixentes administrarían os recursos territoriais. Canto maiores sexan eses recursos, maior será a capacidade de crecemento da cidade. Podemos aventurar o control sobre as actividades económicas dos arredores, moi especialmente da minaría (documentada xa por Cuevillas e Chamoso Lamas nas abas do Santrocado) e da agricultura.
Sempre se deixa de lado a manutención dos continxentes de poboación que vivían intramuros no alto dunha citania. É normal supor que os cultivos -especialmente os hortícolas e os de cereais- serían nas terras chairas e baixas, con maior disposición de mananciais para o regadío, maior facilidade para o labor e mellores recursos edáficos. Non é posible que os cultivos se realizasen no alto da citania, onde non habería pouco máis que certas actividades pecuarias con animais de pequeno porte. Calquera que visite un castro pode apreciar que a capacidade da maioría das construcións faría incómodo o coidado de equinos e de bovinos.
Nun PDF publicado polo
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, titulado
"Semillas. Castro de Trelle", fálase da agricultura no noroeste, particularmente nalgúns castros ourensáns.
Destacar que, cara a fin do texto, cítase ao
desaparecido castro de Laias como un nos que se teñen documentada a chegada
"á fase de acumulación de excedentes, superando a de autoconsumo". Os excedentes son xestionados por grupos sociais privilexiados, contribuíndo a aumentar a diferenciación social.
Continúa a dicir o texto (cita literal):
"En Laias aparecen fosas y estructuras complejas de almacenamiento (para Triticum aestivum spelta, Panicum miliaceum y Vicia faba) datadas en el Hierro II (o en la transición a la ocupación romana). Se trata de silos rectangulares de 1-1,5 m, con fondo de madera o corteza y paredes de vegetales trenzados, recubiertos de arcilla. Estas acumulaciones revelan una importante centralización de recursos, con redistribución en el territorio, con una estructura política, dirigida por una élite. Tiene sus paralelos en los poblados fortificados británicos e irlandeses (ej. en el yacimiento de Danebury). El castro fue destruido al realizar el trazado de la autovía A-52 en la década de los 90 del pasado siglo".
A Segunda Idade do Ferro abarca, aproximadamente, dende o séculos VI ou V ata o III ou II antes de Xesucristo.
Os
silos rectangulares de 1-1,5 metros atopados en Laias, con fondo de madeira ou cortiza e paredes de vexetais trenzados, recubertos de arxila... ben poderían ser os avós dos cabaceiros das nosas aldeas.
A poboación de Lámbrica, algo máis ao Norte de Laias, ten que obedecer tamén a unha acumulación de recursos e necesita igualmente dun amplo territorio cultivable para atender as demandas alimenticias dos
dous milleiros de persoas que puido albergar en certos momentos.
Non debe descartarse a relación de
Lámbrica con
Laias, unidas polo monte do Santrocado, onde posiblemente houbo un
centro relixioso común.
Podería ser que, en certa ocasión, fose necesario desplazar o establecemento da
protocidade ou
urbe, centralizadora e administradora dos recursos do territorio, dende Laias ao monte da Chaira, entre San Cibrao das Las e Ourantes. Podería influír a necesidade de control de territorio cara o Norte (desde Laias non se pode controlar o Norte), onde se atopan os recursos mineiros do Puzo do Lago e dos montes de
Lobás, no Carballiño.
Tamén debe terse en conta que as posibilidades defensivas de Lámbrica melloraron ao alonxarse discretamente da beira do río Miño, a mellor canle de comunicación naqueles tempos. Lámbrica está "
agochada" das miradas indiscretas de bandidos ou invasores que viaxaran polo Miño, ao que conduce unha
vía terrestre.
O castro de Laias foi destruído en 1997 polas obras da autovía A-52. Dicía Fraga que ían "
a todo gas", deixándonos sen un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes da provincia e Ourense, que xa fora estudado a principios do século XX por Cuevillas, Xaquín Lourenzo e Chamoso Lamas, é dicir, que xa era coñecido cando se deseñou o trazado da A-52. Os arqueólogos calaron
coma petos mentres os políticos e as empresas trituraban o xacemento.
Quédanos
Lámbrica, pero o seu estudo nunca estará completo se non se fai paralelamente co territorio e cos restos arqueolóxicos que a circundan e que, ademais, axudan a explicar a existencia desta gran citania nun recuncho da provincia de Ourense, onde un valado metálico nun monte comunal pecha un lugar de actividades lúdicas pra nenos.